Nace a Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres para erixir un novo símbolo

No padroado sentan o Parlamento, a Xunta, o Concello de Santiago e o Arcebispado. Miguel Santalices será o primeiro presidente. Rueda chama a blindar un referente para as novas xeracións e a alcaldesa de Compostela pide abrir Bonaval á poboación e ao turismo
Goretti Sanmartín, Alfonso Rueda, Miguel Ángel Santalices e José Prieto.NACHO SANTÁS
Goretti Sanmartín, Alfonso Rueda, Miguel Ángel Santalices e José Prieto. NACHO SANTÁS

A igrexa de San Domingos de Bonaval, onde repousan os restos de Rosalía de Castro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey e Domingo Fontán, acolleu onte a constitución da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, promovida polo Parlamento, a Xunta, o Concello de Santiago e o Arcebispado.

Queda así afianzada a protección deste emblema tralo acordo unánime que PPdeG, BNG e PSdeG selaron en xullo de 2023 para regular por lei a xestión pública do Panteón situado na Capela da Anunciación como un dos símbolos da identidade de Galicia á altura da bandeira ou o himno.

Baixo este paraugas legal asinouse este sábado o documento de creación da nova fundación. A presidencia correrá a cargo do deputado de máis alto rango da Cámara galega, sendo o primeiro en estrear esta encomenda Miguel Ángel Santalices. "Honrado" de asumir o mandato de "preservar o carácter institucional do Panteón", o deputado popular subliñou que o acto de onte supón a consolidación "dun símbolo de harmonía", froito "dun amplo acordo social e político". "O compromiso unánime constitúe a mellor garantía de futuro e permanencia do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como elemento singular da identidade galega", sinalou o seu primeiro espada, que constatou que o lugar debe converterse tamén en "referencia no devir da conciencia das novas xeracións".

Constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. NACHO SANTÁS
Constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. NACHO SANTÁS

Ademais do padroado —que encabezará Santalices e que contará con representantes de Xunta, Concello e Arquidiócese, como fundadores e cos membros da Mesa do Parlamento—, a fundación disporá dunha comisión asesora conformada polo Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes, as tres universidades públicas, as consellerías de Cultura e Facenda, o Concello, o Arcebispado, o Museo do Pobo Galego, a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e os padroados das fundacións que honran a memoria dos persoeiros sepultados no recinto.

Rueda aposta por "recuperar" dende a "pluralidade" un espazo que sexa referente para as novas xeracións

No acto, que contou cunha nutrida representación da vida política e da sociedade civil, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosouse convencido de que "os nosos devanceiros aquí soterrados" celebrarían o paso dado, que supón transitar "polo camiño da lealdade institucional". Por iso, o mandatario chamou a "recuperar", dende a "pluralidade", un espazo "de enorme carga simbólica", que representa "a todos os galegos e galegas, os de onte, os de hoxe e, a partir de agora, todos os que estean por vir".

Rueda incidiu en que os alí soterrados constitúen "símbolos inmortais" de Galicia e "exemplos inspiradores do espírito de superación" que, ao seu ver, caracteriza aos galegos. Nas figuras de Rosalía, Brañas, Cabanillas, Asorey, Fontán e Castelao, o líder do PPdeG percibe a converxencia "dos mellores sentimentos do noso pobo, sempre guiados polo galeguismo integrador" que, receitou, "debería" inspirar tamén "o labor cotiá de todas as institucións" que onte asinaron o documento ante o notario Manuel Remuñán López.

Al alcaldesa chama a ter "as portas abertas" ás visitas dos galegos e ao turismo

Entre os asinantes estivo a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que sinalou que queda por diante subir "moitos chanzos" para que o Panteón deveña "nun centro de referencia do noso país coas portas abertas para que os galegos o visiten" e tamén para o coñecemento dos turistas. Tomando os panteóns de Portugal e París como exemplos, apostou por incluír o galego en roteiros literarios, visitas oficiais e nas conmemoracións nacionais.

Citando os versos de Rosalía, Sanmartín indicou que "non pode acabar o que é eterno, nin pode ter fin a inmensidade", ao que engadiu que, ademais de honrar ás figuras cuxos restos descansan en Bonaval, o recinto convoca a "amosar o noso orgullo como nación".

Do seu lado, o arcebispo Francisco José Prieto destacou que o acto de onte reflictiu "o consenso unánime do pobo galego" ao tempo que expresou o compromiso da Igrexa cun proxecto "chamado a ser grande, vertebrador, xeneroso, aberto e cheo de posibilidades".

A blindaxe dun emblema estreado hai 134 anos

A historia do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres arranca no 1891 co traslado dos restos de Rosalía de Castro dende o cemiterio de Adina, en Padrón, seis anos trala morte da autora de 'Cantares Galegos' e 'Follas Novas'. No 1906 sería soterrado o rexionalista Alfredo Brañas. Os seguintes serían o escultor Francisco Asorey, no 1961; o escritor Ramón Cabanillas (1967) e, no 1984, recalarían no Panteón os restos de Castelao, falecido en Bos Aires no 1950. O último sería o matemático e cartógrafo Domingo Fontán, trasladado no 1988, 122 anos tralo seu pasamento.

Ao acto acudiron representantes políticos como o voceiro parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, ou o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea. A líder do BNG, Ana Pontón, destacou o "paso decisivo" dado coa nova fundación para recuperar a xestión civil "dun espazo simbólico que define a nosa identidade como galegos". Botando a vista atrás, a secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, lembrou que o proceso se iniciou "hai case tres lustros", cando Ramón Villares, daquela á fronte do Consello da Cultura Galega, propuxo constituír unha fundación.

Comentarios