Miguel Ángel Rodríguez: "Non imos substituír Booking, pero si ser unha app alternativa"

Dono dun dos establecementos do Camiño francés, o presidente de Agalber desenvolveu con membros da asociación unha nova aplicación de reservas orientada en exclusiva á ruta xacobea. Trátase de Bookalbergue, unha alternativa sen comisións a outras grandes plataformas online
agalber
Miguel Ángel Rodríguez, presidente de Agalber. EP

Á fronte da Asociación Galega de Albergues Privados (Agalber) dende fai cinco anos, Miguel Ángel Rodríguez (Pedrafita, 1981) xestiona un albergue no seu municipio por onde pasa o Camiño Francés. Miguel e os membros da asociación veñen de promover unha APP pioneira nas reservas online en Galicia, Bookalbergue. Tras poñer en marcha unha primeira versión máis analóxica, os membros de Agalber piden axuda á Xunta para incorporar novas melloras necesarias para que a app sexa eficiente e funcional. Esta iniciativa está exclusivamente orientada aos albergues e ao camiño e pretende traspasar as fronteiras de Galicia.

Cando e como xurdiu a idea en Agalber de crear esta plataforma de Bookalbergue?
A plataforma era unha idea que a todos nos rondaba na cabeza xa que nos gustaría poder vender as nosas camas sen intermediarios, como Booking e outras páxinas que nos cobran bastante. Así que coa pandemia, sen traballo, decidimos aproveitar para arrancar con este proxecto. A dificultade que atopamos é que moi poucos albergues tiñan un sistema de xestión capaz de vender as camas online para o que se necesita un determinado software, polo que nesa primeira versión na que recibimos apoio da Xunta as reservas eran de confirmación. Como vimos que non era eficaz decidimos dar o seguinte paso no que esperamos que a Xunta nos siga apoiando, promocionándonos e enchendo a nosa páxina con albergues.

Cantos albergues se sumaron a esta iniciativa?
Agora mesmo hai uns 30 que teñen un sistema de xestión no que se poden poñer as camas online e no que xa se poden reservar directamente. En total, son 120 os que están na app con contacto a través de WhatsApp ou outros medios, pero non dixitalizados. Necesitamos moitos máis usuarios para que a plataforma sexa útil para o peregrino, ten que haber suficiente oferta. O que nos falta é convencer a máis albergues de que se dixitalicen, de que empreguen estas ferramentas e, ao mesmo tempo, que a web funcione ben porque hai melloras que facer. Ademais queremos contratar a unha persoa que asesore aos negocios, que vaia fisicamente porta por porta e que lles explique as ferramentas que teñen á súa disposición, como funcionan, que necesitan... Todo isto supón uns custos bastante altos.

Inscribirse é gratuíto para os albergues que queiran facelo? Como se mantén a plataforma?
Agora mesmo a plataforma mantémola os socios de Agalber e este ano non vai ter custo para ninguén. Queremos que todos os interesados se unan e, aínda que nun principio a inscrición vai ser gratuíta, despois dependerá de se recibimos ou non axudas, e do número de albergues que teñamos.

"En Galicia hai webs con información, pero non hai ningunha páxina con un proceso de reservas efectivas"

Cal é o voso obxectivo?
O obxectivo é que polo menos en cada etapa de todos os camiños haxa tres ou catro albergues para ofrecer camas online de reserva directa. Isto suporía uns 80 ou 90 albergues, un número ideal para arrancar. A idea é que se poidan sumar empresas de todos os camiños, non só de Galicia. Xa falamos con albergues e asociacións de Castilla y León e de Navarra, que nos animan coa iniciativa. En Galicia hai webs con información pero ningunha páxina ten un proceso de reservas efectivas.

A plataforma está pensada tamén para Airbnb ou pisos turísticos?
Non, é unha iniciativa da Asociación Galega de Albergues (Agalber), pensada para os albergues e o camiño exclusivamente.

Cre que se continúa esta dependencia das grandes plataformas o negocio deste tipo de pensións xa non vai ser viable?
Si que será viable, pero incrementa o custo e iso fai que o Camiño encareza tamén. A cama no albergue sempre foi a opción máis económica, pero a calidade vai repercutindo nos gastos que tes que asumir e que non sabes onde van parar, son para empresas multinacionais. Así podemos aforrar unha parte das comisións.

Canto cobran as grandes plataformas polos seus servizos?
Poñer un anuncio non ten custo ningún, o que fan é cobrar unha comisión por cada reserva. Comeza nun 15% e de aí para arriba, hai sitios nos que hai pagar ata un 30%. Isto depende do emprazamento no que queiras aparecer nos resultados de búsqueda, quen paga máis ten máis prioridade á hora de aparecer e, polo tanto, é máis visible.

Están recibindo apoio dos albergues galegos ou perciben que prefiren seguir pagándolle ás grandes plataformas porque deste xeito aseguran a súa visibilidade?
Si que contamos con ese apoio, o que pasa é que a relación con Booking é de amor-odio. É unha plataforma moi importante, que dá moita visibilidade e todo o mundo quere estar aí. É unha app de referencia á hora de facer reservas. Nós non imos poder substituír Booking pero queremos ser unha alternativa. O prezo en Bookalbergue vai ser máis baixo, porque non levamos ningunha comisión. A xente está desexando que isto exista para non ter que recurrir ás condicións de Booking, que poden chegar a ser moi abusivas. Non imos poder competir con este xigante, que é unha das plataformas de referencia en canto a reservas, e desprazalo, pero si autoxestionarnos.

Que apoio institucional precisades para que a proposta prospere?
Xa hai catro meses que presentamos ante a Xunta unha proposta de apoio económico para facer esta inversión, para posicionarse na web e incluir melloras, e, sobre todo, para contar cunha persoa que asesore aos albergues e os anime a dixitalizarse. Pedimos o apoio preciso para levar o proxecto a cabo, só nos queda esperar a que nos den o OK para empezar a traballar neste proxecto.

Comentarios