Alberto Varela: "Non pode ser que outras administracións cadren as súas contas á custa dos concellos"

Aos mandos da Fegamp dende 2019, o alcalde de Vilagarcía eleva a presión para lograr melloras no financiamento dos concellos despois dun 2024 que rematou con nulos avances en cuestións centrais como a cobertura da factura do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) pola Xunta e o Estado. Advirte que hai municipios "nunha situación desesperada". No tocante ao novo recibo do lixo que todos os concellos deberán incorporar a partir de abril, sostén que "como todas as novidades, custa implantalas".
Alberto Varela, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. NACHO SANTÁS
Alberto Varela, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. NACHO SANTÁS

O socialista Alberto Varela (Vilagarcía, 1975) é, ata o momento, o único alcalde que recuncou á fronte da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ao ser refrendado en novembro de 2023 para un segundo mandato. Coa bagaxe que lle confiren os dez anos que leva como rexedor de Vilagarcía, este avogado cre que as fusións "non funcionan" aquí polo "sentido de arraigamento e identidade" dos galegos. Ten no debate sobre as competencias impropias e a mellora do financiamento local dous obxectivos centrais para 2025 e amósase especialmente crítico coa falta de "avances" co Goberno de Alfonso Rueda.

Nos últimos días deixou claras as reivindicacións para as que a Fegamp pide resposta á Xunta, pero co Goberno central tamén toca abordar a reforma do financiamento local. Neste punto, cales son as reclamacións?
Por parte da federación nacional [a Femp] estase reivindicando que, así como se está abordando a reforma do financiamento autonómico ten que facerse o mesmo coas administracións locais. É necesario porque cada vez temos máis competencias. As orixinais veñen do ano 1985, da Lei de Bases de Réxime Local, e neste tempo cambiaron moito. Por iso é necesario actualizar o financiamento. Por parte da propia Fegamp, demandamos ao Estado, e tamén á Xunta, que se teñan en conta particularidades de Galicia como a dispersión ou o envellecemento, superior á media nacional. Ata agora, esas peticións non se teñen tido en conta. Así como lle reivindicamos ao Estado que hai que reformar o financiamento, á Xunta demandámoslle que aumente o Fondo de Cooperación Local, que leva conxelado máis de 20 anos. A única reforma que se propuxo este ano non beneficiaba aos 313 concellos. Isto non pode ser.

Os concellos están a explotar convenientemente a súa capacidade recadatoria?
Chaman a atención datos como que non todos cobran unha taxa pola recollida do lixo… Primeiro, temos as nosas obrigas. Financiámonos coa nosa propia recadación, pero a Constitución tamén establece moi clariño que coas achegas que temos que recibir dos ingresos Estado e da comunidade. Nestes anos aumentou a participación nos ingresos estatais. Non o fixo da mesma maneira a participación nos fondos incondicionados por parte da Xunta. Respecto á taxa do lixo, está claro que a Lei de residuos e chans contaminados para unha economía circular de 2022 fixou un prazo de tres anos para que tódolos concellos cobremos mediante esa taxa o custo real que xera a xestión do lixo. Niso imos ter que estar. A maioría está cobrando os tributos que lle corresponde cobrar. Os que non o estean realizado, dende logo, teñen que facelo. Outra cousa é a suba do canon de Sogama que aplicou a Xunta, que non está xustificada. Falouse moito de que era un imposto obrigatorio establecido polo Estado pero non se dixo que toda a recadación ía ás arcas da comunidade ao ser un imposto cedido. En resumo, os concellos estamos facendo os deberes que nos tocan en materia de recadación. Outras administración non os fan nas transferencias que teñen obriga de realizar.

Os concellos estamos facendo os deberes en materia de recadación. Outras administracións non os fan coas transferencias

Polo de agora, só Santiago se está movendo para aplicar a taxa turística. Darán o paso máis concellos?
Nos que son turísticos coma o meu, Vilagarcía, esta actividade achega un retorno económico moi importante para a hostalaría e o comercio. Os turistas son benvidos a Galicia, pero esa presenza de máis poboación ao longo do ano xera máis gastos aos municipios na prestación dos servizos. Non se ten que demonizar o debate da taxa turística. Pode axudar a paliar o sobrecusto que ocasiona ter que prestar eses servizos a unha maior poboación durante un determinado tempo. Pero se hai outras fórmulas que permitan que poidamos prestar un bo servizo público, estamos dispostos a escoitar alternativas.

En novembro, reuniuse por última vez a comisión técnica de delimitación competencial integrada por Xunta e Fegamp. Visto que a idea era que se volvese citar cada dous meses, debera estar ao caer. Que agardan desa cita?
Primeiro, agardamos ritmo. Esa xuntanza xa deberá terse celebrado pero atrasouse por parte da Xunta. Van cinco reunións en dous anos e, de momento, non hai avances. Falouse da posibilidade de ir chegando a acordos parciais na medida en que houbera entendementos pero, de momento, non deu moitos froitos. Temos vontade negociadora porque é moi necesario para os concellos que deixemos claras as competencias de cada quen e como teñen que estar financiadas as que se nos atribúen, en moitos casos, mediante leis sectoriais. Se non é así, moitos concellos non van poder asumir esas novas encomendas que se nos están a impor. Esperamos avances. Fixemos o traballo que se nos pediu, pois isto xa vén dunha primeira comisión de cooperación local co expresidente Feijóo, na que nos invitamos a facer unha auditoría. Puxemos cifras sobre os centos de millón que estamos asumindo e que non nos corresponden. Dixéronnos que non eran rigorosas, pero non vimos outras cifras que poidan contradicirnos.

Por iso a Fegamp encargou recentemente un informe a expertos como os profesores Santiago Lago ou Xoaquín Fernández Leiceaga?

Si. Queremos ser o máis rigorosos posibles. Por iso sempre que damos a información é de datos oficiais. Como fixemos no traballo de competencias, agora queremos mover a árbore para que poida mellorar o financiamento. Por iso encargamos un informe para falar dos temas que nos preocupan: o financiamento, os tributos que temos que cobrar, o Servizo de Axuda no Fogar e todas as cuestións que poñen aos concellos nunha situación moi apertada.

Deixou claro que o SAF está a ser unha lousa pola falta de recursos. A conselleira de Política Social dixo nos últimos días que o asunto está en negociación e tendeu a man a ampliar a súa achega sempre que o Estado cumpra coa súa parte.
Para que haxa unha negociación teñen que sentarse as dúas partes. A última vez que falei co presidente da Xunta [reuníronse en xuño] díxosenos que ía subir o financiamento do SAF. Malia as reiteradas reunións que solicitamos, non houbo posibilidade de sentarse. A negociación, neste momento, non existe. Pedimos que se cumpra a Lei de dependencia, que di que a xestión recae nos concellos pero non así o financiamento. Estamos nun prezo medio por riba dos 20 euros por hora en moitos municipios, por parte do Estado e a Xunta recibimos 12. A diferenza poñémola os concellos e hai unha pequena achega, nalgúns casos, do usuario. Se a Xunta ten que reclamarlle ao Estado unha maior achega en dependencia, iso depende da súa capacidade de convicción. É a súa responsabilidade recibir eses fondos. Non pode ser que outras administracións cadren as súas contas á conta dos concellos. Moitos están nunha situación desesperada. Non poden prestar as horas de SAF porque non teñen os recursos e os expedientes sancionadores da consellería son a gota que colma o vaso.

Hai que procurar non xerar polémicas estériles co eólico. Estamos a disposición de Xunta, Estado e sector para traballar e para para posibilitar a implantación

Temen que aumente a morosidade e que se acumulen facturas de provedores nos caixóns?
Se estamos dedicando parte dos fondos de tódolos veciños a cubrir as competencias que corresponden a outras administracións, sucederá o mesmo que nunha casa. Para poder afrontar as competencias que outros non asumen estamos tendo que deixar de facer outras cousas que si nos competen.

Cumpriría darlle unha pensada ao papel das deputacións para botarlle unha man aos concellos que se atopen en maiores apuros?
Sempre defenderei que os que mellor coñecemos as necesidades dos nosos veciños somos os concellos. O mellor que poden facer son eses plans que permiten autonomía aos municipios para decidir en que investir. Por iso sempre pedimos que os fondos non sexan condicionados. Logo, evidentemente, hai concellos máis pequenos aos que o persoal das deputacións pode botarlles unha man.

Imos tratar de cumprir co novo recibo do lixo. Traballamos para ver cal é a mellor fórmula para que pague máis quen máis residuos xera

En setembro reabríase o debate sobre as fusións. Un informe encargado pola Xunta receitaba unións voluntarias para formar municipios con polo menos 5.000 veciños. Como o ve a Fegamp?
En todo o tempo que se leva falando de fusións só frutificaron dúas, pese a que esta fórmula está apoiada pola comunidade cun maior financiamento, pois dentro do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local dáselle un plus aos concellos fusionados. Aínda así, son unha anécdota. Non é tan sinxelo como que cun estudo se nos diga que se van abaratar custos. Cada territorio ten a súa identidade, quere manter os seus nomes, costumes e tradición. Somos un pobo con sentido de arraigamento e identidade propia, por iso non están funcionando as fusión. Outra cousa é estudar alternativas como as mancomunidades ou prestar determinados servizos mancomunados que funcionan e que poderían abaratar custos.

Sogama ten incidido en que hai que facer máis no ámbito local para reciclar máis e así pagar menos pola xestión da bolsa negra.
É unha visión simplista porque os que depositamos o lixo nos contedores somos os veciños e veciñas. Hai que tratar de facer maiores campañas de concienciación. Por iso lle pedimos á Consellería de Medio Ambiente e ao director de Sogama colaboración e coordinación para concienciar á cidadanía. Tampouco creo que beneficie estar tratando de botarlle a culpa da suba do canon ao Estado respecto a unha norma europea que busca unha mellor xestión e tratamento dos residuos. Falan de taxazo cando a realidade é que a recadación queda nas arcas da Xunta.

Antes do 10 de abril os concellos deberán emitir un recibo exclusivo para o lixo. Van estar preparados?
Imos tratar de cumprir, como tamén a maioría intentamos cumprir coa obriga de ter o quinto contedor para a compostaxe. Como todas as novidades, custa implantalas. Hai moitas dúbidas pero estamos traballando uns con outros para ver cal é a mellor fórmula. Invitamos tamén ao resto de administracións para ver cal é a mellor fórmula para cumprir o que fixa a lei: que pague máis o que máis residuos xere. Ten que cubrirse o servizo, e que paguemos polo tratamento de residuos, pero a finalidade última ten que ser esa. Ao longo deste ano todos os concellos iremos adaptándonos ao que establecen as normativas estatal e europea. Dende a Fegamp fixemos unha guía de apoio para a elaboración e aprobación das ordenanzas fiscais.

Cal é a postura da Fegamp ante o parón eólico cando os parques son unha vía de ingresos a nivel local?
Temos que facer unha reflexión sobre que modelo queremos. Hai que procurar non xerar polémicas estériles. A Fegamp está a disposición de Xunta, Estado e sector para traballar e para posibilitar esa implantación. Ao mellor non se poden implantar muíños en tódolos ámbitos, pero temos que apostar por enerxías limpas.

Comentarios