Un novo decreto da Xunta axiliza permisos para a talla de madeira

Exclúese da norma a madeira queimada, co obxectivo de evitar fins especulativos

Talla forestal en Vilalba. AEP
photo_camera Tala forestal en Vilalba. AEP

A Xunta aprobou este mércores un novo decreto de aproveitamentos forestais que axiliza a tramitación para a talla de madeira con excepcións, como a da madeira queimada, co obxectivo de evitar fins especulativos.

Así o anunciou este mércores en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que asegurou que esta norma permitirá "simplificar e axilizar" os trámites para cortar madeira pero "preservando a lexislación patrimonial e ambiental" existente.

O decreto afectará as tallas de madeira e leña, pero tamén ás de cortiza, pastos ou micolóxicos nos montes de xestión privada.

A novidade principal reside nos tempos de autorización, que se reducen notablemente desde os seis meses de media actuais aos que facían fronte algunhas das 85.000 solicitudes que a Xunta recibe cada ano.

Deste xeito, no caso dos terreos sen protección ou con plantacións de coníferas, para a súa talla servirá cunha comunicación previa e non fará falta a aceptación da administración, consolidando a "declaración responsable".

Así a declaración responsable será o requisito principal nos aproveitamentos en montes ordenados, no caso das especies que non sexan frondosas e non estean en espazos protexidos, ademais de en as tallas para uso doméstico, en zonas afectadas por unha expropiación ou nas tallas obrigadas pola normativa de defensa contra os incendios ou en casos de praga ou enfermidade.

Mentres tanto, nos terreos nos que si existen limitacións forestais como os montes que están poboados por frondosas e coníferas autóctonas ou que forman parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección, "o silencio administrativo será positivo" xa que se a administración non responde nun prazo de dous meses será entendido como consentimento e considerarase autorizada a talla.

"Esas son as regras de xogo, son as medidas que adoptamos", proclamou Núñez Feijóo tras a reunión semanal do seu gabinete.

O presidente recordou que xa desde o pasado día 26 de abril está operativa unha aplicación informática que permite a presentación electrónica tanto da declaración responsable como da autorización única de tallas, a través da sede electrónica da Xunta.

Nela, inclúese unha plataforma de información xeorreferenciada ou visor de tallas, o que permitirá que con só introducir a referencia catastral do terreo onde se quere cortar madeira se visualicen todas as proteccións administrativas que o afectan, facilitando a tramitación.

O obxectivo é que os propietarios dos terreos forestais poidan levar a cabo os aproveitamentos madeireiros nun menor tempo de tramitación, con menos visitas á administración e cun só pago ante a Xunta.

A Xunta destina 18,2 millóns ao programa Fábrica Intelixente 
O Goberno galego tamén aprobou este mércores a segunda convocatoria da segunda edición do programa Fábrica Intelixente, que contará cun orzamento de 18,2 millóns de euros, co obxectivo de consolidar unha industria galega moderna e crear postos de traballo cualificados.

Así o avanzou Alberto Núñez Feijóo, que explicou que a apertura desta convocatoria prodúcese tras o "interese" de doce empresas de sectores estratéxicos da economía galega, como a pesca, o forestal, a automoción, a agroalimentación e as telecomunicacións.

Con este programa preténdese apoiar a entre oito e dez proxectos cos que a Xunta aspira a mobilizar un total de 70 millóns de euros, segundo explicou Núñez Feijóo.

Como novidade, esta vez a convocatoria diríxese a pequenas "e medianas empresas", a diferenza da primeira edición na que as empresas que recibiron o impulso autonómico mediante o programa Fábrica Intelixente foron PSA Peugeot Citroën e Televés.

Comentarios