A oposición critica as contas da Xunta por "antisociais" e cuestiona as rebaixas fiscais anunciadas

O PP destaca que os orzamentos recuperan niveis impositivos previos á crise, como o caso da taxa de Patrimonio 

Xunta de portavoces. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Xunta de portavoces. XOÁN REY (EFE)

En Marea, PSdeG e BNG coincidiron en criticar os orzamentos presentados pola Xunta de Galicia para 2019 ao consideralos "antisociais" e con "pouca empatía social", e puxeron en dúbida as rebaixas fiscais anunciadas polo Goberno galego. 

Así o transmitiron ao termo da Xunta de Portavoces, que fixou o calendario de tramitación das contas para o ano 2019, que foron remitidas este venres polo Goberno autonómico á Cámara. 

Á espera de poder analizalos con máis detalle, os grupos da oposición realizaron unha primeira valoración do documento. En Marea e do BNG coincidiron en denunciar que se beneficiará ás rendas altas coa reforma do imposto de patrimonio, mentres que o PP defendeu que esta modificación situará o imposto nos niveis fixados "por gobernos de esquerdas" antes da crise. 

Así, o portavoz de En Marea, Luís Villares, foi moi crítico no que se refire ás rebaixas fiscais anunciadas, ao entender que tres delas son "irrelevantes" e que tan só responden a un intento de "esconder" a "insultante" rebaixa do imposto do patrimonio para quen teña máis de 700.000 euros —elimínase a subida para este imposto realizada en 2013—.

"O imposto de Patrimonio o que fai é beneficiar a ricachóns e non afectar o conxunto da sociedade e ás clases medias", denunciou Villares. Así, explicou que ata 160.000 euros a rebaixa é do 0,06, pero cun patrimonio de 10 millóns de euros, será do 0,53. "De tal forma que ata 167.000 euros, a rebaixa será apenas de 50 ou 60 euros, pero se un ten 10 millóns de euros, a rebaixa será de 40.000 euros", censurou, cualificando esta medida dun "enmascaramento que o Partido Popular fai para beneficiar a determinados amigos". 

"CLIENTELISMO DE MERCADOTECNIA". Tamén o Partido Socialista cargou contra as contas presentadas pola Xunta, ao considerar que non pechan as "feridas sociais aínda abertas" pola crise, a pesar de que o "presidente da Xunta e o conselleiro de Facenda ven todo de cor de rosa". 

Para o portavoz socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, "Feijóo o que fai son anuncios que reviste de gran pompa, coma se tivesen gran dimensión, pero ao baixar á realidade o impacto desas medidas é moi limitado". 

Á espera de analizar "os detalles en materia fiscal", argumentou que "ano tras ano" hai "anuncios grandilocuentes en política fiscal". Con todo, a posteriori obsérvase que "a recadación por eses tributos sobe" e tachou de "clientelismo de mercadotecnia" as rebaixas fiscais previstas. "Unha parte pode ver con que haxa unha expansión da base fiscal pero hai outra que é sorprendente, anúnciannos que en sucesións elimínase a tributación para o 99% das herdanzas, pero o nivel de recadación fiscal está a subir nos últimos anos, non deixa de suscitar unha certa perplexidade", alertou.

O BNG CRITICA OS "AGASALLOS FISCAIS" A RENDAS ALTAS. Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén advertiu de que os orzamentos presentados polo goberno da Xunta "non van dar resposta a dúas das grandes preocupacións" da maioría dos galegos, en canto a servizos públicos como sanidade, emprego ou educación e á creación de emprego "para recuperar o perdido durante a crise". 

Trátase, agregou, "duns orzamentos antisociais", que "poden deixar en evidencia que o proxecto de Feijóo está esgotado, sen ideas, sen iniciativa, sen impulso, sen ambición de país, un Goberno que está nunha fase cada vez máis decadente". 

Tamén Pontón asegurou que as contas para 2019 non teñen "unha fiscalidade xusta", porque "seguen facendo agasallos fiscais ás rendas máis altas mentres que hai esmolas e recortes pequenos que a maioría dos galegos non van notar". 

O PP DEFENDE A EXECUCIÓN. Pola súa banda, o portavoz do PP, Pedro Puy, replicou que as críticas da oposición son as "habituais", matizando que "hai unha diferenza substancial entre propoñer subida de impostos como é a do diesel, que fan administracións apoiadas por grupos de oposición en Galicia, e baixar tributos para impulsar política social ou gastos de familia". 

Preguntado na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces polas críticas á taxa sobre o patrimonio, subliñou que o que fará o Goberno galego é "recuperar o imposto previo á crise, o que estaba establecido polo goberno socialista tanto estatal, que despois de suprimilo recuperouno, como o socialista e nacionalista na Xunta antes da crise". 

Agregou que se persegue "a recuperación da fiscalidade previa á crise, que era a que fixasen gobernos de esquerdas tanto a nivel estatal como autonómico". 

En canto á execución orzamentaria, defendeu que o Goberno galego "executa por encima do previsto", con "un 101 ou 102%" e a variación da composición interna do gasto faise, fundamentalmente, para aumentar partidas sociais. 

Comentarios