
A investigación abriuse pola denuncia dunha entidade que xestiona a propiedade intelectual
O titular do Xulgado número 3 de Santiago de Compostela, Andrés Lago Louro, ordenou retirar e parar a comercialización do receptor WebTV que vendía a marca Blusens ante a investigación aberta na que foi detido o dono e outras dúas persoas da mesma empresa.
Fontes do sector dos electrodomésticos e electrónica confirmaron a Europa Press que na xornada deste mércores chegaron instrucións para retirar dos lineais este produto, así como para paralizar a comercialización por motivos xudiciais.
Ademais, a recomendación dada nalgunhas destas tendas foi a de recoller os datos aos clientes que acudan a preguntar –deixaron de funcionar as aplicacións de descodificación– e esperar a ter novas instrucións sobre estes receptores.
O produto –coa referencia actual– comercialízanse desde fai uns dous anos e en tenda ten un prezo que oscila entre os 90 e os 130 euros en función da oferta vixente.
PROPIEDADE INTELECTUAL. A investigación ao dono de Blusens e outros dous membros da empresa iniciouse pola denuncia dunha entidade que xestiona a propiedade intelectual e agora instrúea o titular do Xulgado número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro.
Fontes xurídicas e da investigación confirmaron a Europa Press que a investigación, que se mantén secreta e que polo momento se saldou con tres detidos, investigan supostos delitos contra a propiedade intelectual vinculados coa comercialización duns receptores WebTV.
Precisamente, desde o martes deixaron de funcionar as aplicacións de recepción de sinal de televisión incluídas nos aparellos que comercializaba Blusens. Concretamente, permitían a posibilidade de descargar aplicacións coas que poder conectarse a ligazóns piratas de webs con películas, series e deportes, entre outros contidos.
O fundador da empresa galega de electrónica Blusens, José Ramón García, quedou en liberdade provisional, após ser detido en relación a un suposto delito contra a propiedade intelectual e organización criminal.
Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xuíz que instrúe a causa decidiu que queda en liberdade provisional con comparecencias periódicas e ordenou a retirada do seu pasaporte.
OUTROS CASOS. No pasado outras causas afectaron a Blusens. Así, en 2012 o xulgado do mercantil número 1 da Coruña condenou a Blusens a cesar na elaboración e distribución do seu catálogo por entender que infrinxía os dereitos de propiedade intelectual de Televés.
Após a quebra de Blusens, José Ramón García está á fronte, desde 2014, da compañía Visualiza Business, que conta con investimentos en diferentes sectores.