Ourense e Ponteareas, puntos de control de auga ante posibles rebrotes

A Edar de Reza da cidade das Burgas e o río Tea ao seu paso por Ponteareas serán as zonas a estudar
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Material para a toma de mostras. EFE

O Goberno central levará a cabo un control das augas residuais como indicador epidemiolóxico de alerta temperá de propagación do coronavirus, para o que seleccionou a estación depuradora de augas residuais de Reza, en Ourense, como un dos puntos de alerta de posibles rebrotes do covid-19. Así mesmo, escolleu a zona de baño do río Tea, na Freixa-Ponteareas (Pontevedra), para realizar controis no marco do mesmo programa.

Segundo informou o Ministerio para a Transición Ecolóxica, os puntos de control, tanto en plantas depuradoras como en zonas de baño de interior, foron acordados coas comunidades autónomas.

En total, vanse controlar 30 depuradoras de augas residuais urbanas e dez zonas de baño nas que se realizarán de forma periódica nos próximos meses mostraxes para analizar a concentración dos restos de virus existente na auga como alerta ante posibles rebrotes.

Ponse en marcha así as actividades previstas no proxecto estatal de vixilancia para alerta temperá de covid-19 en augas residuais (VATar-COVID19), desenvolvido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Ministerio de Sanidade, co apoio do Consello Superior de Investigacións Científicas, o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) e as comunidades autónomas.

Alerta temperá

O sistema VATar-COVID-19 contribuirá a identificar a presenza de persoas infectadas polo novo coronavirus a través das augas residuais da depuradora da poboación.

Para iso determínase a presenza de fragmentos do ARN do SARSCoV-2 (virus causante do covid-19) nas augas de entrada á depuradora. Como complemento a este traballo, vaise a analizar o mesmo indicador nalgunhas zonas de baño de augas continentais.

Toma inicial

A toma inicial de mostras nas zonas de baño de augas continentais seleccionadas iniciouse o pasado 22 de xuño, e a próxima semana comezarán as mostraxes das primeiras estacións depuradoras seleccionadas en Galicia, Comunidade de Madrid, País Vasco, Estremadura, Navarra e Asturias.

As depuradoras de augas residuais urbanas seleccionáronse atendendo a criterios de mobilidade e interconexión entre poboacións, maior afluencia de turismo, poboacións favorables á expansión rápida da enfermidade, impacto da enfermidade ou climatoloxía.

En canto ás zonas de baño, os dez puntos de control seleccionáronse tendo en conta a afluencia de bañistas, os resultados previos sobre a calidade das augas, o caudal e características da canle, a temperatura da auga e a representatividade xeográfica.

As análises das mostras realizaranse en laboratorios de investigación de universidades e do CSIC, todos con ampla experiencia e coñecemento en análise e interpretación de datos sobre presenza de virus entéricos en mostras de auga.

Comentarios