domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

Pachi Vázquez presenta Espazo Común cunhas 20 candidaturas "xa perfiladas"

Pachi Vázquez, en la presentación de Espazo Común. BRAIS LORENZO
Pachi Vázquez, en la presentación de Espazo Común. BRAIS LORENZO

O exconselleiro confirma contactos con cargos socialistas de Lugo, A Coruña e Pontevedra

O que fora secretario do PSdeG-PSOE e que abandonou as filas socialistas a finais de 2018 por diferenzas coa cúpula provincial e galega, Manuel Pachi Vázquez, presentou este xoves a nova marca coa que concorrerá a estas eleccións municipais do 26 de maio, Espazo Socialista Común, que nace como "nova ferramenta de acción política", con aspiración de conseguir representación en varias localidades, incluída a cidade de Ourense.

Vázquez oficializou a candidatura nun acto celebrado no Hotel Princess de Ourense, onde estivo acompañado doutros excargos do partido, como a exsecretaria de Organización do PSOE de Ourense, María Quintas, o exdiputado provincial Francisco Fraga, e a exportavoz de Maceda Ana María Rodríguez. Tamén estivo na roda o exportavoz do PSOE do Carballiño Adolfo Nogueira.

Nunha concorrida rolda de prensa, o exlíder dos socialistas galegos manifestou a súa "ilusión" pola posta en marcha deste proxecto que cualificou como "un movemento cidadán de acción política", que se nutre, segundo manifestou, de persoas "de acción política que lle guste mollarse e implicarse nas tomas de decisións", desencantado coas actuais direccións do partido.

Sobre este particular, insistiu en que este proxecto non nace como "un partido de encabuxados" senón que ten "vocación de permanencia", e que estarían a traballar xa "preto de 400 persoas", segundo as súas propias palabras.

Neste momento, concretou que xa teñen "practicamente pechadas" candidaturas en preto dunha vintena de concellos da provincia ourensá, incluída a cidade, sen descartar que poidan seguir este mesmo camiño outras provincias galegas, tras confirmar contactos con cargos socialistas de Lugo, Pontevedra e A Coruña.

Sen pechar a porta a liderar unha candidatura no Carballiño, ratificou que intentarán presentar unha candidatura na cidade, liderada por unha "muller proxección" e que sexa representativa para a cidade.

O exconselleiro, quen manifestou que se foi porque non sentía representado polo PSOE, mostrou a súa intención de configurar "unha proposta de centro-esquerda", galeguista, socialdemócrata, progresista e constitucionalista nunha crítica directa á actual dirección nacional do PSOE ao que acusou de "flirtear" con forzas non constitucionalistas.

Así, indicou que o novo partido nace como un espazo libre de opinión ante a actual praxe das direccións ás que acusou de crear "un ambiente irrespirable" con dous grandes retos, que son "alcanzar unha gran representación" e conseguir que as institucións deixen de estar representadas polo PP e que permita ser un partido de referencia fronte aos partidos de sempre.

No caso da cidade de Ourense, Pachi Vázquez insistiu en que a pretensión é configurar unha gran candidatura que leve "aire fresco" fronte ao actual "bloqueo" da cidade.

Neste sentido, criticou as propostas de esquerdas na cidade, por unha banda, o PSOE, que representa "máis do mesmo"; Ourense en Común, que "non sabe nin quen é" e, un BNG que se atopa "en horas baixas".

"Aí é onde imos traballar para que a oferta política teña candidatura integradora e de centro-esquerda", abundou Vázquez, quen responsabilizou a todos os partidos municipais da parálise da cidade, onde opinou que tamén ten unha importancia responsabilidade Democracia Ourensana.

"O do pacto con Baltar cae polo seu propio peso"
Preguntado polas recentes manifestacións realizadas polo secretario provincial, Rafael Rodríguez, quen aludiu a un suposto pacto de Pachi Vázquez co PP opinou que o argumento se cae "polo seu propio peso" e recordou que o "adversario político é a dereita" e non a nova candidatura.

Pola súa banda, Fraga Civeira, quen asegurou que Espazo Común non nace con ánimo de "desquite" tras a súa saída do PSOE, asegurou que é un "día importante" para esta nova marca política que pretende "dar resposta ás inquietudes" dos veciños que "non atopan representación". 

Pachi Vázquez presenta Espazo Común cunhas 20 candidaturas "xa...
Comentarios