jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

A Policía filipina afirma que Diego Bello tamén ten "varios cargos por violación"

Diego Bello. EP
Diego Bello. EP
As autoridades do país asiático seguen xustificando o asasinato do mozo coruñés con acusacións tan graves como dubidosas

O dislate das autoridades filipinas co falecido Diego Belo Lafuente parece non ter fin. Mentres a súa familia, rota de dor, intenta desde A Coruña axilizar os trámites para repatriar o cadáver, a Policía do país asiático segue acusando o mozo de cargos tan graves como dubidosos. "Temos rexistros de que o narcotraficante asasinado tiña varias denuncias de violación", comunicou o oficial Wise Vicente Panuelos nas últimas horas ao diario local Minda News, desde o que aseguran dispor dunha "copia dunha das denuncias presentadas" contra o mozo coruñés por unha muller na illa de Siargao, onde o mozo tiña varios negocios e unha casa na que convivía coa súa noiva.

O mando policial expón tamén que "todas as denuncias acabaron arquivadas" aínda que se mostra "convencido" da culpabilidade de Diego neses sucesos. "Sorpréndeme que non chegase a ser xulgado", afirma, obviando fundamento algún, o oficial Panuelos, que reitera ademais que o mozo galego era o maior narcotraficante da zona na que residía. "Hi was the number 1 drug personality in the region", cita textualmente ante un reporteiro de Minda News, tras o que explica que levaban "meses seguíndoo" tras vinculalo co achado dun alixo de 40 fardos de cocaína nas costas do arquipélago que realizou a Philippine Drug Enforcement Agency.

Durante a conversación, o xornalista do medio filipino transmite ao policía as "dúbidas" da contorna do mozo coruñés sobre a veracidade da versión oficial. "Temos probas moi sólidas", resolve o oficial Panuelos, que finaliza a entrevista lanzando unha contundente mensaxe supostamente exemplarizante. "O que ocorreu [con Diego] sirve para que quen estean involucrados no tráfico de drogas fuxan. Non toleramos iso no noso país".

Así mesmo, o diario Minda News tamén puido saber, de boca do axente Panuelos, que persoal da embaixada española en Manila tiña previsto viaxar este venres ao lugar onde o mozo foi cribado —o distrito de General Luna, na illa de Siargao, a uns 800 quilómetros da capital filipina— para "recompilar información sobre este incidente (sic)", incluíndo entrevistas coa propia policía.

Neste sentido, un amigo de Diego informou a AGN de que a embaixada se comprometeu coa familia a transmitirlle "practicamente en tempo real" toda a información que vaia solicitando. De todos os xeitos, tendo en conta da actitude das autoridades filipinas respecto ao caso de Diego, parece difícil que o Goberno do arquipélago dea outras explicacións que non sexan as expostas ata agora, que xa non só non son verídicas para a familia, senón que supoñen unha ofensa para eles nestes momentos tan duros. "Encima de chorar ao seu fillo por perdelo desta forma tan estúpida e inexplicable teñen que soportar que o tachen de narcotraficante. Non ten nome o que están a facer", lamentaba Sergi Fabregat, amigo persoal do falecido.

Doazóns desde todo o mundo para que o féretro chegue á Coruña
Aos seus 32 anos, Diego viaxara por moitos recunchos do mundo e en todos cultivou amizades. Dúas delas puxeron en marcha unha campaña de crowfunding para axudar á familia cos gastos da repatriación do cadáver a España. A resposta non se fixo esperar e en apenas 24 horas a iniciativa reunira case 10.000 euros desde lugares como España, Filipinas, Australia ou Estados Unidos.

É difícil aventurar prazos en países cuxa burocracia non é a máis transparente, pero o consulado español confía en que a familia de Diego poida velalo na Coruña a principios da próxima semana.

A Policía filipina afirma que Diego Bello tamén ten "varios cargos...
Comentarios