Pontecesures e Rianxo decretan tres días de loito oficial polas vítimas de Sri Lanka

O Parlamento e a Xunta celebraron un minuto de silencio en memoria de María González Vicente e Alberto Chaves

Minuto de silencio no Parlamento en memoria de María González Vicente e Alberto Chaves. PEPE FERRÍN
photo_camera Minuto de silencio no Parlamento en memoria de María González Vicente e Alberto Chaves. PEPE FERRÍN

O concello de Pontecesures decretou nun pleno extraordinario tres días de loito oficial pola morte de María González Vicente e Alberto Chaves, dous mozos veciños da primeira localidade, que perderon a vida nos ataques do pasado domingo en Sri Lanka.

Deste xeito, o alcalde da localidade, José Manuel Vidal, leu unha declaración institucional, asinada por todos os grupos políticos, na que condenou "esta violencia inxustificable que rompe o máis inquebrantable alicerce da democracia, que é o dereito á vida". 

"O concello quere expresar a súa solidariedade coas familias dos veciños falecidos. A súa dor é a dor do pobo de Pontecesures", expresou o rexedor, quen engadiu que a corporación local comprométese a axudalos de forma "incondicional e ilimitada". 

Vidal expresou a pena "de todo o pobo" e lamentou que aínda quedan entre sete e nove días para a repatriación dos corpos. "O procedemento a seguir vén marcado polos prazos que establece o consulado e a embaixada", explicou. 

"Creo que ter os corpos dos seus fillos para velalos e enterralos axudaría un pouco a mitigar a dor das familias", indicou o alcalde, quen asegurou que ambas as familias están "esnaquizadas" xa que "foi un mazazo importante". "Todo o pobo está a tratar de recuperarse deste pau", sentenciou. 

Ademais, este martes a partir das 20.30 horas levarase a cabo no concello pontevedrés unha concentración veciñal en repulsa dos atentados que acabaron coa vida dos dous mozos, á cal asistirá a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.

BANDEIRAS A MEDIA HASTA. Tamén Rianxo decretou tres días de loito oficial polas vítimas, xa que Alberto Chaves era nativo da localidade, polo que as bandeiras ondearán a media hasta. O seu rexedor, Adolfo Muiños, lamentou os atentados e mostrou a súa solidariedade coas familias dos falecidos. 

Neste sentido, o municipio coruñés levou a cabo un acto na praza do concello a partir das 12.00 horas deste martes no que asistiron preto de 200 veciños para gardar un minuto de silencio polas vítimas. 

En declaracións a Europa Press, Muiños deu as grazas, ademais, ao concello de Padrón, xa que, a pesar de ser o día de Rianxo nas festas de Padrón, "suspendéronse todos os actos".

INSTITUCIÓNS. Pola súa banda, o Parlamento de Galicia tamén levou a cabo un minuto de silencio ás 12.00 horas deste martes en memoria das vítimas galegas dos atentados perpetrados o pasado fin de semana en Sri Lanka. A concentración realizouse tras a Xunta de Portavoces dentro da escalinata interior do edificio do Hórreo, debido ás condicións climáticas. 

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, expresou as súas condolencias aos familiares e amigos dos falecidos, á vez que se mostrou convencido de que "xamais o terrorismo logrará dobregar ás sociedades e ás persoas de ben". Tamén enviou o seu pésame aos alcaldes de Pontecesures e de Rianxo. 

Ademais, á mesma hora, a Xunta de Galicia levou a cabo un minuto de silencio por María González Vicente e Alberto Chaves. 

Feijóo, acompañado por membros do seu goberno, durante o minuto de silencio en memoria das vítimas galegas dos atentados en Sri Lanka. XOÁN REI (EFE)

No acto, que se desenvolveu na porta da Presidencia do edificio administrativo do Executivo autonómico en Santiago de Compostela, estiveron presentes, entre outros, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, así como o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

"ABRAZO CARIÑOSO". Así mesmo, a ministra de Defensa, Margarita Robles, quixo enviar este martes "un abrazo moi cariñoso" á familia de María e Alberto, os mozos asasinados en Sri Lanka e asegurou que este atentado "demostra que o terrorismo segue sendo unha ameaza mundial e por iso é tan importante o compromiso que ten España e as súas Forzas Armadas nas distintas misións de paz nas que están a participar ao longo do mundo". 

Ditas manifestacións realizounas Robles en Ferrol, nun breve encontro cos medios de comunicación durante un paseo de campaña por esta cidade coruñesa, onde estivo acompañada de diversos responsables do PSdeG. "Non podía estar hoxe aquí, en Ferrol, en Galicia, sen enviar ese abrazo á familia de María e Alberto", sentenciou. 

Comentarios