
A presentación oficial terá lugar o 21 de setembro
A Xunta Local do PP de Vigo apoiou este luns á actual presidenta, Elena Muñoz, como candidata á alcaldía de Vigo nas próximas eleccións municipais.
A presentación oficial terá lugar o próximo 21 de setembro nun acto que contará coa presenza do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.
Elena Muñoz mostrou a súa "ilusión" por seguir "traballando por un proxecto para Vigo desde o partido máis importante da cidade". "Levo máis de 3 anos moi intensos traballando por Vigo e para Vigo. Foi un tempo dunha dedicación absoluta no que tratei de devolverlle a Vigo todo o que Vigo me deu e se merece", profundou.
Elena Muñoz quixo agradecer "a honra e o recoñecemento" deste respaldo á propia Xunta Local e chamou a todos a construír xuntos "un Vigo de futuro, aberto e cosmopolita, solidario e dialogante, capaz de volver liderar Galicia e o noroeste peninsular".
"Vigo demanda novas ideas; un proxecto novo e comprometido capaz de ilusionar á cidade e afastado do continuo enfrontamento político", continuou Elena Muñoz, quen avanzou que, a partir de hoxe, "o PP de Vigo ponse en marcha cun obxectivo claro: recuperar a Alcaldía" nos comicios municipais do próximo ano.
"Queremos construír ese gran Vigo que todos desexamos, e que non se sigan pondo paus nas rodas con fins electoralistas", concluíu Muñoz.