O PPdeG pedirá incrementar as mesas e suprimir a taxa de terrazas durante 2020

Os populares trasladaron o seu "apoio incondicional" a un dos sectores máis castigados por esta pandemia como é o da hostalería
Xente paseando e nas terrazas en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Xente paseando e nas terrazas en Lugo. XESÚS PONTE

O PPdeG presentará unha moción nos concellos galegos para que se permita incrementar o número de mesas en terrazas dos establecementos de hostalería e pedirá a supresión da taxa de ocupación destes espazos durante o ano 2020.

Así o destacou a formación nun comunicado remitido aos medios, no que sinala que a declaración do estado de alarma non só impuxo restricións á mobilidade das persoas, senón tamén a suspensión ou a limitación dun número importante de actividades sociais e económicas ante o risco para a saúde pública que supón o Covid-19.

Os populares trasladaron o seu "apoio incondicional" a un dos sectores máis castigados por esta pandemia como é o da hostalería, "desempeñado por un amplo número de autónomos ou pequenas empresas que xeran moitos empregos nos concellos".

O PPdeG, que subliña que a prioridade é "garantir a saúde dos cidadáns", indicou que estes establecementos se están vendo privados de gran parte da súa facturación anual polo peche obrigado durante estes meses. Ademais, sinalou que a gran maioría debe afrontar gastos operativos fixos, como os financeiros, o aluguer ou os tributarios, que comprometen seriamente a súa viabilidade económica.

O PP pide axilidade e dilixencia na resolución destes permisos, informando aos titulares dos establecementos desta posibilidade normativa

Os populares recordan que en Galicia, coa activación da fase 1 da desescalada, poderán abrir ao público as terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalería e restauración limitandose ao 50% das mesas permitidas no ano 2019 en base á correspondente licenza municipal.

Ademais, indica que este precepto habilita aos concellos a permitir o incremento do número de mesas que lle correspondería a ese establecemento aumentando a superficie destinada á terraza e, con iso, facilitando que se respecten as necesarias distancias de seguridade entre as cadeiras das mesas.

A maiores destas cuestións, o PP pide axilidade e dilixencia na resolución destes permisos, informando aos titulares dos establecementos desta posibilidade normativa e da dispoñibilidade da administración local para a súa implementación.

Comentarios