Temperaturas próximas aos 30 graos, ceos despexados e unha sensación estival en pleno inicio da primavera. Así viviu Galicia unha fin de semana calorosa e con temperaturas por encima do habitual na época do ano, unha situación que se prolongará durante toda a semana que arrinca.
As praias de Galicia, especialmente na fachada atlántica, recibiron xa este domingo a un bo número de bañistas, como se aprecia na imaxe, tomada na praia sanxenxina de Silgar.
Os 28 graos de máxima que marcaron os termómetros en Pontevedra foi a máis elevada de Galicia. Para este luns espérase que se chegue aos 26 graos en Ourense, aos 25 en Vigo e a Boa Vila e aos máis agradables18 graos en Lugo, Ferrol e Santiago.
A previsión para os próximos días é que se manteñan os ceos despexados, aínda que as temperaturas descenderán gradualmente durante a semana.
Segundo o Boletín de tempo meteorolóxico con avisos publicado por Meteogalicia, recollido por Europa Press, durante este martes esténdese a alerta amarela por mar de vento a todo o litoral norte.
En concreto, durante toda a xornada deste martes o aviso será amarelo na Costa da Morte e costa noroeste por vento nordeste, forza 7, con algún intervalo de forza 8. Ademais, a partir das 9.00 horas deste martes o aviso será amarelo na Mariña por vento nordeste, forza 7.