Profesionais sanitarios avisan: "Os PAC's non se venden, deféndense"

Concentrados ante o Parlamento galego, reclaman "unhas urxencias primarias dignas"

Representantes de varios PAC gallegos, se manifiestan ante el Parlamento de Galicia. LUIS POLO
photo_camera Representantes de varios PAC gallegos, se manifiestan ante el Parlamento de Galicia. LUIS POLO

Decenas de persoas pertencentes ao colectivo 'PACs en pé de guerra' concentráronse este mércores ante o Parlamento galego con motivo da comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ante a comisión de investigación para determinar as consecuencias dos recortes e privatización do sistema sanitario galego, para avisar ao xefe do Executivo de que "os PACs non se venden, deféndense".

Este cántico, sumado a "¿Onde está Feijóo? Escondido na comisión", foi dos máis repetidos entre as persoas congregadas ás portas do Hórreo demandando "unhas urxencias primarias dignas". En declaracións á prensa, Eva Vidal, traballadora da PAC de Cariño, explicou que "os pacientes son os que sofren a precariedade" en primeiro lugar, aínda que os empregados dos centros tratan "de paliar" os recortes "á conta do noso esforzo persoal". "Traballamos todas as tardes, todos os festivos" e "non os pagan", sinalou.

Vidal asegurou que a pesar de que o seu PAC sexa un centro pequeno e por iso o principal problema non resulte estar na carga asistencial, a problemática máis grave atópase nos "traslados dos pacientes graves" posto que obrigan a deixar o PAC desatendido. Cando hai que desprazar a un paciente grave, este é acompañado polo "médico e enfermeiro de garda" na ambulancia, polo que o PAC déixase "sen asistencia, unhas dúas horas".

Este efectivamente é o caso que se deu na PAC da Estrada no mes de agosto, cando unha persoa morreu sen asistencia médica. Por iso, a principal reivindicación é unha "dotación de persoal correspondente".

Pola súa banda, Ana Boedo, da zona da Coruña, subliñou que a precariedade dos centros de atención débese a unha "mala xestión" por parte duns directivos que non se preocupan polos profesionais e que, logo de meses en folga, aínda non se sentaron a negociar algunhas das peticións principais. Entre estas demandas, Boedo destacou o ofrecer "comida e cea en garda 24 horas", unha "xornada que non nos penalice por estar de baixa", que se paguen as horas extras, e contar con dous "equipos completos" como mínimo en cada PAC. 

Comentarios