"Queremos implicar a toda a sociedade e ás administracións na defensa dos nosos nenos"

Amparo González Méndez, directora xeral de Familia e Infancia, é consciente de que os nenos son o futuro, e máis nunha comunidade na que o golpe demográfico é contundente

Amparo González Méndez (Ourense, 1973). AEP
photo_camera Amparo González Méndez (Ourense, 1973). AEP

Amparo González Méndez debulla as principais liñas de actuación dunha estratexia adaptada ás necesidades dos menores de Galicia e na que a colaboración entre administracións e entidades se torna fundamental.

Inicialmente, a iniciativa chamábase Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia 20162020. Porén, agora pasa a rexir só o período 2018-2020. Que se fixo nestes tres últimos anos?

Efectivamente. Comezamos a traballar nesta estratexia galega en 2016, xa que foi un proceso participativo con achegas dun gran número de entidades administrativas, sindicatos, asociacións do terceiro sector... e fundamentalmente todas as consellerías da Xunta, porque cremos que temos que traballar dunha forma transversal e totalmente integral. Este ano por fin a aprobamos.

Houbo moito traballo.

Si, é certo que foron anos de moito traballo, pero tamén foron cambiando a situación e as necesidades dos nosos nenos e adolescentes. Queríamos facer un traballo rigoroso que non só tivese aparellados obxectivos e medidas estratéxicas, senón tamén indicadores  e planificacións para saber cando se van poñer en marcha cada unha das medidas e cando se vai facerse esa avaliación. Unha parte moi importante foi que tamén levase aparellado un orzamento, que é de máis de 190 millóns de custo directo. A maiores haberá outras estratexias, como as destinadas ao ámbito da familia, que tamén redundan nos nosos nenos e nenas. Todo iso levou tempo.

Di que desde 2016 cambiaron as necesidades dos nenos. Que cambiou exactamente e cal é a situación en Galicia hoxe en día?

Temos catro liñas estratéxicas que se centran niso. A primeria é de promoción dos dereitos e participación dos nosos nenos e nenas, porque entendemos que é necesario promover esa cultura e a sensibilidade social. En 2015 modificáronse as leis estatais de protección do menor, que din que hai que escoitar os nenos.

Podería citarme unha ou dúas medidas concretas?

Por exemplo, incluir na tramitación das contas un informe sobre o impacto dos orzamentos na infancia. É moi importante saber canto inviste a Xunta nos nosos nenos. Tamén estamos a traballar, en colaboración con Unicef, no programa Cidades Amigas da Infancia: máis de dez concellos teñen ese calificativo de cidade amiga e neles os nenos teñen a posibilidade de achegar e de ser escoitados para que, cando se tomen determinadas actuacións, se teñan en conta as súas necesidades.

Como pode a Xunta garantir que os nenos son escoitados? Cales son as canles para este fin?

O programa Cidades Amigas da Infancia supón que os concellos teñan unha planificación para a infancia e a adolescencia e que, ademais, se comprometan a escoitalos para despois telos en conta.

Entón, poderíamos dicir que esta estratexia baséase na colaboración ente administracións?

É unha estratexia da Xunta, pero ben é certo que participa e queremos implicar a toda a sociedade.

Fáleme agora do contido da segunda liña de traballo.

Fai referencia ao crecemento equilibrado e saudable, coa que queremos procurar ese benestar fisíco e psíquico en todos os niveis e promocionar un estilo de vida saudable no ámbito familiar. Entre as medidas, traballamos en campañas de prevención da desprotección infantil, en especial do maltrato e do abuso sexual. É certo que nos últimos tempos están saíndo cada vez máis casos de nenos que están sufrindo unha serie de violencia, e por iso temos medidas para previr, actuar e informar sobre esta cuestión.

Que mecanismos de control ten a Xunta? Moitas asociacións din que as campañas son papel mollado sen proactividade neste sentido.

Empezamos a traballar niso hai anos, tras ser a primeira comunidade en adherirse á campaña do Consello de Europa Un de cada cinco. Estamos traballando en distintas medidas: sensibilizar a sociedade en que existen estes casos, para que calquera persoa que teña algún tipo de sospeita de que a un neno lle está a pasar algo o comunique. En todo caso, nós sempre temos o teléfono da infancia, que é o 116.111. Pero non podemos quedar ahí. Somos competentes no tema da protección á infancia, porque todos os nenos en situación de desamparo están protexidos pola Xunta.

Entendo que, se se dá algún destes supostos, a custodia do neno pasa á Xunta en primerira instancia.

O que facemos en primeiro lugar é estudar o caso de forma transversal. Solicitamos informes aos concellos, porque son a porta de entrada; falamos cos colexios, con pediatría... Se comprobamos que a situación é de risco ou desamparo, a Xunta actúa como titora. Tamén hai casos de posible risco nos que traballamos coa familia para que non vaia a máis.

Que pode dicirme da tercera liña de actuación deste plan?

Refírese á intervención en situacións de dificultade, risco e conflito persoal, familiar e social. Neste caso, o que queremos facer é desenvolver unha intervención integral para todos os nenos, e que teñan en conta esas diferenzas individuais, de xénero e de contexto social. Puxemos en marcha programas de atención sociosanitaria dirixidos a mulleres embarazadas para que se coiden e teñan bos hábitos, xa que iso repercute no bebé. Queremos evitar que ese neno vaia nun futuro ao sistema de protección. Xunto a isto, poñemos en marcha procesos específicos para a prevención e a abordaxe da violencia filioparental, unha realidade que medra.

E que trata o último dos eixos?

Da mellora do sistema e a práctica institucional. Unha das actuacións que contempla é a creación dun observatorio galego de familia e da infancia. Consideramos que é moi importante polo seu carácter asesor, de apoio e de análise. Será a canle máis idónea para facer ese seguimento da Estratexia Galega de Infancia e da Adolescencia. Xunto a isto, queremos impulsar novos convenios de colaboración que garantan a atención de nenos, nenas e adolescentes no sistema de protección e reforma. Cremos que é realmente importante tanto no tema educativo como no que compete ao sanitario.

Comentarios