Repuntan os contaxios en Galicia nun momento de alta mortalidade

A comunidade contabilizou 515 novos positivos, fronte os 383 detectados a xornada pasada
Dous homes con máscara pasean pola rúa. DAVID FREIRE
photo_camera Dous homes con máscara pasean pola rúa. DAVID FREIRE

Galicia rexistrou 515 novos casos de contaxio de coronavirus nas últimas horas –este martes foron 383–, segundo o balance diario comunicado pola Consellería de Sanidade, nun momento no que as vítimas mortais superan a decena ao día.

Segundo a contabilización do citado departamento da Xunta, hai actualmente 9.869 pacientes infectados con coronavirus ou con síntomas da enfermidade illados nos seus domicilios, 85 menos que o martes, así como 95 pacientes graves de covid-19 en terapia intensiva en Uci –os mesmos que na xornada anterior– e outros 516 en camas nos hospitais galegos.

A área sanitaria de Vigo volve tirar da estatística de novos positivos detectados con PCR, 150 nas últimas 24 horas, para deixar en 2.463 a cifra de contaxios activos.

A da Coruña rexistrou 114 novos casos para un total de 1.921 casos activos; na de Santiago, 73, para un total de 1.185 casos activos; Pontevedra, 64, para un total de 1.263 casos activos; Ourense, 43, para un total de 929 casos activos; Ferrol, 37, para un total de 978 casos activos; e Lugo, 34, para un total de 1.129 casos activos.

A pandemia, que infectou xa en Galicia a un total de 43.053 persoas, deixou ata o momento 1.024 falecidos, dos cales case tres cuartas partes maiores de 80 anos, e nos últimos días as vítimas mortais foron máis dunha decena ao día. O martes contabilizáronse 15 mortos.

Outras 32.161 persoas lograron sobrepoñerse á infección e á enfermidade, segundo os cálculos da Consellería de Sanidade.

Entre os infectados figuran máis de seiscentas persoas de residencias de maiores, medio centenar de centros de persoas con discapacidade e uns 1.300 alumnos, profesores e administrativos de centros educativos.

Segundo os seus cálculos, en Galicia efectuáronse un total de 764.216 probas xenéticas PCR e outras 407.555 serolóxicas.

En total hai 44 municipios en alerta vermella pola incidencia acumulada de contaxios no últimos sete días.

Comentarios