Román Rodríguez: "Espero que o anuncio de Sánchez traia fondos; a educación pagámola e xestionámola as comunidades"

Cunha xornada de folga de docentes convocada para o vindeiro xoves, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP amosa o seu descontento logo de que o presidente do Goberno avanzase una lei para reducir horarios lectivos e ratios de alumnos sen informar as autonomías. Di que "chega tarde" e que Galicia vai por diante
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na consellería en Santiago. LUIS POLO
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na consellería en Santiago. LUIS POLO

Como cada setembro, a volta ás aulas non está exenta das queixas de pais e docentes que piden máis profesorado e recursos. A reformulación do programa E-Dixgal pola que o libro en papel complementará en maior medida o ensino dixital, o debate suscitado polas instrucións que obrigan a que a neutralidade ideolóxica presida as actividades académicas e a implantación das formacións aceleradas en FP son algunhas novidades. Malia asumir que "quedan moitas cousas por facer", o responsable da política educativa galega, Román Rodríguez (Lalín, 1968) defende que o sistema "ten mellorado de xeito máis que notable nos últimos anos".

O curso arrincou o día oito e xa se produciu unha manifestación que vai ser a antesala da folga que a CIG convocou para o día 25, unha acción que tamén secundou o sindicato STEG. Que avaliación fai?
Estamos ante unha serie de mobilizacións que forman parte da estratexia do sindicato nacionalista CIG. Cando os novos responsables autonómicos e sectoriais tomaron posesión, puxeron o conflito como un eixo estratéxico na súa acción. Isto contrasta co traballo que fan outras organizacións coas que é posible negociar, chegar a acordos e lograr pasos de mellora. Na miña traxectoria, só asinamos un acordo coa CIG, pero foi coa CIG Transportes. Respecto a súa estratéxica pero non a comparto. Temos que traballar tendo sempre capacidade de buscar consenso e espírito dialogante.

Fala das centrais coas que dialogan. En outubro do 2023 selaron o acordo de redución de ratios con Anpe, CC.OO. e UGT. Pero o pasado xuño presentaron un recurso no contencioso administrativo. En que punto está o asunto?
Fíxese. Os tres sindicatos son hoxe os que están propoñendo chegar a un acordo a nivel estatal. E, por certo, levan algunha das ideas que se implementaron aquí de maneira que Pedro Sánchez chega tarde. O acordo do 2023 estase desenvolvendo. Temos unha diferenza de matiz respecto ao ritmo de implementación. As organizacións sindicais, que con capacidade de diálogo e altura de miras asinaron no seu momento, queren que se faga de golpe. E nós, que sexa de xeito progresivo. Esa é a diverxencia e buscamos un árbitro para que dirima. Pero temos unha liña na que continuamos traballando. De feito, hai pouco aprobamos o plan para reducir a burocracia nos centros. Fixémolo da man dos tres sindicatos porque estaba no acordo.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez. LUIS POLO

Mencionaba o anuncio que fixo o presidente do Goberno, que consiste en fixar por lei a redución do horario lectivo a 23 horas para os mestres e a 18 para o profesorado de secundaria. As 23 horas de primaria xa estaban previstas no acordo que asinou a Xunta hai dous anos, pero que pasa con secundaria?
No propio acordo contémplase iniciar as negociacións no momento no cal, a nivel xeral para todo o persoal da Xunta se pasara das 37,5 horas ás 35. E tamén tiñamos unha folla de ruta predeseñada para comezar os traballos preparativos. É algo que estaba previsto. Ademais, adiantámonos ao Goberno de Sánchez, pois xa incluimos reducir as ratios de alumnos por aula, aínda que non coñecemos o que propón o ministerio neste punto. O noso acordo é moito máis completo: tiña redución de horarios, de ratios, de burocracia e tamén inclúe a carreira profesional docente con complementos económicos. E ten unha medida pioneira que outras comunidades copian: ponderar os alumnos con necesidades educativas especiais por dous ou por tres en función do nivel de discapacidade, unha medida que Andalucía incluíu agora.

Falta coñecer o detalle do que propón o ministerio...
Temos que saber se isto é só un anuncio para a galería. Pero é unha absoluta deslealdade cara ás comunidades autónomas, incluídas as do PSOE que, ata onde sei, se enteraron pola prensa, igual ca nós. Quen paga aos profesores e quen xestiona a educación son as comunidades. Espero que o que plantea o presidente Sánchez traia un financiamento parello. Se non, sería un 'eu invito e ti pagas'. E espero que teña capacidade para sacar adiante a lei, porque a súa taxa de éxito lexislativo é a que é.

"Temos que saber se é só un anuncio de Sánchez para a galería. Enterámonos pola prensa. É unha deslealdade cara ás comunidades"

As instrucións organizativas para este curso incluíron o reforzo da autoridade do profesorado. Por que o xulgaron necesario?
O profesor ten que ser respectado porque é un dos piares básicos para o proceso formativo dos rapaces. En Galicia, temos un bo clima de convivencia, aínda que tamén temos algúns casos nos que o profesorado necesita máis axuda por parte da administración.

O apartado desas instrucións que xerou máis debate foi a directriz sobre a neutralidade ideolóxica nas actividades complementarias. Imaxino que todos os centros lles remitirían xa a programación xeral para o curso. Detectaron algún elemento que choque con esa pauta?
A quen lle pode parecer mal que se eduque en pensamento crítico, liberdade e pluralidade, conforme aos valores democráticos que nos temos dado? Iso é o que persegue a neutralidade ideolóxica. Houbo unha reacción conxunta dunha serie de organizacións que proceden do mesmo ámbito ideolóxico. Semella que nos seus discursos non teñen cabida valores como a liberdade, a paz, a sostibilidade, o pluralismo e o pensamento crítico. Parece que apoian máis o pensamento único en lugar de darlles aos alumnos ferramentas para que teñan capacidade analítica e crítica. É o que pretenden as instrucións. Todas as actividades incluídas na programación xeral anual polos equipos directivos, coa supervisión dos inspectores, teñen que estar nesa liña.

Na Comunidade de Madrid causou polémica que a consellería ordenase a algúns colexios retirar bandeiras e mostras de apoio a Palestina. De suceder isto aquí, as instrucións a prol da neutralidade ideolóxica tamén implicarían isto?
A neutralidade ideolóxica permite falar do que queiramos, pero hai que facelo cunha visión ampla e aberta, en base á capacidade crítica e á análise profunda dos temas. Ningunha persoa pode obviar as barbaridades que se están facendo en Gaza. Calquera persoa con sensibilidade rexéitaas dun xeito claro e radical. Outra cousa é o uso partidista que fai Pedro Sánchez dunha cuestión coma esta. Calquera ve a animalada que se está facendo en Gaza.

"Ningunha persoa pode obviar as barbaridades que se están facendo en Gaza. Supoño que haberá algunha bandeira nalgún centro e ata o momento non pasou nada. Outra cousa é que fagamos accións que van en contra da neutralidade ideolóxica" 

Non me queda claro. Sería un problema se houbese bandeiras, poñamos por caso, nun instituto?
Supoño que xa haberá algunha e ata o momento non pasou nada. Outra cousa é que fagamos accións que van en contra da propia neutralidade ideolóxica. Podemos falar de todo, e é bo que se faga e que se identifiquen as causas dos problemas sociais e políticos, pero dende unha visión aberta e libre, non só dunha parte. Son licenciado en Xeografía e Historia e sei que houbo moitos conflitos e moitos episodios que non son para sentirnos orgullosos como humanidade. Temos que ter unha visión crítica e analítica baseada nos valores do respecto á paz, ás persoas e á liberdade dos individuos. En Galicia somos un exemplo, pois os alumnos son os máis respectuosos de España cara a outras culturas.

Outra novidade do curso é o 'termómetro contra o acoso'. A extensión de móbiles e redes sociais deturpou a convivencia escolar?
Nos espazos escolares conviven tódolos días preto de medio millón de persoas, tendo en conta tódalas etapas. E falamos de idades difíciles. Se non hai un bo clima na aula, o proceso de aprendizaxe é máis difícil. Fomos os primeiros de España onde por lei declaramos os espazos educativos libres de móbiles, o que reduciu moitísimo cuestións vencelladas co ciberacoso. O termómetro é unha enquisa para que se poida detectar nunha aula ou nun centro un posible caso de acoso. A macroenquisa censal que xa viñamos facendo no conxunto do sistema indícanos, con datos do 2023, que a convivencia non se percibe coma un problema polo 90% dos 172.000 participantes.

"No que toca ao grao de Medicina, pido altura de miras. Sumar é máis positivo que rachar"

Oito de cada dez centros adheridos ao programa Edixgal apostaron neste curso por combinar o ensino en pantallas cos libros de texto. Confialo todo nestes anos á aprendizaxe con ordenadores foi erróneo?
Vouna corrixir. O programa E-Dixgal é voluntario e dende sempre combinaba a aprendizaxe tradicional en papel co ordenador nalgunhas materias. En secundaria xa había materias que estaban en libro e outras no ordenador en función de cada centro. É certo que en quinto de primaria non era así. O libro como tal non existía, pero existía o resto da aprendizaxe analóxica. Tras un debate no que escoitamos a sociedade e as familias, pareceunos coherente trasladar o modelo que xa existía en secundaria a primaria. Hai 597 centros participando. Non podemos renunciar a dotar de competencias dixitais o alumnado, iriamos en contra da sociedade. Buscamos un modelo híbrido e formar no bo uso da tecnoloxía. Pido corresponsabilidade ás familias.

En que punto están os contactos para descentralizar a docencia clínica e teórica do grao de Medicina da USC?
Temos que estar á altura de Galicia e ser conscientes de que é sempre máis positivo sumar que rachar. Necesitamos a mellor formación posible. Galicia ten moi bos recursos humanos e tecnolóxicos en todo o complexo vencellado ao Sergas. Temos que integralos cunha coordinación da facultade de referencia, que é a da USC. Queremos estar na vangarda e manter o éxito dos estudos de Medicina. Non podemos parcelar. De aí a proposta de descentralización que lanzamos dende a Xunta en coordinación con algún dos reitores. Podemos dar un novo paso na descentralización tanto teórica como práctica a partir de cuarto, pois agora a docencia clínica xa está descentralizada en quinto e sexto. Traballamos na parte teórica. Pídolles altura de miras a todos axentes que están nesta reflexión conxunta.

"As formacións aceleradas en FP permiten ao alumno empregarse de xeito case inmediato"

O Goberno disponse a aprobar o decreto que fixa os requisitos para crear novas universidades, co que trata de poñerlle freo á proliferación de institucións privadas. Como o ve?
Ata que vexamos o que di o Goberno, todo son mariposas. En todo caso, o que coñecemos vai na mala liña porque vivimos nun país libre e onde a iniciativa social e empresarial non deben estar penalizadas. Temos que ter uns criterios de calidade e non de cantidade. Dicir que unha universidade é boa ou mala en base ao número de alumnos non ten xeito.

Está por pechar a matrícula na FP. Neste curso, implantaron as formacións aceleradas. Cal está a ser a resposta?
A FP en Galicia evoluciona sempre en positivo: máis alumnado, contacto coas empresas, empregabilidade e máis oferta adaptada ás necesidades do tecido produtivo. Todos os anos innovamos. As formacións aceleradas son módulos específicos, adaptados á demanda das empresas, que están conectados cun programa curricular. Tamén posibilitan que o alumno poida formarse rápido nunha área e empregarse de xeito case inmediato. Non temos cifras aínda. pero algúns centros danme un reporte moi positivo e outros, menos. Creo que está en función da estrutura empresarial do entorno. Imos traballar para divulgalas e adecualas ás necesidades do alumnado e das empresas.

Comentarios