Seguen en descenso os casos activos en Galicia e baixan a 350 os contaxios

En canto ás persoas con covid falecidas, aumentaron a 1.009
Un home camiña xunto a un mural en homenaxe aos sanitarios que loitaron contra o coronavirus nunha rúa de Melide. EFE/ Eliseo Trigo
photo_camera Un home camiña xunto a un mural en homenaxe aos sanitarios que loitaron contra o coronavirus nunha rúa de Melide. EFE/ Eliseo Trigo

Os casos activos de Covid-19 seguen en descenso por terceira xornada consecutiva en Galicia, até situarse en 9.952, que supoñen 63 menos que este luns, e baixan tamén a 383 os novos contaxios, deles 350 confirmados por PCR nas últimas 24 horas, mentres que aumentan en 425 as altas con respecto a este luns. 

Así se desprende dos datos actualizados na mañá deste martes pola Consellería de Sanidade na súa web con cifras até as 18,00 horas deste luns, nos que se constata que os contaxios confirmados por PCR nas últimas 24 horas ascenden a 116 na área sanitaria de Vigo; a 66 na da Coruña; 42 na de Lugo; 41 na de Pontevedra; 34 na de Ourense; 31 na de Santiago; e 20 na de Ferrol. 

En canto aos casos activos de coronavirus, descenden en todas as áreas sanitarias galegas salvo nas da Coruña e Cee, na que aumentan a 1.898 -11 máis que este luns- e na de Lugo, que rexistra 1.148 -32 máis-. 

Por contra, baixan os casos activos de Covid-19 nas áreas de Vigo, que conta con 2.455 -14 menos-; na de Pontevedra e O Salnés a 1.247 -sete menos-; a 1.170 na de Santiago e Barbanza -39 menos-; 1.021 na de Ourense -14 menos- e 1.013 na de Ferrol -32 menos-.

CURADOS E FALECIDOS. Até a data curáronse en Galicia 31.573 persoas, o que supón 425 máis que as contabilizadas este luns. Pola súa banda, as PCR realizadas aumentaron a 756.759, o que implica 4.343 máis. 

En canto ás persoas con covid falecidas, aumentaron a 1.009, após notificar Sanidade 21 mortes na tarde deste luns, que tamén se corresponden con vítimas da pasada fin de semana que aínda non se computaron. Entre estes 21 falecidos hai polo menos oito vinculados con residencias. 

A primeira morte computada na Comunidade na denominada 'nova normalidade' foi a dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, Galicia encadeara case dous meses -desde o 10 de xuño- sen decesos relacionados coa pandemia. 

Comentarios