Sofía e Mateo, os nomes máis frecuentes entre os bebés galegos

Noa, Martina, Lara e Lucía, e Lucas, Martín, Hugo e Leo completan as listaxes de cinco nomes femininos e masculinos máis utilizados 
Foto de arquivo dos pés dun bebé recén nacido. PIXABAY
photo_camera Pés dun bebé recén nacido. PIXABAY

Sofía e Mateo repetiron en 2019 como os nomes máis frecuentes para as nenas e os nenos que naceron en Galicia, atendendo aos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (Ige). 

Máis concretamente, os nomes de muller máis frecuentes na comunidade para os bebés son, por orde, Sofía, Noa, Martina, Lara e Lucía. Se se compara cos datos do 2018, os dous primeiros continúan na mesma posición, mentres que Martina subiu do cuarto ao terceiro posto e Lara e Lucía ascenderon desde o noveno e o décimo do ano pasado. Con todo, en contraste con hai unha década, no 2009 tan só se colocaban entre os cinco primeiros Lucía e Noa. 

Se se teñen en conta os dez primeiros postos de 2019, completan a listaxe os nomes de Sara, Valeria, Alba, Daniela e Valentina

En canto aos homes, a estatística do Ige reflicte que os cinco nomes máis frecuentes foron Mateo, Lucas, Martín, Hugo e Leo. Da comparativa con 2018 extráese que son exactamente os mesmos, coa única diferenza de que Lucas e Martín intercambian entre si o segundo e o terceiro posto. Hai 10 anos, só Hugo e Mateo estaban entre os cinco máis empregados. 

Tamén no top 10 de nomes masculinos están, por orde do sexto ao décimo: Gael, Enzo, Manuel, Daniel e Pablo.

Se se amplía a mostra e se observa a listaxe dos 20 máis utilizados, entre 2018 e 2019 entran no ranking das nenas Olivia, Vega e Sabela, á vez que saen María, Antía e Mía. No dos nenos apenas hai variación, xa que desaparece Nicolás e ingresa Álex no posto 19.