Toda a costa galega estará a partir deste mércores en alerta por temporal

A Xunta activa a alerta laranxa en todo o litoral e Meteogalicia eleva o risco a vermello no noroeste da costa coruñesa e na Costa da Morte 
Un surfista na praia de Ponzos de Ferrol. EFE
photo_camera Un surfista na praia de Ponzos de Ferrol. EFE

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego a partir deste mércores. 

Segundo informa a Xunta, a Axencia Estatal de Meteoroloxía apunta que o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro dará comezo nas primeiras horas da mañá no noroeste e oeste da Coruña, con mar combinado do noroeste e ondas de 5 a 8 metros, que poderán ser máis altas segundo avance o día. A partir de media mañá, o fenómeno adverso estenderase ao resto do litoral da Coruña, e a Lugo e Pontevedra, con mar combinado do noroeste e ondas de 5 a 7 metros. 

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, e aos clubs náuticos, entre outros. 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, peiraos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións. 

Ademais, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Finalmente, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal), que incorpora información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

ALERTA VERMELLA DE METEOGALICIA. A información que recolle o boletín de avisos de Meteogalicia ratifica a alerta decretada pola Xunta e eleva o risco a máximo nivel --alerta vermella-- no caso do noroeste do litoral coruñés e da zona da Costa da Morte. 

En ambos casos recolle que a partir das 15,00 horas e ata as 24,00 horas poden rexistrarse ondas superiores aos 8 metros. 

Comentarios