Martes. 21.05.2019 |
El tiempo
Martes. 21.05.2019
El tiempo

Un veciño de Riotorto gaña case 30.000 euros no concurso 'Coma un allo', da TVG

Eloy de Riotorto tras gañar o bote no concurso 'Coma un allo'. TVG
Eloy de Riotorto tras gañar o bote no concurso 'Coma un allo'. TVG

Trátase do máximo premio entregado ata o momento na historia do concurso presentado por Bernardo Montañav

Eloy Troitas, veciño de Riotorto, gañou este martes o bote do concurso Coma un allo, da TVG, que acumulaba 29.300 euros. Foi chegar e encher, xa que era a primeira vez que este concursante participaba neste programa. 

Troitas, pluriempregado nos sectores da madeira e o leite, deixou os seus compañeiros e o equipo do programa coa boca aberta ao responder correctamente á última pregunta, a localidade de Boimorto onde naceu Luz Casal. O riotortese contestou Andabao e fíxose cos 29.300 euros.

Segundo informa a canle pública, trátase do máximo premio entregado ata o momento na historia do concurso presentado por Bernardo Montaña.

NOVIDADES. A partir do vindeiro luns, Coma un Allo incorpora novidades, xa que aumenta a súa duración, pasando de 30 a 45 minutos, e engade dúas novas probas.

A primeira delas é Cabezas de Allo, unha proba sobre persoeiros galegos, que se centrará nas vidas e logros das persoas galegas máis relevantes e que seguirá a mesma dinámica das probas anteriores, Galiwiki, Fun por Ciencias e Viaxar e Papar. A segunda novidade é Allos ou Cascallos, proba patrocinada pola Real Academia Galega, en que se porá a proba os coñecementos sobre lingua galega dos concursantes, cunha pregunta e dúas opcións de resposta sobre o xeito correcto de escribir unha palabra ou empregar unha expresión.

Un veciño de Riotorto gaña case 30.000 euros no concurso 'Coma un...
Comentarios