Os velorios, máis limitados e sen bicos de condolencia

Só 20 persoas poderán participar nos cortexos fúnebres e nas salas dos velorios únicamente poderán permanecer oito
Un ataúd. EP
photo_camera Un cadaleito. EP

O Goberno galego publica este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova orde relativa ao tratamento de cadáveres de persoas que faleceron a causa do coronavirus, e na que introduce novos límites para os seus velorios e comitivas de despedida, co fin de evitar ao máximo as posibilidades de contaxio. Só 20 persoas poderán participar nos cortexos fúnebres e nas salas dos velorios únicamente poderán permanecer oito. Ademais poderanse levar a cabo enterros e incineracións exprés, sen necesidade de respectar o período mínimo de 24 horas desde o falecemento.

Na exposición de motivos, a Xunta xustifica a adopción de medidas complementarias en relación á orde activada cando se decretou o estado de emerxencia sanitaria en Galicia pola situación actual, xa que "nestes momentos está a producirse un incremento no número de falecidos". Engade que, entre eles, "cada vez son máis os diagnosticados con covid-19". 

Queda prohibido que asistan a duelo persoas que presenten síntomas respiratorios de calquera clase

Tamén alude á "dificultade" que "están a ter as empresas do sector para a adquisición dos EPI", os equipos de protección individual cos que o protocolo do Ministerio de Sanidade determina que deben traballar na manipulación dos corpos de persoas que perderon a vida con coronavirus.

NON MÁIS DE 8 PERSOAS E SEN CONDOLENCIAS

 Entre as novas medidas limítase aínda máis —até agora restrinxiuse o aforamento nos tanatorios a un terzo e a 25 os acompañantes dos cortexos fúnebres— a actividade de velar cadáveres sexa cal for a causa do falecemento, aínda que se segue permitindo tanto en establecementos públicos, como privados e tamén no domicilio particular. 

Así, queda prohibido que asistan a duelo persoas que presenten síntomas respiratorios de calquera clase; e esíxese lavar as mans con auga e xabón, ou con solución desinfectante, previamente ao acceso ás instalacións funerarias, así como despois de usar o libro de pésame e os servizos ou baños. 

As cerimonias de despedida quedarán aprazadas 

A orde determina, así mesmo, que se evitará en todo momento a confluencia de máis de oito persoas por cada sala no interior do edificio, respectando "inexcusablemente" unha distancia mínima de 2 metros entre cada un dos asistentes. Tamén se ordena evitar a manifestación de condolencias a familiares a través de abrazos, bicos e apertas de mans. 

Finalmente, a orde do DOG determina que os titulares dos tanatorios porán a disposición dos usuarios solución alcohólica desinfectante ou hidroxel; así como auga, xabón e toallas dun só uso nos aseos públicos das instalacións. 
Estas normas "deberán ser exhibidas nun lugar ben visible" en todas as dependencias do establecemento para coñecemento dos usuarios e será responsabilidade do titular do establecemento "garantir o seu cumprimento en todo momento".

A Xunta ordena reducir aínda máis as comitivas de despedida, aínda que os velorios séguense permitindo tanto en tanatorios como en casa

AS CERIMONIAS APRAZADAS E REDÚCENSE MÁIS AS COMITIVAS 

As cerimonias de culto relixiosas ou cerimonias civís fúnebres serán aprazadas. Así mesmo, se a última directriz é que até un máximo de 25 persoas podían acompañar o cortexo fúnebre, a Xunta reduce tamén estas comitivas. 

Deste xeito, as comitivas de acompañamento para a inhumación ou despedida de incineración —o Ministerio de Sanidade permite ambas as formas tamén no caso de cadáveres con covid-19— restrinxiranse ás persoas máis próximas e familiares máis próximos, polo que quedarán reducidas a 20 persoas. 

Tamén no caso das comitivas os asistentes gardarán a distancia de 2 metros e evitaranse saúdos ou manifestacións afectuosas que impliquen contacto entre os participantes, todo iso "sen menoscabo das recomendacións e restricións establecidas con carácter xeral".

ACONDICIONAMENTO DO CADÁVER 
Finalmente, lémbrase que hai que seguir as directrices do Ministerio de Sanidade para o acondicionamento dos cadáveres empregando unha bolsa sanitaria autorizada para este fin. Esta bolsa deberá ser pulverizada con desinfectante de uso hospitalario. 

Iso si, no caso de non dispor de bolsa sanitaria, utilizarase un dobre sudario de plástico que garanta a manipulación e condución dos cadáveres de forma segura e pulverizar igualmente con desinfectante, algo que xa están a facer as funerarias, segundo fontes do sector consultadas por Europa Press.  En ambos os casos, unha vez introducido o cadáver no féretro deberase volver a pulverizar segundo o procedemento indicado.