Juan Antonio Rivadulla: "Viaxar e desfrutar da vida é agora un obxectivo para moitos galegos"

O presidente da Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia, Juan Antonio Rivadulla, constata que os galegos viaxan máis tras o punto de inflexión que supuxo a pandemia 
Juan Antonio Rivadulla, Presidente da Asociacion galega de Axencias de Viaxes. CEDIDA
Juan Antonio Rivadulla, Presidente da Asociacion galega de Axencias de Viaxes. CEDIDA

A suba dos prezos non frea a moitos galegos á hora de desfrutar do pracer de viaxar. O presidente da Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia, o estradense Juan Antonio Rivadulla, di que cada vez son máis os que collen maleta e avión para saír da rutina e coñecer mundo tras o punto de inflexión que supuxo no 2020 a pandemia de covid, que extendeu a filosofía do 'carpe diem'.

Cando deron os seus primeiros pasos as axencias de viaxes en Galicia? Daquela sería pouco común viaxar, como foron os comezos?
Os comezos das viaxes en Galicia remóntanse aos 80 ou 90, anos en que viaxaba unha porcentaxe de persoas bastante pequena. Cando saíron as primeiras viaxes do Imserso, os nosos maiores non se anotaban porque lles custaba moito saír das súas casas. Sobraban moitas das prazas que se ofertaban e agora non chegan a nada.

Que tipo de viaxes se facían naquela época? 
Hai anos vendíanse moitas viaxes para xente que ía traballar fóra. Había moita demanda para Suíza ou América. Existía moito tráfico motivado pola xente emigrada. E pouco a pouco ían volvendo, ou vindo de visita. Regresaban no Nadal ou nas vacacións do verán, tanto por carretera como en avión, e isto tivo unha forte explosión nos 90.

Cando se empezou a viaxar máis por lecer na comunidade?
Sempre houbo xente que viaxou por lecer pero foi aumentando a finais dos 90 e a principios dos anos 2000, coa chegada da cultura da viaxe e co aumento das posibilidades económicas.

Viaxan cada vez máis os galegos?
A covid tivo moita influencia, foi unha pandemia que nos fixo reflexionar moito. En xeral, todos collemos medo a que unha crise sanitaria así nos poidera encerrar e incluso matar, polo que fixo que cambiaramos hábitos. Desfrutar da vida e viaxar converteuse nun obxectivo para moitos porque tomamos consciencia de que non sempre imos estar aquí.

A onde observan que viaxan máis os galegos na actualidade?
Polo noso clima, os galegos case sempre buscamos lugares de calor. Tradicionalmente as illas, tanto as Baleares como as Canarias, na época de verán. A partir do mes de maio e ata outubro, son destinos que sempre se venderon ben e que teñen unha fonda tradición de visitas. Pero, co paso dos anos, fomos ampliando horizontes, e hoxe podemos dicir que a xente viaxa a practicamente calquera parte do planeta. Véndese viaxes a América, Asia, África, Oceanía.

Están dispostos os galegos a pagar máis por viaxar?
Depende da situación económica de cada individuo, familia ou parella. Cada un tense que adaptar a esa limitación. Para isto precisamente están as axencias de viaxes, ese é o noso valor engadido. En función do presuposto que se nos pon diante, cumprimos cos requisitos dos clientes. Un mesmo destino pode custar 1.000, 5.000, 10.000 euros... Todo depende do luxo que poida pagar cada un.

Que viaxes poden saír máis e menos económicas?
É moi difícil contestar esta pregunta porque unha mesma viaxe a París, por exemplo, pode custar 500 euros ou 5.000. Depende do hotel que elixas, de se custa 100 euros ou 1.000 por noite, tamén hai moitísima variedade da compañía aérea coa que voes, da clase na que viaxes...

Nós, a base de coñecer aos nosos clientes e de preguntarlles que queren, adaptámonos ao seu nivel adquisitivo e buscamos a mellor opción dentro do presuposto que teñen para gastar nunha viaxe determinada.

Co auxe das plataformas online que se empregan para buscar aloxamento e voos, están as axencias sufrindo a competencia ou logran convivir e manter o seu público?
Deixando de lado as cousas negativas que ten esa competencia, que as pode ter, para nós supuxo un avance no sentido de que, aínda que é certo que a xente máis nova compra voos ou reserva habitación nun hotel a través de plataformas online, tamén o fan por medio das nosas axencias online. Estas, ademais de ter unha oficina na rúa, teñen servizo a través dunha plataforma. Por outra parte as garantías que ofrece unha axencia cando se trata de contratar unha viaxe organizada, non teñen nada que ver con que o faga un mesmo. É dicir, as axencias de viaxes como tal somos as únicas empresas que temos autorización para vender paquetes de viaxes e temos que cumprir unha normativa tremendamente estrita que está sobre todo baseada na garantía ao consumidor. Unha persoa que entra nun negocio deste tipo está absolutamente protexida e cuberta por todos os seguros e avais que temos que depositar ante a Administración galega.

Cal é o perfil dos clientes?
Persoas que non dispoñen de tempo para buscar e que confían en nós. Ese é o noso público.

Comentarios