A viaxe desde New York ata Nova York: ensinando galego na Gran Mazá

O 14 abril comenzou o curso de introdución á lingua e a cultura galega do Instituto Cervantes de Nova York e o filólogo Álex Alonso quedou sorprendido polo nivel dos seus alumnos, un grupo "prometedor" que confía que sirva para consolidar o ensino do galego na cidade
Catro dos alumnos do curso de galego do Instituto Cervantes de Nova York, nunha das clases. EP
Catro dos alumnos do curso de galego do Instituto Cervantes de Nova York, nunha das clases. EP

Álex Alonso atende o teléfono mentres vai pedir un café para tomar pola rúa, camiñando cara a algún outro lugar. A escena non pode semellar máis neoiorquina. Pero este filólogo vigués, en realidade, é o responsable de expandir o coñecemento do galego nunha das capitais do mundo como responsable do curso da lingua de Galicia que imparte o Instituto Cervantes na cidade estadounidense.

Ao longo de vinte horas, repartidas entre os luns que van do 14 de abril ao 9 de xuño, os alumnos de Alonso afrontan a súa introdución á lingua e cultura galegas, a través da cal aprenden os fundamentos básicos do idioma mediante unha aproximación desde a historia, a antropoloxía, a literatura ou a música do país. Aínda que, á hora da verdade, contravindo as previsións, o de "curso introdutorio" quedóuselles pequeno. 

"Son un grupo lingüisticamente moi bo, cun perfil moi pouco convencional", celebra Alonso sobre esta "mestura" de matriculados que xuntou en clase unha escritora que quere confrontar os seus coñecementos previos de español e portugués coas particularidades do galego; un xestor cultural cunha diplomatura en español e mozo compostelán; unha traballadora do Concello de Nova York políglota e tan namorada de Galicia que adoita empregar as súas vacacións en explorar o seu territorio, onde xa conta cun puñado de amizades, e dous netos da diáspora que descenden de emigrados da Estrada e Viana do Bolo e que, agora anglofalantes nativos, buscan entroncar coas súas raíces.

"Na primeira clase fixen un mapa branco de Galicia para que nomeasen sitios e aos cinco minutos tiñámolo cheo", di Alonso

"Na primeira clase fixen un mapa branco de Galicia para que nomeasen sitios e aos cinco minutos tiñámolo cheo", exemplifica. "Son xente á que se lle ve moi formada e cun interese moi particular e moi concreto".

O impulso de Javier Valdivieso

Que a Gran Mazá volva soar con acento galego vén da iniciativa do donostiarra Javier Valdivieso, director do Instituto Cervantes local. Historicamente, lembra Alonso, na cidade, pola súa condición "estratéxica" dentro do panorama mundial, desde os anos oitenta houbo cursos de galegos vencellados a unha cátedra da Universidade da Cidade de Nova York (Cuny) baixo a dirección do departamento de Política Lingüística da Xunta e que estivo a desenvolver a súa actividade lectiva, que abarcaba mesmo bolsas para cursos estivais en Santiago, ata que, a mediados da década pasada, a universidade a interrompeu "por decisión académica". 

Malia ao interese, non se deron recuperado ata a recente chegada de Valdivieso ao centro, unha figura "cunhas ideas moi abertas en termos culturais" e comprometido para emprender "unha senda proactiva" na que "non ía esperar a ninguén" para recuperar o ensino do galego. Así, púxose en contacto coa Xunta para expoñerlle o plan e desde a Secretaría de Política Lingüística recorreron a Alonso, que é profesor de Literatura Española –cun temario que inclúe incursións nas letras galegas, destaca– no Brooklyn College da Cuny.

O caso é que o Instituto Cervantes se autofinancia. "Non hai transferencia da Xunta", recalca Alonso. Para iso, cómpre que cada curso teña un mínimo de cinco alumnos, número a partir do cal se logra que "non supoña ningún custo para ninguén". O prezo da matrícula é de 475 dólares. As estimacións iniciais foron cautas e, para reafirmar a súa aposta, Valdivieso expuxo que, de non chegar a esas cinco prazas, cabía a posibilidade de cubrir a diferenza que houbese derivando fondos dos cursos de español. Non foi preciso. 

Os alumnos demostraron ter bos coñecementos previos do país e ata descubriron novos grupos musicais ao seu profesor

Aprendizaxe mutua 

O galego avanza paseniño polas avenidas de Nova York. Paseniño pero firme. "Cando falei co xefe de estudos, Sergio Bermejo, que vén de filoloxía xermánica e ten moita experiencia en ensino de segunda lingua, díxome que non metese moita literatura nas clases, porque nela o uso de lingua é máis complexo, pero ao final foi ao revés, porque son estudantes moi sensibles á literatura", sinala Alonso.

Cantares de Rosalía de Castro, contos de Retrincos de Castelao –quen precisamente viviu entre 1938 e 1940 en Manhattan, onde escribiu a segunda parte de Sempre en Galiza mentres defendía a causa da Segunda República–. "Non houbo ningún problema nin se aburriron; son textos moi sinxelos, textos clásicos pero que podes ler directamente. E ao contrario, preguntábanme polas palabras".

Orgullo dun profesor que xa ten no horizonte que lean á ribadense Luz Pozo Garza, poñerlles documentais sobre a movida viguesa dos anos oitenta ou servirlles as polémicas recentes que foron recollendo nas súas páxinas as cabeceiras xornalísticas galegas como vehículos para profundar na súa viaxe lingüística a Galicia.

O plan de futuro apunta a crear cursos máis amplos, que permitan mesmo dar títulos acreditativos, ou con máis especialización cultural

Aínda que, ás veces, é o profesor quen aprende destes alumnos tan aplicados. "Nunha clase trouxen un pouco de música popular e Paul, o xestor cultural, sacou dez grupos musicais galegos novos que eu non coñecía... É un grupo bastante prometedor", insiste.

O reto da consolidación

O curso do Instituto de Cervantes de Nova York non serve por agora para obter un título de nivel de competencia lingüística. É, quizais, un dos puntos sobre os que avanzar na consolidación destes cursos, que é o reto que se expón neste momento. "Se se consolidase un ou dous grupos interesados para o outono, poderiamos facer un curso de trinta horas cun formato máis estándar ou facer outro curso de cultura con outro contido máis específico", baralla Alonso.

Para conseguir esta meta, requírese un esforzo para xerar interese. Promover actividades culturais na contorna, como concertos, exposicións ou recitais; recuperar as bolsas de estudo na propia Galicia. "Aquí temos que competir cunha Alianza Francesa, un Goethe-Institut, una Società Dante Alighieri, un Cervantes que ensina español, catalán e vasco...", razoa. 

New York fala máis de 800 idiomas distintos, pero aos poucos van sendo máis os que a chaman Nova York.

Comentarios