Un vigués resulta ferido ao ceder o chan do cuarto de baño e precipitarse uns dous metros 

O persoal sanitario desprazado realizou un primeiro recoñecemento e o varón foi trasladado a un centro hospitalario

Un veciño de Vigo de 68 anos foi trasladado a un centro hospitalario na madrugada deste xoves polas feridas que sufriu ao caer desde uns dous metros de altura cando cedeu o chan do aseo da súa casa. 

Segundo informou a Policía Local, sobre as 00.40 horas deste xoves o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia alertou á Policía Local e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para que se desprazasen a unha vivenda situada en Teis. 

No lugar, un home manifestou que un parente seu o chamara porque o chan do aseo da súa casa cedera cara á adega e el caeu. Así, acudiu á casa para tentar axudar ao seu familiar, pero non puido acceder ao sitio concreto onde se atopaba. 

Ante estos feitos, os axentes dirixíronse entón cara á casa, e observaron que camiñaba cara a eles un home con feridas e erosións en diversas partes do corpo. O home confirmou que cando estaba no aseo da súa casa o chan cedera e caeu desde unha altura de dous metros cara á adega. 

O persoal sanitario que acudiu na ambulancia realizou un primeiro recoñecemento e atención deste home, que posteriormente foi trasladado a un centro hospitalario.