Xulio Ferreiro: "Eu non son un rival de Luís Villares no sentido tradicional de que queira ocupar o seu sitio"

O líder da Marea Atlántica non agocha a súa intención de repetir en 2019 para culminar o seu proxecto de cambio, rebaixa tensión co resto do espazo de confluencia e augura un "longo percorrido" ás mareas

 

Xulio Xosé Ferreiro Baamonde (A Coruña, 1974). MONCHO FUENTES (AGN)
photo_camera Xulio Xosé Ferreiro Baamonde (A Coruña, 1974). MONCHO FUENTES (AGN)

A PUNTUALIDADE de Ferreiro coa entrevista é tal que ata deixaría quedar mal aos británicos. Só por iso xa xustifica a aqueles que ven nel un político diferente.

Empecemos polo importante. Preocúpao máis o Dépor ou a cidade?
Preocúpanos a todos os deportivistas, porque seguramente este ano agardabamos estar nunha situación máis desafogada, pero teño confianza no equipo e agardo que remate a mala xeira, escalemos postos e ao final nos salvemos.

Dicimos que é importante porque o fútbol, máis alá do sentimento, ten moita incidencia no PIB local.
É importante e non só para a hostalería arredor do estadio. Cada partido vén xente cos equipos visitantes e moitos seareiros do Dépor de fóra da Coruña. E logo está a proxección da cidade; un vai polo mundo adiante e cando di Deportivo en moitos países localizan antes A Coruña que se falas da Torre de Hércules ou da Marina.

Disque de pequeno quería ser condutor dos bombeiros. Tivo que apagar moitos lumes en María Pita?
Supoño que como en calquera outra administración, aínda que nun Concello sempre xorden cousas que te obrigan a reaccionar rápido. Un bota de menos certa tranquilidade para pensar a longo prazo e para planificar, porque o día a día ás veces si que consome.

Sobre o Deportivo: É importante para a economía local e a proxección da cidade, así que eu confío en que ao final nos salvemos

Unha vez metido dentro, decepcionouno a política?
Hai tres anos estaba fóra e como cidadán era bastante crítico e unha vez me metín dentro e vin as actitudes de determinada xente son aínda máis crítico que antes. Hai moi pouca xente aquí que entenda que isto é un servizo público, que non se está para servir a un partido ou a un mesmo senón para servir os cidadáns. Tropezar coa realidade da política con minúsculas é duro, sobre todo cando un pensa que a xente aquí está para lograr o ben común.

Ser alcalde é máis complicado do que agardaba?
É complicado e absorbente como calquera responsabilidade. O alcalde ten unha serie de competencias que ten que exercer e logo existen unha serie de asuntos que non son da súa competencia, pero ten que atender, porque nada do que pasa na cidade lle é indiferente a un alcalde. É duro e esixente, pero supoño que vai no cargo.

Malia todo gustaríalle seguir, non?
Outro mandato si. Para que un proxecto político dea os seus froitos, para que os cambios perduren e para poder deixar pegada un mandato é escaso. Díxeno no seu día e estou disposto a repetir se os compañeiros da Marea Atlántica me queren outra vez. Pero non máis! Creo que un debe asumir que polos cargos públicos se está de paso e non patrimonializar o posto nin perpetuarse nel. A política debe osixenarse con savia nova.

Cando un ve que non todos aquí están para lograr o ben común, cando se tropeza coa política con minúsculas, é moi duro 

Porén, as enquisas na cidade sonlles favorables, ou non?
As enquisas hai que tomalas con prudencia, aínda que é certo que de momento a tendencia xeral é de continuidade. Temos que traballar para sacar adiante proxectos, seguir sendo referentes éticos e aplicar o sentido común ao gobernar en lugar de perder tempo pensando en enquisas.

E sería candidato á Xunta en 2020?
Non penso niso. Agora mesmo penso na Coruña en todos os desafíos importantes que ten por diante esta cidade e en que se me presento é para rematar o segundo mandato. Non me vexo enlazando un cargo con outro. Unha vez remate esta etapa de catro ou oito anos, a miña perspectiva é volver á miña vida anterior: dar clase na universidade e compartir máis tempo coa familia, que é a parte máis dura de todo isto.

Fala de volver á universidade. A xudicatura non o atrae?
É que a praza de maxistrado non a teño asegurada e a de funcionario da universidade si! [ri] Pero tamén me gusta a actividade na Audiencia Provincial, claro.

Quen é Xulio Ferreiro, un activista ou un intelectual?
Unha persoa normal. Un cidadán comprometido, interesado polas cuestións públicas e a vida política e tamén por botar unha man para que a sociedade onde un vive sexa un pouco mellor. Como profesor na universidade tratando de inculcar valores de ética aos meus alumnos e como maxistrado da Audiencia Provincial intentando impartir xustiza para axudar as persoas. E agora, na alcaldía, tratando de facer unha cidade mellor. Non son moi diferente a calquera outra persoa, non me considero demasiado extraordinario.

Din que ten unha enorme capacidade de empatizar coa xente?
Non o sei! Gústame escoitar e teño certa tendencia a pórme no lugar dos demais. Que se me dá ben? Pois supoño que é algo que un aprende na casa, que a familia terá que ver niso, non sei. En realidade é algo que me sae de forma natural, non fago esforzos por ser diferente a quen son.

Con que políticos empatiza máis?
Con Martiño [Noriega] e Jorge [Suárez] temos unha relación de amizade, que pasou de ser política a persoal. En Galicia lévome ben con xente de diversos partidos, como a alcaldesa de Lugo [PSOE] ou o de Carballo [BNG]; e fóra teño boa amizade coa alcaldesa de Barcelona. Ada é unha persoa encantadora, sinceira... Dáme rabia que se intente construír unha personaxe distinta da que é.

E nas antípodas políticas?
Tiven moi bo trato sempre coa actual presidenta do Congreso, Ana Pastor. É unha persoa correcta, educada, que cando foi ministra sempre xogou limpo e foi comprensiva. Digamos que no PP é unha das persoas coas que mellor relación podo ter, aínda que tamén hai outras.

Mellor ela que De la Serna, non?
Con Íñigo de la Serna é máis complicado falar; parece que ten a axenda máis ocupada, polo menos para o alcalde da Coruña.

Non teño queixa do trato con Feijóo e penso que el non a terá de min; do PP con quen me levo ben é con Ana Pastor

Por certo, que tal se leva con Feijóo?
Teño unha relación cordial co presidente. O que ocorre é que é difícil cando despois a vida política e as relacións coa Xunta son complicadas, pero no trato persoal non teño queixa, como tampouco penso que a terá el de min.

Con quen igual lle empeora agora o trato é con Beatriz Mato se ao final é candidata do PP á alcaldía.
Tamén teño unha relación cordial con ela, pero é complicado cando unha persoa dedica parte do seu tempo a intentar debilitar a túa figura, a erosionar quen es.

Sigamos logo con outros nomes. Abel Caballero?
As veces que nos vimos, ben. Comemos xuntos, coincidimos en partidos de fútbol nos que ás veces lle foi ben a el e outras a min.

Non alimenta logo vostede a rivalidade A Coruña-Vigo?
Vigo é unha cidade na que me sinto cómodo e onde sempre fun moi ben tratado, incluso cando fun facer campaña. A primeira vez que asistín a un Celta-Dépor como alcalde todo o mundo me dicía que tivese coidado, pero o primeiro que atopei foi un grupo de rapaces de vinte e poucos anos que me aplaudiron e me berraron: "Xulio, grande!". Creo que esa rivalidade, aínda que é lóxica entre os dous grandes polos económicos e de poboación do país, é bo que se manteña nesta esfera non agresiva e que aproveitemos as posibilidades de cooperación, que son moitas. Sería moi importante que tivésemos claro que ambas temos que ser o motor económico, social e cultural de Galicia; A Coruña por economía e Vigo, por poboación.

No meu primeiro Celta-Dépor como alcalde un grupo de mozos berroume: 'Xulio, grande!'. Sempre fun ben tratado

Outra persoa pola que hai que preguntarlle é Julián Sánchez Melgar, ao que lle codirixiu a tese e que desde decembro é fiscal xeral do Estado. Terá vostede boas influencias nas altas esferas xudiciais?
Non creo que nin Julián se deixe influenciar nin eu colla o teléfono para influencialo a el en nada [ri]. Feliciteino cando tomou posesión; é excelente como profesional e persoa, e aínda que ten un perfil ideoloxico máis conservador que o meu, iso non me impide apreciar a alguén a quen neste caso o único que fixen foi axudarlle a sacar adiante esa tese. Para min foi unha alegría que o designasen porque temos moi boa relación.

Quedou para o final Luís Villares. Asume vostede o rol que lle colgaron de ser o seu principal contrapeso interno no espazo das mareas?
Colgáronme ese sambenito, pero eu non teño ningunha gana de ser unha persoa que contrapoña nada. Penso que neste espazo hai diferentes formas de entender o que debe ser En Marea e os roles de cada un. A Marea Atlántica ten unha serie de principios e formas de entender a política que son as que fixeron de nós un proxecto innovador, con metodoloxías de traballo que non son tan comúns. E esa visión colectiva do que debe ser o espazo político é o que leva a que se personifiquen en min as diferenzas de criterio sobre a concepción interna de En Marea. Pero non son un rival no sentido tradicional de que quero ocupar o seu sitio. Non, iso non existe.

Xa se coñecían de antes da política?
Coñeciamonos e colaboramos nalgún proxecto na universidade, pero non eramos íntimos.

Vostede sempre reivindica a independencia da Marea Atlántica respecto de En Marea. Significa iso que detecta interferencias?
Non. O que pasa é que hai, creo que como en todos os sitios, formas diferentes de construír este espazo político. Cremos que como ocorre noutras mareas o axeitado é construílo de abaixo a arriba, que os grupos que se forman nas localidades manteñan lazos de cooperación, pero desde a autonomía de cada marea. As mareas estamos cómodas así e iso non significa que vaiamos contra ninguén; é porque entendemos que o espazo se constrúe así, desde abaixo.

Defende ir ás municipais de 2019 cunha marca única?
Creo que non. Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ferrol en Común, Marea de Pontevedra... son todas marcas consolidadas e penso que non achegaría nada agora cambialas.

O espazo rupturista non é unha anomalía, está para quedar; pero hai que acertar, non perderse nos xogos de tronos

E teme ou detecta un risco real de que Podemos decida concorrer ás eleccións en solitario ou a través dunha fórmula con EU como un Unidos Podemos á galega?
Non percibo ese risco. Tanto Podemos como Esquerda Unida apostan polas confluencias, por reeditar as alianzas exitosas do pasado e penso que sería absurdo que nos desgastásemos entre nós. Na Marea Atlántica acabamos de ter un proceso interno chamado Marea Viva no que tentamos dar espazo para que os militantes de Podemos A Coruña participasen e sentisen a Marea Atlántica como un proxecto propio, onde caben os seguidores de Podemos, Anova, EU e moita xente que non milita en ningún destes partidos.

Que fallou neste tempo desde a irrupción do rupturismo para que caese tanto a participación das bases e se xerou certo desencanto?
Penso que é unha cuestión máis relacionada co ciclo político, que foi moi intenso: 15-M, formación das candidaturas municipalistas, irrupción de Podemos, municipais, primeiras xerais, repetición electoral, autonómicas... Foi todo tan intenso que é normal que nun momento dado haxa ese devalo na participación, que malia todo entendo que na Marea Atlántica é alta. Pero penso que en xeral a xente está cómoda e tranquila neste momento e ao mellor non sente esa motivación de participar. De todos os xeitos, admito que houbo un elemento clave que foi non ser capaces de formar un Goberno alternativo ao de Rajoy en 2016. Foi unha mágoa e penso que non é momento de repartir culpas, pero foi un elemento determinante na desmobilización e propiciou que se xerase certa desilusión.

Pero ten percorrido político o espazo rupturista?
​O noso espazo non é unha anomalía nin un accidente, senón que está aquí para quedar. Hai unha base social ampla e vese por tramos de idade que canto máis nova é a xente máis contacto hai e iso é futuro. Pero tamén é certo que hai que afrontar as cousas, tomar decisións correctas, estar atentos ao pulso da rúa e non perderse en xogos de tronos nin en loitas de palacio porque non viñemos para iso. Se tomamos as decisións correctas, mantemos os pés no chan e seguimos respondendo aos principios que nos trouxeron aquí, que son deixarnos do consumo político interno para centrarnos na xente, claro que hai moito percorrido.

Comentarios