A Xunta de Galicia asumirá as cotas de gardarías e centros de día

Tamén ampliará os beneficiarios de Axuda no Fogar
Feijóo presidiu a reunión de seguimento do coronavirus. EP
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. EP

A Xunta de Galicia asumirá o 100% das cotas de escolas infantís, centros de día, centros de atención ao Azheimer e centros para persoas con discapacidade durante o tempo que dure o estado de alarma, á vez que incrementará en máis de 12.000 os usuarios do servizo de Axuda no Fogar que, ademais, será gratuíto para as novas incorporacións.

Así o avanzou este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras un Consello da Xunta no que se ampliou o Plan Social de Continxencia posto en marcha polo Goberno galego por mor da crise do Covid-19.

Entre estas medidas, Núñez Feijóo explicou que o Goberno "asumirá o 100%" das cotas abonadas polas familias nestes centros, tanto públicos como de iniciativa social e mesmo privados no ámbito das escolas infantís, polo que a medida beneficiará globalmente a unhas 23.000 familias galegas e terá un impacto, que podería ampliarse en función do estado de alarma, de 2,6 millóns de euros.

A asunción desta cota afectará o recibo do mes de abril, que xa non se pasará, e tamén será retroactiva, dado que a Xunta asumirá a parte proporcional do mes de marzo, desde que se decretou o estado de alarma.

A maiores, para prestar asistencia ás persoas maiores que viven soas e poden ter necesidades diarias, a Xunta ampliará tamén o servizo de Axuda no Fogar con seis millóns de euros mensuais para chegar a outros 12.500 usuarios que, no seu caso, "non pagarán nada", dado que se trata de "unha situación distinta".