miércoles. 08.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 08.12.2021
El tiempo

A Xunta descarta pechar o lecer nocturno "a día de hoxe"

Alfonso Rueda, este martes en Pontevedra. BEATRIZ CÍSCAR
Alfonso Rueda, este martes en Pontevedra. BEATRIZ CÍSCAR
Rueda advirte de que "se fora necesario" porque esta actividade supoña un "risco potente" para a saúde pública "farase sen ningunha dúbida"

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou este martes que o goberno autonómico descarta "a día de hoxe" adoptar medidas para prohibir o lecer nocturno ante os rebrotes da Covid-19.

Rueda explicou que Galicia non seguirá os pasos de comunidades como Murcia, aínda que advertiu de que "se fora necesario" porque esta actividade supoña un "risco potente" para a saúde pública "farase sen ningunha dúbida".

En declaracións aos medios en Pontevedra, o vicepresidente galego avanzou que este martes reunirase cos representantes do sector do lecer nocturno en Galicia para "facer un seguimento" das medidas aplicadas para regular esta actividade.

"O que percibín sempre é unha vontade maioritaria por parte dos propietarios destes locais, onde se pode concentrar un maior risco, de que hai que cumprir", sinalou Alfonso Rueda, que entende que "eles son os primeiros interesados en facelo".

O propio sector, engadiu o vicepresidente, "perseguiría a quen non o faga" e respectaría que "se non hai outro remedio" tomaranse medidas drásticas como limitar a súa actividade.

Rueda defendeu que con respecto ao lecer nocturno débense establecer "protocolos moi estritos" e cumprir as ordes das autoridades sanitarias "e os primeiros que o saben son eles", en referencia aos propietarios destes locais.

Con respecto ao uso obrigatorio das máscaras en Galicia, o vicepresidente da Xunta celebrou que sexa "xeneralizado" na comunidade, algo que para comprobalo, dixo, "non hai máis que saír á rúa".

"Máis que pensar que hai que levala por obrigación hai que levala porque é unha necesidade e unha garantía sanitaria", subliñou Alfonso Rueda, "e a xente vaino entendendo".

O vicepresidente galego recoñeceu que "é certo" que nalgúns sectores "parece que este uso é menos xeneralizado" e será aí, avanzou, onde actuarán as autoridades "impondo sancións polo ben de todos". 

A Xunta descarta pechar o lecer nocturno "a día de hoxe"
Comentarios