A Xunta manterá o alto risco de lumes ata outubro no seu novo plan antiincendios

O Goberno galego, que debullou o Pladiga, afirma que cubrirá todas as vacantes e financiará limpar franxas 
 

Devastación en un monte del concello pontevedrés de As Neves. ADP
photo_camera Devastación en un monte del concello pontevedrés de As Neves. ADP

A Xunta prevé manter o período de alto risco de incendios –que vai de xullo a setembro– no mes de outubro, cubrirá o "cento por cento" das vacantes do operativo de cara ao verán, instalará 34 videocámaras de vixilancia nas catro provincias, á vez que achegará un financiamento "importante" a axudar a concellos para a limpeza de franxas de seguridade. 

Estas son algunhas das novidades para a campaña de 2018 que presentou este mércores en rolda de prensa o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, quen informou sobre o plan de loita contra o lume (Pladiga). 

Nunha fin de semana de outubro de 2017 arderon case 50.000 hectáreas nunha vaga de lumes que deixou catro mortos. O ano pasado foi no que máis se prolongou a temporada de alto risco de incendios –até o 12 de novembro– en Galicia. 

No Pladiga recóllese que o alto risco dura entre xullo e setembro, coa posibilidade de amplialo aproximadamente un mes en función das condicións meteorolóxicas, pero agora Fernández-Couto xa avanza a priori que "probablemente" se incluirá o mes de outubro "dentro da temporada". "Poderemos considerar que a campaña de alto risgo incluirá automaticamentente desde o mes de xullo até o mes de outubro", asegurou.

O operativo mantén os seus efectivos en 5.700 no alto risco, ampliable até 7.000 persoas, con 30 medios aéreos –aquí inclúese un helicóptero con cámaras que transmite imaxes georreferenciadas e vídeo en tempo real– e 360 motobombas. 

Precisamente, no Pladiga deste ano figura a "posibilidade" de incremento da duración da prestación do servizo tanto do persoal laboral fixo descontinuo como das brigadas de empresas públicas (entre elas Seaga). Un feito que se corresponde coa ampliación do alto risco que prevé a Xunta prolongar a outubro, polo que haberá un "reforzo" do operativo nese período. 

Poor outra banda, a Consellería de Medio Rural asinará dous convenios con radioaficionados e a Federación Galega de Caza co fin de colaborar nas tarefas de información e vixilancia, pero non traballarán en extinción.

AXUDAS A CONCELLOS. Xunto a isto, Fernández-Couto confirmou o que xa anunciou no seu día na comisión de incendios, na que diversos alcaldes se queixaron da falta de medios e persoal para a limpeza de franxas de seguridade próximas a vivendas por falta de medios e persoal, e é que haberá un financiamento "importante" da Xunta para axudar a concellos nestas tarefas –que deben executar de forma subsidiaria no caso de que os propietarios non as leven a cabo–. 

Un dos puntos sobre os que chamou a atención Fernández-Couto é a "concienciación da poboación", posto que "cando as condicións son extremas hai unha alta actividade incendiaria", que a Fiscalía cifra ao redor do 60% nos últimos grandes incendios en Galicia, pero que "moitos informes técnicos elevan até porcentaxes superiores ao 80%-85%". 

dPor iso, iguala a "actividade delituosa" de incendiarios con "homicidas", pois son "actuacións que non teñen xustificación nin necesidade, que moitas veces están expresamente prohibidas." "Podes provocar a morte como pode ser circular en dirección contraria pola autoestrada", apostila. 

Comentarios