A Xunta inclúe Madrid na lista de zonas para o rexistro obrigado de viaxeiros e saca a Portugal

Viajeros en un aeropuerto. EFE
photo_camera Viaxeiros nun aeroporto. EFE

A Consellería de Sanidade incluirá Madrid na listaxe de zonas de obrigado rexistro para quen chega a Galicia, mentres que xa non será necesario que se inscriban as persoas procedentes de Portugal e de La Rioja. Continúan na lista Aragón, Cataluña, Navarra e País Vasco, así como máis de 130 países

O departamento autonómico, que avanza que a lista se publica na tarde deste mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG), explica que a actualización se xustifica pola evolución da situación epidemiolóxica tanto nas comunidades autónomas como noutros países. Con este cambio incorpórase unha das comunidades da que máis viaxeiros adoitan chegar a Galicia nestas datas, Madrid, onde se incrementaron os casos. Ao mesmo tempo, e cunha evolución contraria, sae o veciño Portugal, co que se mantén un fluxo constante de traballadores e visitantes.

Todas as persoas que cheguen a Galicia tras estar dentro do período dos 14 días anteriores en territorios cunha incidencia epidemiolóxica catro veces superior á da comunidade galega —un índice por enriba do establecido inicialmente, que era de 3,5 veces— deben comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes en Galicia ou non. Deste xeito, Sanidade busca conseguir un diagnóstico máis rápido de calquera infección polo virus. 

As persoas que cheguen a Galicia teñen un prazo de 24 horas, desde a súa chegada, para comunicar os seus datos. Para iso, pódese cubrir o formulario dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal ou chamar ao teléfono 881.00.20.21. Nos primeiros días de aplicación do rexistro anotáronse máis de 107.000 persoas

A Xunta destaca que Galicia é a terceira comunidade autónoma con menor incidencia acumulada nos últimos 14 días, de acordo cos datos do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias. 

Comentarios