Yolanda Díaz ve "moi grave" a paralización das primarias de En Marea e esixe explicacións

Acusa a Feijóo de ter a "cara de cemento armado" por esixir a construción das F-110 agora ao Goberno do PSOE 

Yolanda Díaz durante a entrevista na Cadena Ser. TWITTER
photo_camera Yolanda Díaz durante a entrevista na Cadena Ser. TWITTER

A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, criticou a paralización das votacións das primarias internas da formación debido a unha suposta intrusión no censo electoral ao entender que se trata dunha decisión "moi grave" que ten que ser explicada. 

"Paralizar unha votación é moi grave e por respecto á cidadanía e inscritos ten que ser explicada", asegurou en entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press, na que Yolanda Díaz cargou contra a decisión adoptada por unha Comisión de Garantías que cre que non "ten competencias para isto" e tomou unha decisión política", cando tiña que ser "absolutamente neutra". 

A paralización foi decidida o pasado día 1 de decembro pola Comisión de Garantías, que integran tres persoas, das que dúas son afíns á dirección de Luís Villares, que tamén é un dos candidatos nas primarias. 

De feito, para Yolanda Díaz a "lexitimidade" para "paralizar procesos" recae non na Comisión senón no Comité Electoral. "É moi lexítimo nos procesos internos ter posicións diferentes, pero dáme a sensación de que no último plenario se encenderon todas as alarmas", agregou. 

En todo caso, insta a "facer un exercicio de prudencia" máis aló das distintas posicións e, ante o achegamento de posturas dos últimos días nos que parece que se avanzou" en chegar a puntos de encontro, cre que "o máis necesario" é votar "dunha vez por todas e que se asuman os resultados". 

"Hai que ser unha demócrata e asumir resultados, isto é o realmente importante", remarca. 

Pese ás súas críticas, Yolanda Díaz incide en enmarcar as diferenzas en "unha redefinición" e unha "disputa" "lexítima" de "o que quere ser En Marea" e advirte de que "Galicia non entendería cos problemas que ten" que non se chegase a un punto de encontro" e máis, logo de constatarse en Andalucía que "os tempos veñen curvos".

DISCREPANCIAS EN MADRID. As diferenzas tamén se escenificaron no seo do grupo parlamentario de En Marea en Madrid despois de que a deputada Alexandra Fernández asegurase que a acción política está dirixida por "dúas ou tres persoas" que "deciden o que lles convén". 

Fronte a isto, Yolanda Díaz opta por restar importancia ás afirmacións e por resaltar o papel de Alexandra Fernández como portavoz de Fomento en En Marea ou en comisións como a de investigación do Alvia. 

No entanto, deixa caer que cre que as posicións políticas deberían estar á marxe do traballo parlamentario. "Eu entendo que lexítimamente Alexandra Fernández nesta pelexa interna ten unha posición que non coincide coa maioría do grupo parlamentario, fixo actos públicos nestas primarias por unha das listas, isto é moi conveniente, cada un debe facer o que desexa, pero eu nunca mesturo as posicións políticas cos traballos parlamentarios", conclúe.

"EU NON VOU ESTAR NUNCA NUN ESPAZO DE RUPTURA". Cuestionada sobre unha hipotética ruptura do grupo de En Marea e a súa integración en Unidos Podemos, Yolanda Díaz replica que é "militante de base" e que vai "sumar sempre". 

"Eu non vou estar nunca nun espazo de rupura, levo moitísimos anos traballando ata con custos políticos, non se entendeu moitas veces nin na miña propia organización que eu son deputada de En Marea e vouno seguir sendo e dentro ou fóra de institucións que haxa plataforma que representa aos galegos", asevera, nun espazo que sexa "complexo, plural, colectivo e con distintas culturas políticas". 

Unha diferenza que exemplifica afirmando que non pensa "o mesmo que Antón Gómez Reino, Miguel Anxo Fernán Vello, Martiño Noriega ou Jorge Suárez" e mostrándose convencida de que "a unidade na diferenza" é o que os fai fortes".

FEIJÓO, "CARA DE CEMENTO ARMADO". Baixo esta perspectiva, insiste en que lle gustaría que se traballase "en serio para derrotar a Feijóo". "Dóeme que Feijóo estea tranquilísimo" porque "se Feijóo reforza o seu espazo electoral é porque algo fixemos mal". 

Na entrevista móstrase especialmente molesta pola postura do presidente da Xunta en torno á construción das novas fragatas para a Armada españolas, as F-110, que considera "vitais" para os astilleros de ríaa de Ferrol. 

Así, repróchalle as súas esixencias ao novo Goberno de Sánchez logo da paralización co PP debido a que supuestamente analizouse cambiar o modelo de misiles para contratalos á empresa dirixida polo ex ministro de Defensa Pedro Morenés. 

Yolanda Díaz explica que "lle cae a cara de vergoña" ao ver "a cara dura, de cemento armado" de Feijóo ao "esixir isto cando foi o seu Goberno a través de Dolores de Cospedal e a través de Mariano Rajoy e Morenés quen paralizou, simplemente por intereses empresariais vinculados ao PP, durante dous anos a construción das F.110, é unha golfería".

ASCENSO DE VOX. Ante a subida de Vox, reflectida nas eleccións andaluzas, sostén que é necesario "reflexionar" ante un "tsunami" que retrotrae a "tempos escuros". 

Aínda que cre que "ten máis difícil entrada en Galicia, en Euskadi e Cataluña", teme que "no resto do Estado isto pode complicarse", coa subida dun partido de "forzas anticonstitucionais, antidemócratas e que vulneran dereitos fundamentais", cun ideario que "mancilla á metade da poboación que son as mulleres".

Comentarios