Fantasmas sen conciencia
COMEZA ‘Eu son de aquí e de alá’ despois dunha marabillosa frase de Marguerite Yourcenar: «Todos estamos divididos e somos fragmentos, sombras, fantasmas sen consistencia». Tamara Andrés ao longo deste texto que non é biografía, nin é poemario, nin é ensaio... aínda que sexa un pouco de todo, aborda o labor de reconstruír eses fragmentos que chegaron a nós dun nome seguramente descoñecido para moitos como é o de Matilde Lloria ao que eu mesmo accedo dende a máis completa escuridade, grazas a este texto híbrido pero cheo de elementos sedutores, precisamente, por esa presentación fraccionada de anacos dunha vida que se reúnen pero sen un gran pegamento entre eles, senón colocados xuntos para amosar todas esas sombras que a rodearon pola súa condición de muller, pero que á vista do exposto, aparece chea de habelencias para ser lembrada.
Editado por Galaxia, Tamara Andrés recolle ese proceso investigador arredor dunha figura que chegou a ela de xeito casual, un nome máis que nun momento dado berrou dende o silencio ao sentir a presenza dunha cómplice que, anos despois do seu pasamento en 2002, reparou nela, nunha muller de Valencia que escribiu en galego, que residiu en Ourense, que coñeceu a Otero Pedrayo ou a Blanco Amor, e cuxa fotografía despois dunha búsqueda virtual non era nin tan sequera a dela. Esa pescuda converteuse daquela nunha obriga para a poeta de Poio ocupada dende ese momento en xuntar esas pezas para darlle un corpo a unha fantasma para que por fin deixase de selo. O resultado é este conxunto de voces que xorden da memoria dos que a coñeceron e cos que Tamara Andrés entra tamén nun diálogo colectivo a través das súas palabras nun xogo de espellos literarios que buscan a ubicación perfecta entre eles para que na confluencia das súas respectivas imaxes asome Matilde Lloria.
É, precisamente, esa abordaxe poliédrica, a que supón o desafío para Tamara Andrés á hora de darlle forma a este proxecto que lle permitiu traballar un texto que escape de territorios xa moi transitados en libros de carácter biográfico ou testemuñal, ofrecéndonos así unha paisaxe múltiple con esa figura central arredor da que tamén nós nos movemos dende o que supón a descuberta, como o foi para ela cando apuntou o seu nome nunha nota a rodapé como participante nun Congreso de poetas alófonos celebrado en Compostela en 1993.
A marcha durante un tempo a Valencia de Tamara Andrés activou a búsqueda das pegadas desa muller, abrindo un proceso de investigación que a fixo ir a arquivos e bibliotecas e poñerse en contacto con persoas que a coñeceron, descubrindo así a unha muller que escribiu en tres linguas: valenciá, galego e castelán, e que xunto ao seu marido médico pasou boa parte da súa vida naquel efervescente Ourense cultural de mediados do pasado século onde afianzou non poucas amizades e cuxa marcha ata a súa terra natal non foi sinxelo, mesmo afirmando que alí "deixo media vida en pé".
Unha estadía na Illa de San Simón enfrontou a Tamara Andrés coa posibilidade de converter esas investigacións e esa sororidade nun relato, nun texto que levase a ese nome ata unha zona de luz, pero aí xurdiu o gran desafío, cómo facelo?, e ese problema converteuse, ao final, entre incertezas e probas, no gran acerto deste libro no que Tamara Andrés converte a palabra dende a súa afouteza de poeta noutra das súas virtudes con palabras medidas e concentradas, cada unha cun peso de seu, coa capacidade de nomear e de fixar, de poñer ese foco sobre a sombra que queda desenmascarada ante nós.
‘Eu son de aquí e de alá’ é, daquela, a versión boa dos ensaios de Tamara Andrés para achegarse a Matilde Lloria, o compás que deixa ante nós ese devir vital a través de diferentes voces, de entrevistas e de pegadas que mesmo se poden materializar nos obxectos aquí fotografados e que formaron parte do legado que lle deixou á cidade de Ourense xunto a cinco mil volumes como agradecemento a unha vila e a unha terra que mudou algo nela, que se fixo poesía, escrita en galego, como un latexo que agora Tamara Andrés volve a converter en vida grazas a unha paixón e a unha exitosa procura.