Detida por pór a Plácido Domingo a todo volume todos os días durante 16 anos

A muller tiña unha disputa cos seus veciños nunha localidade eslovaca e trataba de vingarse facendo soar a mesma aria 14 horas ao día

Plácido Domingo. ULISES RUIZ BASURTO
photo_camera Plácido Domingo. ULISES RUIZ BASURTO

Unha muller da localidade eslovaca de Sturovo foi detida por pór durante 16 anos a todo volume, desde as seis da mañá ás dez da noite, unha aria de ópera interpretada polo tenor español Plácido Domingo, segundo informaron este venres medios locais.

"A propietaria da casa non respectou nin sequera unha sentenza definitiva do Tribunal Supremo que lle prohibía pór esa música", revelou a cadea privada TV Markyza.

A detida e varios veciños estaban inmersos nun longo proceso xudicial polo que se prohibiu á muller volver pór música alta porque ocasionaba molestias, pero ao non respectar a decisión xudicial foi arrestada.

Os acordes dun fragmento de catro minutos de La Traviata, de Giuseppe Verdi, que a muller puña de forma repetida no seu aparello de música, eran acompañados por asubíos por parte dalgúns veciños, co que o nivel de ruído na veciñanza facíase "insoportable", sinalou a cadea JOJ.

O instrutor do caso, que viu indicios de perigo polas ameazas realizadas pola muller tras a súa detención o pasado luns, solicitou para ela prisión preventiva e un xuíz deberá ditaminar se prosegue no cárcere.

Ao parecer, a detida protestaba coa súa música a todo volume polos ladridos continuos do can dun veciño, aínda que a disputa proseguiu incluso logo da morte do animal.

"Todo o mundo sofre. Non hai nin un momento de paz, desde a mañá ata as dez de noite. Todos os veciños sofren", relata un veciño ao medio húngaro Index. Outra veciña engade: "Encántame Plácido Domingo, pero non así".

E un terceiro, asegura: "Traería aquí á xente que fai as leis e obrigaríalles estar sentados diante desa casa. Se din que iso está ben así, durante 10 anos, todo ben, pero temo que se aburrirían do espectáculo en dúas horas".

Comentarios