sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Falece aos 31 anos o expresidente de M de Meira Xosé Salgado

Xosé Salgado
Xosé Salgado

Estivo sempre moi implicado coa cultura, o deporte e a política na súa comarca

O meirego Xosé Salgado Agrelo, expresidente da asociación cultural M de Meira, faleceu este mércores no hospital Lucus Augusti aos 31 anos de idade, logo dunha dura enfermidade.

Este mozo, cuxa vila natal chora a súa pronta partida, estivo sempre moi implicado coa cultura, o deporte e a política na súa comarca. Foi o representante local do BNG de Meira e adestrou ao equipo de fútbol da Pastoriza, entre outros cargos.

Xornalista de profesión, traballou no gabinete de comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

As redes sociais enchéronse de mensaxes emotivas para despedilo, como o da UD Pastoricense: “Unha parte da nosa historia sube ao ceo hoxe. Sempre estarás nos nosos corazóns. DEP Xose”, escribiron no seu Facebook.

O voceiro do BNG de Vilalba, Félix Jorquera, tamén se amosou conmocionado polo seu falecemento. “Nunca se é demasiado vello para morrer. Ás veces demasiado novo. Boa viaxe compañeiro”, dixo no seu perfil.

Tampouco quixeron pasar a oportunidade de brindarlle unha homenaxe a entidade que promove foliadas na súa localidade. "Hoxe Meira conta cun meirego menos, un meirego que valía por máis dun. Soñaba con que en Meira cambiases cousas, que medrase. Tiña ilusión por aquelo que lle apaixoaba, valores e uns pensares moi del. Era político, era moi novo, era un bo veciño, un compañeiro e amigo noso. Dende a nosa pequena asociación farémosche a mellor homenaxe que se nos ocorre. Facer que na túa terra non deixe de soar a nosa música, que se fale a nosa lingua e que a cultura galega sexa o noso lema. Que a terra che sexa leve, camarada! Seguiremos facendo país! Descansa e fai desta aló onde vaias!".

A estas mensaxes sumouse tamén a concelleira do BNG da Pastoriza, Elva Carreira. "Que a terra te acolla co mesmo amor que ti demostraches por ela. Acóllete moi novo compañeiro, por iso a tristura é inmensa. DEP Xose".

Veciños, familiares e amigos daranlle o venres o último adeus nun funeral que se celebrará na igrexa de Santa María de Meira, ás 16.00 horas. A continuación, recibirá sepultura no cemiterio parroquial de Salvador de Crecente, na Pastoriza.

Falece aos 31 anos o expresidente de M de Meira Xosé Salgado
Comentarios