El 'porco celta' toma A Fonsagrada

porcocelta_col1.JPG
photo_camera porcocelta_col1.JPG

O municipio lucense da Fonsagrada vén de ensalzar a calidade do porco celta no marco da primeira festa dedicada na vila a esta especie autóctona, que tivo como acto central unha comida cun menú a base desta carne que reuniu a unhas 400 persoas. A raza porcina celta, que estivo a piques de desaparecer, recuperouse nos últimos anos grazas ao labor da asociación de criadores Asoporcel, que organizou esta cita co apoio do Concello e da Deputación.

A festa arrancou coa apertura dos expositores habilitados na Praza do Museo. Estes postos fixéronse a imitación das pallozas castrexas, xa que os organizadores buscaron vincular esta cita co mundo celta. Nestes stands expuxeron e venderon os seus artigos as tres empresas lucenses que comercializan produtos derivados destes animais: as locais Porco Celta Fonsagrada e Porco Real e a sarriana Cárnicas Teijeiro. Os seus responsables valoraron de forma positiva as vendas que fixeron na cita malia a climatoloxía desfavorable, que mermou a afluencia de público.

Ademais, noutros postos os técnicos de Asoporcel divulgaron a actividade do colectivo e amosaron exemplares vivos de porco celta dunha gandería de Becerreá. A media mañá, o Museo Comarcal acolleu unha charla do vicepresidente de Asoporcel, José Balboa, quen louvou a calidade dunha especie que cualificou de "paradigma para Galicia porque non se conciben os seus montes sen a súa presenza".

Ao remate da charla tivo lugar a inauguración oficial da festa. O acto contou coa presenza, entre outras autoridades, da vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez; e do director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, quenes coincidiron en subliñar o apoio de Deputación e Xunta á posta en valor desta produción artesanal. Pola súa banda, o alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, avogou por que esta festa "sexa a primeira pedra da promoción de algo tan vencellado á terra como é o porco celta" e comprometeu o seu apoio a futuras edicións.

A cita festiva rematou cun xantar a base de produtos desta especie, que foi servido en distintos restaurantes da vila. O menú, que degustaron unhas 400 persoas, buscou novamente lembrar a cultura castrexa. Así, despois de probar os embutidos de porco celta, os comensais degustaron un caldo con castañas pero sen fabas nin patacas, produtos descoñecidos para os pobos castrexos. Na comida tamén se serviu cocido de porco celta e castañas asadas. O xerente de Porco Celta Fonsagrada, Pablo Valledor, un dos promotores da festa, anunciou que a intención dos organizadores é repetir a experiencia na vila e mesmo levar esta posta en escena 'castrexa' a outras localidades.

Comentarios