Santiago, repetirás: una iniciativa para animar el turismo en la capital gallega

(Foto: I.P)
photo_camera (Foto: I.P)

Na capital galega desenvólvese ata o vindeiro 31 de marzo o programa 'Santiago de Compostela, repetirás', unha iniciativa do Departamento de Turismo da cidade para animar o movemento de visitantes en tempada baixa.

Trátase dunha oferta que xa acadou un importante éxito en edicións precedentes e que ten á gastronomía como cerne. Inclúe catas comentadas con maridaxe entre viandas e bebidas galegas, visitas á Praza de Abastos na compaña de chefs de prestixio, obradoiros gastronómicos para nenos e outras actividades.

Nas catas, os participantes degustan diversos produtos da terra (viños, queixos, embutidos, conservas) e moi particularmente aqueles que contan con distintivos de calidade, caso das denominacións de Orixe, combinando xantar e bebidas (viño ou cervexa, dependendo da sesión). Algunhas delas maridan, por exemplo, conservas con viños da D.O. Valdeorras; queixos de San Simón con caldos da Ribeira Sacra ou conservas con cervexas Estrella Galicia.

Co suxestivo nome de “Merco e cociño con..” outra das actividades deste programa lúdico-culinario permite aos asistentes facer a compra na Praza de Abastos compostelá (por certo, o segundo lugar máis visitado da cidade, despois da Catedral), acompañados polo mesmo chef co que logo cociñarán os produtos mercados.

Ao remate, por suposto, degustación dos pratos elaborados. Entre os cociñeiros-titores da experiencia figuran personalidades da talla dos composteláns Marcelo Tejedor, Iago Castrillón (do restaurante Acio, gañador do I Concurso de Tapas de Santiago) ou Pedro Roca (da Arrocería Mediterráneo), así como Beatriz Sotelo e Pepe Solla, ambos –coma Marcelo– do Grupo Nove.

Os máis pequenos tamén teñen o seu espazo en “Santiago, repetirás”. En diferentes obradoiros, os nenos e nenas poden elaborar pratos e pinchos fríos, sempre con produtos sans e debidamente seleccionados. Xunto cos temas máis especificamente gastronómicos, trátanse, de xeito divertido, conceptos relacionados coa educación para a saúde e hábitos alimenticios saudables. Os cativos participantes (nunca máis de 30 por obradoiro) están ao cargo de 3 monitores especialistas.

Outra das ofertas deste programa é o tour gastronómico, unha visita guiada por tendas de alimentación tradicionais da cidade, así como polo propio Mercado de Abastos, rematando cunha degustación de produtos, cen por cento galegos, nun local de viños e tapas.

Para informarse sobre horarios e datas de “Santiago, repetirás”, pode consultarse a web www.santiagoturismo.com/fs.

Premios Dagda
Todo está listo para a entrega, o vindeiro día 14 deste mes de xaneiro en Pontevedra, dos premios Dagda de Turismo e Gastronomía 2008, que convocan conxuntamente a Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (Agaxet) e a revista Hostelería Galega & Turismo (HG&T).

A organización agarda a asistencia de entre 600 e 700 persoas, e xa está confirmada a presenza de Juan Mari Arzak, que recollerá o premio a Eurotoques, a Comunidade Europea de Cociñeiros fundada en 1986 entre outros polo propio Arzak e que actualmente reúne a máis de 3.500 profesionais de 18 países. Este será un dos dous galardóns de honra que se entregarán na gala. O outro será para o grupo El Progreso, como homenaxe aos seus cen anos de historia.

Os premiados nas nove categorías nas que se estrutura este certame recollerán os seus recoñecementos na Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia, que terá lugar no Pazo da Cultura da cidade do Lérez. Ata entón non se coñecerá o fallo do xurado, composto por representantes dos empresarios e profesionais do mundo da hostalería e o turismo do país, así como por xornalistas da Agaxet.

Os premios serán para o mellor prato do ano; mellor profesional e empresario; oferta complementaria máis significada; labor de formación e fomento do I+D máis destacado; mellor proxecto empresarial, tanto en restauración como en aloxamentos; produto máis senlleiro; oferta máis salientable no campo do equipamento; mellor traballo de divulgación e acción máis relevante de promoción turística, hostaleira e alimentaria.

Por último, haberá un recoñecemento especial que concede a redacción de HGT&T ao “proxecto de dimensión máis trascendente”.

Comentarios