sábado. 28.05.2022 |
El tiempo
sábado. 28.05.2022
El tiempo

Toda unha vida de amor na cociña

Criar unha familia e chegar a facer de comer para máis de cen persoas non parece unha tarefa doada, pero María Estrella Ares Bermúdez, Maruja para todo o mundo no seu Baamonde natal, fíxoo sempre cun sorriso. Ahora, medio século despois de iniciar unha andaina persoal e profesional xunto a Xoán Corral, o XXI Premio de Gastronomía de Galicia que concede o Concello de Lalín, recoñece o seu infatigable esforzo co galardón Toda unha Vida Dedicada á Gastronomía Galega.

O seu home, o polifacético Xoán Corral -o domingo cúmprese o terceiro aniversario do seu pasamento-, era a alma do comedor, pero ela, Maruja, foi sempre o corazón dunha cociña da que saían un caldo coma o da casa, paellas, cocidos, carne, ameixas, mexi-llóns... Día tras día ao longo de máis de 40 do seus 72 anos anos de vida, «sen vacacións, sen horarios e case sen días libres». Todo, xustificado nunha soa frase: «na cociña sempre me gustou estar».

Porque Maruja non se arrepinte de nada, e iso que case nin deu saído da cociña para ter os fillos. «Unha noite fíxenlles a cea a unhas rapazas que viñan da discoteca e ao día seguinte Xoán díxolles que tivera unha nena», conta, emocionada ao lembrar os centos de experiencias vividas criando aos seus catro fillos, convivindo coa numerosa familia do seu home, sacando tempo para ir ás verbenas de toda a volta e pasando moitos traballos, porque nos inicios non había lavalouzas, nin lavadora e, ás veces, nin auga.

«Tocoume loitar moito, porque empezamos da nada e fumos tirando para arriba, pero mentres loitamos os dous foi unha marabilla», relata Maruja. Por iso, mesmo agora que xa está xubilada, «aos 65, estábao desexando», gústalle ver como traballan as novas xeracións, unha inquedanza que foi clave para paliar o duro golpe de quedar viúva e tamén para superar unha enfermidade grave.

O 6 de febreiro, Maruja recollerá ese premio por toda unha vida, un recoñecemento que non acaba de crer, «cando mo dixeron, eu dicía que non, porque sempre penso que hai xente mellor», pero que, como diría Xoán, «se lo merece».

FAMILIA
«É un orgullo que recoñezan o nome da nosa nai»

Jamy, Montse, Inma e Jes son os catro fillos de Xoán e Maruja, responsables de continuar o legado de seus pais á fronte do restaurante Galicia. «É un orgullo que recoñezan o nome da nosa nai, porque non só loitou polo negocio, tamén exercía de nai ao tempo que traballaba», din.

Unión
Os catro destacan que «a nosa nai nunca lle molestaba nada, pese a ter unha morea de traballo» e que soubo adaptarse a traballar rodeada da numerosa familia de Xoán e dun montón de nenos, sempre dando un cariño que todos lle souberon devolver cando ela o necesitou. E, por suposto, non esquencen as sobremesas, un momento de unión familiar instaurado por Maruja, porque como ela di, «sempre hai que sacar tempo para a familia».

As receitas da avoa
Maruja confesa que, aínda que leu libros de receitas, nunca as collía, «porque prefería ir probando eu». Milleiros de peregrinos, veciños, turistas e amigos saborearon uns pratos que «nós hoxe seguimos conservando, porque son as receitas da avoa», bromean os fillos, en referencia ás catro netas que ten a matriarca.

Toda unha vida de amor na cociña
Comentarios