Martín Barreiro: "Por riba de todo, busco diversión no deporte"

O home do tempo máis televisivo practica natación dende a nenez e declárase amante do baloncesto, no que fixo os seus "pinitos" co Breogán. Intervido dunha hernia discal, o meteorólogo lucense fai, ademais, "exercicios dirixidos e moi específicos" para apoiar a súa recuperación
Martín Barreiro, na neve.EP
photo_camera Martín Barreiro, na neve.EP

Diversión, benestar e autocoidado son tres dos beneficios que o home do tempo máis televisivo, Martín Barreiro Carreira (Lugo, 1977), procura na práctica deportiva. Tras ser intervido dunha hernia discal, este licenciado en Física, especializado en oceanografía, meteoroloxía e climatoloxía que desentraña para nós os segredos das isóbaras dende TVE confesa que ten saudade "do caldo, o polbo e o marisquiño" ao vivir en Madrid.

Nada dende neno. Barreiro -que este inverno puido desfrutar algo da neve- deféndese no medio acuático. Amante do surf, sinala que "aínda que moitas son as actividades que veñen e van" das súas rutinas cotiás, a natación é a que practica con maior asiduidade, unha disciplina que o "acompaña case dende a nenez". A súa pericia como nadador é tal que hai un tempo participou na Heroica, unha competición polo río Sil. "Nadar entre os canóns da Ribeira Sacra é un privilexio", sinala.

Paixón polo baloncesto. Polo xeral, este comunicador practica deporte en solitario. Non obstante, se hai algunha actividade da que desfruta especialmente en grupo esa é o baloncesto. Véñenlle á memoria os seus "pinitos" co Breogán, "unha etapa intensa e divertida a tope".

Recuperación. "Por riba de todo", este pai de familia busca "diversión" no deporte. "Se ademais me trae benestar, pois perfecto!", explica. A saúde é outro piar para el, pois logo de ser intervido dunha hernia fai "exercicios moi específicos e dirixidos" que lle están dando resultado. "Vanme xenial", constata.

Alimentación. Empanadas, filloas e arroces son "especialidades" do ‘chef’ Barreiro, ao que lle encanta cociñar. Confesa que xunto coa súa muller e os seus dous fillos coidan "moitísimo" a alimentación. "Somos moi conscientes dos valores dunha dieta saudable e moi estritos en coidar o que comemos", refire o meteorólogo.

Más en Salud y nutrición
Comentarios