A catedral de Lugo

Coro da catedral de Lugo. AEP
Coro da catedral de Lugo. AEP
Nestes tempos, que algúns chaman da cristiandade mínima, a catedral de Lugo aínda se mantén viva e integrada na vida da cidade.

Gústame ir á catedral de Lugo, especialmente cando hai misa cantada. Escoitar como a voz do sacerdote, acompañada polos acordes do órgano, enche o espazo dunha sonoridade envolvente. Se temos a sorte de que algunha coral se incorpore á cerimonia, entón o sacrificio eucarístico convértese nun espectáculo sublime. "Maravilloso efecto del arte que consigue lo que no es dado alcanzar a veces ni a la mismísima religión", escribía Benito Pérez Galdós. 

Antes prefería o recollemento das pequenas igrexas rurais, sobre todo porque me parecía máis auténtica a relixiosidade das xentes sinxelas do campo, como adoitaba chamarlles o pai Xesús Mato cando misaba polas parroquias de Padornelo e mais de Louzarela. Era esa mesma relixiosidade sinxela, que o pai Mato enxalzaba nos seus sermóns, a que Millet soubo plasmar mellor que ninguén no seu L´Angélus, ou seu coetáneo Coubert no Enterro en Ornans

Mato adoitaba dicir as misas dos enterros no adro das igrexas e capelas das súa parroquias. Así, aínda que se perdía un pouco o recollemento dos menos, os máis viámonos obrigados a escoitar a palabra do Evanxeo, que nunca fixo mal a ninguén. 

Con todo, nin os espazos abertos, nin tampouco esas modernas igrexas, tan amplas, diáfanas e minimalistas que semellan naves industriais ou mesmo templos protestantes, me parecen lugares adecuados para o encontro coa divindade, que tal é o que acontece na Santa Misa.

Teño que recoñecer que a catedral, as catedrais en xeral, tardei moito en descubrilas e máis en coñecelas. Foi nunha conferencia no Seminario Diocesano de Lugo, cando empecei a descifrar estas Páginas de piedra, que tal é o titulo do belísimo libro escrito pola relatora, María José Muñoz López, directora do Museo Diocesano de Córdoba. A súa conferencia, así como a ulterior visita guiada, a cargo do director do Museo Diocesano de Lugo, abriume as portas a entender esta obra de arte total que é unha catedral, "signo visible da Igrexa particular onde o bispo, sucesor dos apóstolos, é seu titular".

Como di María José Muñoz, unha catedral está viva, e iso pódese sentir cando se escoita misa no seu interior. A diferenza doutras igrexas, este espazo arquitectónico único permite que os sentidos gocen mentres o espírito se recolle e reconforta.

No caso particular de Lugo, a severa fachada neoclásica non nos permite nin mesmo entrever o que imos atopar no seu interior. Dentro, a simplicidade e o recollemento do románico fainos sentir paz, ao tempo que nos deixamos iluminar pola luz do gótico e sorprender pola maxestosidade do barroco.

Escoitar a Santa Misa entre as ornadas cadeiras do coro de Francisco de Moure que, contra modas pasadas, se mantivo na nave central, á maneira española, permítenos a contemplación, entendida nos seus dous sentidos, que son o de reflexión e mais o de privilexiada visión da exposición permanente do Santísimo Sacramento na custodia do altar maior, privilexio da catedral de Lugo desde tempos inmemoriais. 

Escoitala desde calquera dos brazos do transepto, permite contemplar, nos testeiros, as dúas metades do antigo retablo do altar maior, obra de Cornielles de Holanda, coroadas por senllos rosetóns góticos que iluminan o cruceiro e fan sentir, aínda máis, a presencia de Deus. Por algo os construtores das catedrais góticas identificaban a Deus coa luz.

Este retablo, na súa localización orixinal, serviu de fondo para a primeira Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, celebrada en 1669, e ininterrompidamente desde entón; sendo esta o único vestixio que nos queda do vello reino.

Deambulando pola xirola, tras do altar maior, atopamos a xoia da catedral: Nosa Señora dos Ollos Grandes, gardada no estoxo que para ela construíu Fernando de Casas Novoa, autor tamén do claustro. Quizais algún día vexamos refulxir de novo, como se fose de estrea, seu camarín dourado, agora un tanto esmorecido polo paso do tempo. 

Na tribuna, que aquí chaman triforio, atopamos o museo diocesano, coas súas coleccións sacra e arqueolóxica. Pezas notables son o Cristo de Giambologna, os relevos das Saamasas e, por suposto, o crismón de Quiroga. Estas dúas últimas pezas devólvennos a ese cristianismo de sabor máis rural, do que falabamos ao comezo deste artigo, tanto pola súa procedencia como pola súa antigüidade. Cando dicimos crismón estamos a falar dunha das representacións máis antigas do cristianismo; o signo co que venceu Constantino na batalla da Ponte Milvia.

Esteas onde esteas, na catedral de Lugo séntese a presencia de Deus. Esa presencia que, nestas mesmas páxinas, Leonardo J. Blanco botaba en falta na recentemente reinaugurada Notre Dame de París, convertida agora, co seu pavimento escaqueado, case nunha loxa masónica. 

O museo é de pago, como tamén o son as visitas turísticas, pero a catedral de Lugo é aínda accesible, tanto para quen busca un remanso de paz para poñer en orde os seus pensamentos, como para quen, desde unha perspectiva máis laica, so pretende alimentarse coa beleza que nos proporciona a arte. 

En Lugo non se cumpriu aínda a premonición de Julio Llamazares quen, na súa obra Las rosas de piedra afirma que "cuando empecé este viaje, hace 17 años, la mayoría eran de acceso libre, que es lo que tienen que ser, en mi opinión. Cuesta mucho mantenerlas, pero hay que buscar otra fórmula. En el momento en que cierran la puerta y tienes que pagar por entrar, la catedral deja de formar parte de la vida de la ciudad. De hecho, en las catedrales ya solo ves turistas".

Comentarios