Opinión

A fe na poesía

A novela gañadora do Premio Torrente Ballester en Lingua Galega 2020 sae do prelo de Galaxia para, da man de Xosé Ricardo Losada, reflectir ás derradeiras semanas de vida do poeta Manuel Antonio. Días empregados en facerlle ver a súa nai a necesidade vital da súa poesía.

CATRO HORAS de garda Manuel Antonio asubiaba na varanda do Constantino Candeira ollando, pola corda do horizonte baixo un ceo de estrelas, cara ás escumas dun mar que o acolleu como o navegante da poesía que sempre devezou ser, como o home que naquela travesía artellou o poemario máis emocionante, fermoso e moderno da nosas letras. Lonxe da súa terra, aquel rapaz de Rianxo, afastábase ao mesmo tempo das teimas relixiosas coas que a súa nai tentou acubillar ao fillo, sendo, xustamente, nese elo entre unha nai de fonda fe relixiosa e un fillo dunha fonda fe poética, onde Xosé Ricardo Losada orienta a súa novela O rosario e a buguina, que mereceu o Premio Torrente Ballester en Lingua Galega do ano 2020 e que vén de imprentarse.

Manuel Antonio xa sabía neses momentos do seu próximo final. A tuberculose xa o botara na cama e alí, cada día que pasaba, e con menos forzas para falar a súa nai debía arrimar cada vez máis a súa cadeira para escoitar as súas palabras. A travesía chegaba ao seu fin, pero aquel grumete da poesía aínda tiña unha tarefa final por facer, darlle a entender á súa nai, o ser que lle deu unha vida que logo foi verso, a súa necesidade de ser poeta, de ver a vida e entendela cuns ollos que se dirixían máis ao humano que ao divino. A falla de afecto dos anos anteriores, coas fuxidas de Manuel Antonio dos desexos da súa nai por vencellalo a un espírito máis relixioso, ten aquí un fermoso combate final no que todas esas distancias esnaquízanse entre versos e confesións sinceiras para despedir ao poeta e para que a súa nai recitase de memoria un daqueles poemas que simbolizaban a diferenza entre os seus mundos.

Xosé Ricardo Losada é un dos mellores coñecedores da vida e obra do seu veciño, o que concretou de xeito afouto na súa biografía, editada tamén en Galaxia, Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego. Agora, de xeito penso que brillante, o autor fai unha moi interesante conexión entre o proceso de construción da que sería a súa única obra De catro a catro, símbolo dun tempo novo en Galiza, co marco da terra atrasada, ancorada, entre outras moitas cousas, pola Igrexa.

Esa loita entre nai e fillo, coas súas dúas voces enguedellándose capítulo a capítulo entre as palabras que Manuel Antonio apuntou a lápis naquel caderno de contas no que se fixou a primeira versión dun texto central na nosa escrita, permítelle a Ricardo Losada amosar, dende o seu coñecemento de Manuel Antonio, diferentes cuestións arredor de cómo ese sentimento de ser poeta, de ver a vida con outra perspectiva, respostaba a un desexo irrefrenable por medrar dende a palabra e a través dela propoñer un novo mundo que superase escuridades e atrasos que nos condeaban a tempos de atraso.

Tanto ese rosario, no cal se agochan os reproches da nai por unha vida disoluta, lonxe de responsabilidades, como esa buguina na cal dende a súa cama Manuel Antonio aínda era quen de escoitar aquel mar, o seu mar, son un marabilloso escenario para definir dúas vidas. A proa e a popa dunha realidade familiar complicada, as veces, de manterse a flote pero que cando recoñece ese faro ao fondo no cal se anuncia o remate, non queda outra que alixerar a carga e poñerse a ben. Sandar unhas feridas incomprensibles e que responden a cando o amor ténsase entre dúas persoas que se enfrontan por riba do puramente persoal. Manuel Antonio procuraba a súa propia voz, a da poesía dos "adeuses de escuma, das praias perdidas, dos cadernos en branco e os ronseis de Simbad", fronte a iso, unha nai, viúva, alonxada do seu seu fillo pola vontade deste de acadar novas experiencias imposibles de atopar naquela vila.

Agora, cando todo remata, no tempo do adeus, cunha man no rosario e outra na buguina, os versos de Manuel Antonio dende a boca da súa nai, convértense no aloumiño final, no desexo dunha boa viaxe cara onde sexan que partan as almas, cara onde sexa que os poetas procuran unha nova inspiración.

Comentarios