Opinión

Antes de empezar: Ti es escohotadista?

Ricardo saúdame cunha alegría colmenero. Sen pausas. "Oes, Jaure.Antes de empezar. Ti es escohotadista?". Con 17 anos probara tantas drogas ilegais como agora. Ningunha. Descubrín a Antonio Escohotado defendendo os estupefacientes no programa La clave. En 1982 levaba doce anos asentado en Ibiza sen canles correntes de luz nin auga

PLINIO O VELLO non lle deu importancia.Aquela mañá do ano 79  axitouse o Vesubio. El era forense de volcáns. Estudara o Etna, o Cofanto, o Quimera, un cráter de Babilonia; así como volcáns de Persia, Etiopía e as illas Eolias. O Vesubio era un pé de páxina na súa Historia natural: un monte cuberto de viñas, refrescado polo río Sarno e visible pracidamente dende Pompeia.

Almorzou queixo de ovella, uns erizos de mar e unhas uvas que prenderan na ladeira do volcán mirando á baía napolitana. As ovellas que pastaban aqueles prados daban un leite cun matiz ácedo que lle picaba suavemente na lingua. O Vesubio era unha bomba de herba e vides, unha fera amansada. No ano 63 morreran ovellas polos gases que camiñaban invisibles sobre a superficie. Aquel día morrerían seiscentas. Cinco mil ovellas de Islandia faleceron hai seis anos por respiraren sulfuro volcánico.

Marilyn Monroe tiña un xeito taimado de anular aspirantes. Cando lle pedían o teléfono dáballes o número do Forest Lawn Memorial Park, un cemiterio amplo e osixenado. É un parque con fontes, árbores altas, estatuas e xardíns. Antes, fóra un campo estensísimo polo que David Griffth puxera a cabalgar os feroces cabaleiros do Ku Klux Klan detrás de negros pálidos de terror en O nacemento dunha nación.

Plinio pensaba que uns ventos interiores provocaban as erupcións. O aires do Vesubio comenzaron a moverse dun lado para outro nun ataque de loucura. Non sufriran unha ira tan forte nos setecentos anos anteriores. A pota empezou a ferver. Primeiro foi o vapor. Subiu unha nube grande coma a sombra de Nagasaki, pero «con forma de pino». Despois serían a pedra líquida e o lume. Plinio O Vello vestiuse de científico, que daquela consistía en observar e anotar. Fixo apuntamentos sobre o monstro laranxa.

Chamei a Ricardo Colmenero para preguntarlle se compensa continuar vivindo nun mundo no que os camareiros das prazas maiores non entenden se lles pides un café expreso ou italiano

Os amigos confiaban na súa solidez de sabio e, sobre todo, en que era o almirante da frota imperial atracada no estiario. Chegaban mensaxes de consulta sobre as posibilidades de escapar do círculo máis fondo do Inferno. Plinio atravesou a baía para auxilialos coa súa palabra calmante e con catro trirremes para que embarcasen se o medo os dominaba. "O que vedes non son máis que fogueiras de labregos abandoadas por pánico e casas baleiras ardendo".

Estaba lendo onte a vida de Plinio O Vello contada por Daisy Dunn en Bajo la sombra del Vesubio (Siruela). Tomaba o primeiro café fresco da mañá. Parei coa intención de facerme outro expreso tristemente descafeinado. Chamei a Ricardo Colmenero (Ourense, 1977) para preguntarlle se compensa continuar vivindo nun mundo no que os camareiros das prazas maiores non entenden se lles pides un café expreso ou italiano. El ten unha confianza discreta con Antonio Escohotado. Pode preguntarllo. Escohotado é filósofo no sentido clásico grego, un fondo de ría onde se mesturan as augas doces do pensamento e as aguas salgadas da ciencia.

Ricaro é xornalista de El Mundo. Vive en Ibiza dende a metade da súa vida. Plinio O Vello morreu por unha confianza desbordada na observación científica. Durmía nunha casa da baía de Nápoles dando as costas ao Vesubio incendiado de ira volcánica. Espertárono os escravos porque a morte asomara pola boca do volcán e os asediaba. Tusiu varias veces co xeito áspero co que tusen os asmáticos. Baixou á praia para decidir se aínda podía escapar. O volcán lanzara xa a traca final de fogos de artificio. Pediu unha saba branca. Deitouse para esperar.

Antonio Escohotado (Madrid, 1941) empezou a sentir o fedor da morte bailando ao redor do seu chalet de Galapagar, na serra do Guadarrama, durante a clausura da peste. O filósofo desconfiaba dos Idus de Marzo dende que lera Xulio César. En xuño abrazou á terceira muller e o sétimo fillo. Marchaba morrer a Ibiza. O poeta Félix Grande aconsella non volver onde foches feliz —«el tiempo habrá hecho sus destrozos»—, pero saltou ese poema. Ao principio estableceuse nunha cabana en Pou des Lleó; despois, a Santa Inés.

—Ten a cabeceira da cama contra un muro da igrexa e do cemiterio —cóntame Ricardo.
Colmenero aproveitou a coincidencia para entrevistalo polo seu libro ‘Hitos del sentido’ (Espasa). A media hora prevista prolongouse outras dez.

—Cando saín da casa de Antonio tiña cinco horas de gravación. De Antonio non se sae máis listo, non se sae. É coma unha arañeira.

Eses milleiros de palabras servíronlle como base para escribir Los penúltimos días de Escohotado (La Esfera de los Libros). 

Os ricos seguiron veraneando, pero á sombra. Mary Shelley, Lord Byron e John Polidori marcharon á Vila Diodati, unha mansión cerca de Xenebra.

Hai volcáns que son fecundos. Non producen unicamente vides e pasto para as ovellas, tamén textos. A erupción en 1815 do Tambora, nas Indias Orientais Neerlandesas ceibou ao aire millóns de toneladas de pó, cinzas e dióxido de xofre. A nube tóxica empezou unha deriva de sombras. No verán seguinte cubriu Europa. A falta de sol causou colleitas miserables e frío nos ósos. A chuvia non cansaba. Os ricos seguiron veraneando, pero á sombra. Mary Shelley, Lord Byron e John Polidori marcharon á Vila Diodati, unha mansión cerca de Xenebra. Para distraérense decidiron ontarse historias de terror. Shelley escribiu Frankenstein; Byron, o poema Escuridade, e Polidori, O vampiro, no que se baseou Bram Stoker para Drácula.

Antonio Escohotado segue divertíndose coa aprendizaxe. Contoulle a Colmenero que andaba cos «padres de Kant, la fonética noruega y la geología de Islandia». Os islandeses botan a culpa das súas neuras ao volcán que quitou a tapa en 2015. Non se pode vivir nunha illa sen padecer dos nervios nalgún estrato do cerebro.

Ricardo Colmenero non é escohotadista. "Intento manter a distancia". Sente curiosidade polo noso antes e noso despois. Acudiu ao oráculo de Santa Inés,en Ibiza. O oráculo de Atenas determinou que Sócrates era máis sabio. Sócrates contestou que os oráculos eran pedras baleiras. O xornalista ignorou os deuses. Acudiu directamente ao filósofo para que lle abrise unha ventá con vistas ao Alén.

—Que vai pasar cando morramos? Escohotado non ten unha evidencia científica, pero conta con grandes coñecementos de filosofía, física e química.

Poida que Ricardo non sexa Eckermann. Confío en que Escohotado non sexa Goethe.

Plinio O Vello carecía tamén dunha evidencia científica, pero pensou que redactar os 37 tomos Historia natural o autorizaban para confiar nunha verdade global e papalmente infalible sobre os volcáns.

Poida que Ricardo non sexa Eckermann. Confío en que Escohotado non sexa Goethe. Non menosprezo o talento colosal do madrileño. Recollo a queixa infantil de Eckermann. Non puido casar coa súa noiva porque era o criado intelectual dun señor ruín, que non lle pagaba. O servo de Goethe vivía de dar clases de alemán a ingleses.

Antonio Escohotado non lle pediu a Colmenero que se sometese laboralmente. Eckermann escribiu un libro de conversas con Goethe do que esperaba gañar uns francos, pero o señor prohibiulle publicalo ata que el morrese. Escohotado autorizoullo a Ricardo. Evita amolar a ninguén. Unha vez intentou comprarlle unha pistola a un arxentino. Clandestinamente. Non quería pedir un permiso á Garda Civil para facer tiro olímpico, senón apuntarse na diana do corazón se a decadencia do seu corpo se lle facía pesada de máis.

—Ricardo, el argentino me pide 3.000 euros. Puedes conseguirme una por 400. No quiero acabar como Aute.

Comentarios