Cambio tecnolóxico

Imaxe realizada con intelixencia artificial con estética dos estudos Ghibli. EP
Imaxe realizada con intelixencia artificial con estética dos estudos Ghibli. EP

A velocidade coa que se producen os cambios tecnolóxicos arredor de nós é, por veces, incríbel. Hai un par de anos case que ninguén sabía que era a intelixencia artificial alén do que puxese a enciclopedia na que se consultase. Arestora unha porcentaxe importante da poboación usámola a diario, modificou de xeito transcendental asuntos coma o ensino ou a calidade da información e atópase no centro dalgúns dos debates máis importantes da nosa sociedade, tanto polos límites que se lle podan poñer como polo aproveitamento que se poda facer dunha arma de coñecemento tan poderosa.

Galaxia Gutenberg vén de publicar a que podemos considerar, nestes intres, a contribución máis poderosa feita en España a todos estes debates. Trátase de Una teoría crítica de la inteligencia artificial, ensaio gañador do premio que se organiza dende hai uns poucos anos en memoria de Eugenio Trías. O seu autor non require demasiada presentación no mundo do ensaio español, xa que se trata de Daniel Innerarity. Voz habitual nos medios de comunicación progresistas, catedrático de Filosofía Política e profesor en diversas universidades españolas e estranxeiras, o argumento de autoridade procede aquí: Innerarity é unha das voces chave da cultura española dende hai tres décadas.

Estamos perante un ensaio de carácter académico, do que habería mesmo que cuestionar o seu carácter divulgador. O autor foi catedrático do tema en Florencia, investigou no Instituto para a Investigación en Ciencias Sociais de Frankfurt e dedica a súa obra nada menos que a Jürgen Habermas, o actual patriarca da filosofía europea. A cada paso aparecen referencias entre parénteses que en case ningún caso son de común coñecemento —de feito, a maioría nin sequera están publicadas en español—. O que se gaña en rigor pérdese, na nosa opinión, en capacidade de chegar a un público amplo —aínda que é moi posíbel que nin Innerarity nin a editorial tivesen ese obxectivo—.

Feita esta anotación, temos que dicir que a obra presenta con éxito unha teoría exhaustiva tanto sobre a intelixencia artificial coma do cruzamento da mesma coas sociedades democráticas europeas. Máis que na propia IA, o autor centra a súa ollada nos algoritmos. A primeira parte consiste nunha definición do algoritmo e as particularidades da intelixencia humana que a artificial endexamais poderá emular; a segunda aborda aspectos prácticos do funcionamento de máquinas e tecnoloxía, ademais da análise das actitudes das sociedades cara o tecnolóxico; a terceira, que supoñemos que o autor modificaría se fose posíbel dados os acontecementos ocorridos neste 2025, os desafíos que supón o uso dos algoritmos —arestora controlados polas grandes corporacións— para a igualdade real e a democracia.

Dende unha posición de lectores profanos sería unha temeridade argumentar contra as teses de Innerarity. Iso si, como críticos culturais si podemos observar que, no eterno debate entre os apocalípticos e os integrados –válido para calquera tópico–, está o autor situado máis ben cara o primeiro bando, aínda que sen unha posición extrema. Todo o texto transmite un aroma ao que se deu en chamar ‘tecnopesimismo’, unha posición moi sinxela de manter nestes tempos —e máis co proceso de disolución dos controis e equilibrios que Trump está a executar nos Estados Unidos—, pero que quizais non axude ao futuro do libro, posto que unha constante en calquera obra importante no terreo da tecnoloxía e a sociedade –penso en MacLuhan ou Postman, por citar dous senlleiros– é a súa tendencia, que recolle Innerarity, a minusvalorar as solucións que a propia tecnoloxía ofrece a moitos dos problemas que xera.

Comentarios