O contrato de manguela
De neno, tiñamos na casa un barril de cobre que, xa en desuso, adornaba a cimeira dun aparador. Dicía meu pai que viñera da Casa do Manguelo, que seica era un primo da súa nai, miña avoa Elvira. A palabra manguelo tiña, para min, máis que o significado de mangante que da o dicionario da Real Academia Galega, certas connotacións como de desaliñado ou mal vestido. Habería de ser meu pai que me explicase seu significado exacto. Para el, ser manguelo era un oficio que consistía en levar inválidos, mutilados, lisiados, e xente polo estilo, a pedir polas feiras e santuarios, partindo as ganancias.
Seica tal era a profesión do noso parente, que levaba a toda esa xente a pedir a Lourdes e fixera un bo capital, que investira nunha propiedade no País Vasco. Pola casa andaban tamén unha chea de fotos nas que saían meu pai, miña avoa, e unha xente moi ben portada que, dicían, era a familia do Manguelo que viñeran pasar uns días na Veiga. Destacaba unha rapaza loura, moi guapa, que seica era súa filla. Miña nai non lle daba ningunha importancia a estas precisións de seu marido e seguía a dicir que parecía un manguelo cada vez que me vía mal vestido, sen facer nada, ou ambas as dúas cousas a un tempo, o que era bastante habitual.
Cando marchei a estudar a Madrid quedei sorprendido pola abundancia de libros en galego que había nas Bibliotecas Populares e alí, na de Canillejas, consultando o Dicionario Galego-Castelán de Xosé Luís Franco Grande, xurdiu ante os meus ollos a verdadeira acepción da palabra manguela, que viña a ratificar que meu pai non inventaba: "Explotación de un anormal o lisiado, que se cede para dedicarlo a la caridad pública". Aínda así define manguelo como "Descuidado en la labor. Perezoso".
Facer a manguela era un negocio de miseria, e como tal o describe Eliseo Fernández no seu estudo sobre a guerrilla no Courel, incluído en Federación de Guerrillas de León-Galicia (Positivas 2022), cando di: "A miseria era tal que no Courel —e tamén nos concellos de Becerreá, Cervantes e Pedrafita— había tempo xa que se tiña estendido o recrutamento de mozos da zona que eran levados a mendigar ás grandes cidades do Estado e mesmo a París; algúns deles tiñan algunha deficiencia que era utilizada para xerar compaixón dos habitantes das cidades e outros simplemente eran "arrendados"ás súas familias a cambio dunha compensación. Era o que se chamaba "facer a manguela”, un xeito de saír da miseria e conseguir certo benestar diante dunha situación económica mala”.
Fai referencia Eliseo Fernández a un artigo de Ángel Fole publicado en El Pueblo Gallego en 1935, que leva por título Por las bravas tierras de El Cebreiro, no que di: "Algunos de estos glebícolas iban a pedir limosna a Madrid, Barcelona o París. Se trata de gente brava, acostumbrada a un rudísimo vivir, a quién no espanta ningún riesgo. A esto llaman aquí "facer a manguela”. Nos cuentan que a fines del pasado siglo existió en Francia una empresa explotadora de mendigos que llegó a obtener pingües ganancias. De estos lugares y del Caurel y Cervantes salieron muchos mozos que nutrieron el contingente mendicante de tan curiosa institución. Pregunto si todavía salen de aquí mozos a hacer la manguela. – Desde que as Américas se puxeron tan mal, non haberá máis remedio que volver a facer a manguela por esos camiños de Dios”.
Eliseo sostén que a orixe da palabra manguela pode ter que ver cun personaxe decimonónico dos cafés de Madrid, chamado Perico Manguela; sen embargo, no Diccionario Gitano de Francisco Quindalé, e noutros vocabularios de caló, aparece a palabra manguelo co significado de "pedido, encargo, comisión”; o que parece cadrar ben co negocio que describe Fole.
Había contratos de manguela
Realmente, onde esta práctica aparece recollida como un verdadeiro negocio xurídico, como un "arrendamento de servizos”, é nesa xoia literaria que leva por título Arqueología Jurídico-Consuetudinaria-Económica de la Región Gallega, de Alfredo García Ramos, publicada en Madrid en 1912. Este, desde unha perspectiva máis de señorito, non busca a súa orixe na miseria, senón na inmoralidade e na folgazanería, o que "da lugar a un hampa rural y traspasa los límites de lo picaresco para llegar a lo jurídico y ampararse en un contrato”.
Chega mesmo a transcribir un contrato de manguela datado en 1894 na vila de Suarna, que, como curiosidade, lle facilitara o avogado de Becerreá, Eduardo Rosón. E faino, a pesar da repugnancia que lle produce, "alentado por la esperanza de que de la publicidad de la institución, surgirá inminente la muerte de la misma”. Para García Ramos, o vocábulo manguela non pertence ao dialecto rexional, se non que "es término picaresco, quizá ideado por los mismos que la practican, recogido e importado de la vida trashumante, del nomadismo de truhanería”.
Describe tamén ás partes do contrato: "En esta costumbre de traza inmoral interviene un personaje a quién se llama por antonomasia el <amo>, dueño de un carro y oriundo casi siempre de tierras catalanas o de más allá de los Pirineos. Este sujeto recorre en las tierras de Becerreá e investiga dónde hay tullidos, paralíticos, ciegos o mudos, leprosos o escrofulosos, cojos o mancos, pues se nutre su comercio de la anormalidad, más digna de compasión que materia de mercantilismo.” Engade que cando non atopan "anormales, acuden a la gente moza y sana a los que sujetan a operaciones que les producen lacerías repugnantes o los obligan a fingir o simular sordomudez, cojera o cualquier otro defecto físico que inspire compasión”.
Insiste García Ramos no carácter foráneo dos manguelos, aínda que quen subscribe o contrato que reproduce é un xornaleiro veciño de Río, en Cervantes; o que quere dicir que, a finais do XIX, xa empezaban a xurdir emprendedores locais, como este, ou meu parente, de quen descoñezo o nome.
Cando meu tío levou o barril para adornar seu chalé da serra de Guadarrama, pesoume por el; e non polo barril en si, se non pola súa procedencia. Seguramente era un máis dos instrumentos do oficio de manguelo.
