Fóra de África
A miña primeira clase na universidade tivo lugar na materia de Novas Literaturas en Inglés e consistiu nun comentario sobre imaxes e temas en Memorias de África. Aínda estabamos a deconstruír a nosa imaxe de África e da literatura africana, polo que vista en perspectiva foi bastante lamentable. Supoño que lembrarán o filme, baseado na obra homónima de Isak Dinesen: Meryl Streep, Robert Redford, preciosos planos aéreos, a poboación local como figurantes dun drama alleo. Agora vemos o que non se vía nin en 2005 –cando tivo lugar esa clase–,nin en 1985 –cando se produciu a estrea da película: puro estereotipo—.
Que estes prexuízos non se superaron demóstrao a edición do ensaio África no es un país de Dipo Faloyin, no selo Capitán Swing, todo un exercicio de crítica sobre as imaxes que seguen a dominar a opinión sobre o continente aínda arestora e a pesar do estoupido do turismo e as viaxes no século XXI e, asemade, un canto de amor aos costumes dos países africanos.
Faloyin é nixeriano e un xornalista de longa traxectoria, na actualidade redactor xefe de Vice, a revista de xornalismo hipster nada hai tres décadas en Canadá. De feito, ábrese o libro cunha versión lixeiramente alongada e mellorada dunha reportaxe sobre a cidade de Lagos editada nesa publicación e durante toda a obra domina un ton lixeiro, con frecuentes apelacións ao lector e mesmo con toques de experimentación no ensaio —receitas, uso de cursivas, declaracións lapidarias e subxectivas do autor— que conseguen enganchar.
Dos comentarios que vimos de facer podería deducirse unha certa frivolidade que non é tal. A obra está lonxe do académico —non ten sequera bibliografía e a maior parte das referencias son a outras revistas de divulgación—, pero si é rigorosa, a comezar polas reflexións do propio Faloyin, Demostra o autor unha ampla formación histórica, tanto no período colonial coma nos avatares de países que, ao cabo, quedan moi afastados de Nixeria, caso de Ruanda ou Tanzania.
A loita principal de Dipo Faloyin ten que ver coa complexa realidade africana tal e como se aprecia dende Europa. Vimos de citar o caso de Ruanda, paradigmático. O pequeno país da rexión dos Grandes Lagos é unha referencia para todos os que vivimos os anos 90 polo terríbel xenocidio da etnia tutsi cometido en apenas unhas semanas polos hutus. A reconciliación semellaba imposíbel ata a chegada de Paul Kagame, presidente do país dende hai case un cuarto de século xa. Dende a indulxente Europa vese hai tempo a Kagame coma o dirixente africano ideal: elegante, de boas maneiras, educado, moderado... nada que ver co Idi Amin do filme ‘O último rei de Escocia. Só hai un pequeno problema. Relean as frases anteriores: Kagame leva 24 anos no cargo... o que, combinado coa falta de eleccións ou coa manipulación das mesmas, o converte nun ditador. Moi educado, iso si.
Tamén merecen atención os capítulos dedicados á vida diaria e os costumes reais dos africanos. Coa súa habilidade narrativa Faloyin trasládanos ao caos de Lagos, unha das megalópoles mundiais, cos seus atascos de tráfico, as impuntualidades e a comida de rúa. E nada máis divertido –e delicioso, porque probei a súa receita e animo ás lectoras a facer o mesmo– que lelo valorar as distintas formas de preparar o arroz ‘jollof’ e defender a superioridade da nixeriana, nun exemplo de que, no fondo, África non escapa das vaidades e rivalidades absurdas inherentes a calquera comarca, rexión ou continente no mundo enteiro.
