Guíndame lume

Nieves Rodríguez /AEP
Nieves Rodríguez /AEP
O debut como poeta de Neves Rodríguez, Cuspindo miserias, é un descarnado conxunto de poemas que se enfronta a diferentes experiencias vitais, convertidas nun berro de carraxe no que a existencia propia amosa a súa complexidade para relacionarse cos demais.

Estrea lírica de Neves Rodríguez exprésase dende unha poesía convertida nunha resposta de rebeldía ante diferentes situacións con que a vida, e os diferentes ámbitos das relacións humanas, nos rodea, e ás veces mesmo abafa, ante ás que se enfronta a autora dende unha situación ateiga de forza e valentía, que converte ao libro nunha axitación íntima somerxida nunha honestidade sentimental que é a mellor achega que nos ofrece, aínda máis se o calibramos dende a paisaxe dunha primeira obra, chea sempre de medos, dúbidas e inquedanzas.

O amor como contexto no que a paixón e o desexo compatibilízanse cunha confianza que adoita esmorecer en función de diferentes circunstancias, ten moitas veces na poesía unha sorte de reflexo das sensibilidades dos seus distintos protagonistas. Neves Rodríguez responde dende a súa proposta poética a unha situación de perda, a un laio que vai definíndose como un berro ao sentir cómo evoluciona esa circunstancia cada vez máis complexa e desasosegante.

Cuspindo miseras, saído do prelo de Galaxia nesa colección Dombate, da que esta semana coñecimos unha feliz noticia ao situar na súa dirección a unha poeta e muller tan valiosa como Tamara Andrés, ten moito diso que se acubilla no seu título, como é ese botar cara fóra algo que se acumulou no interior da súa autora durante moito tempo, unha sedimentación de diferentes procesos que desembocaron neste poemario salvaxe que sorprende en moitos aspectos dende esa perspectiva que temos que ter sempre presente dunha primeira obra. De aí que o que poderiamos pensar como algo moito máis domesticado, máis cercano a unha poesía de carácter tradicional, percibímola dende os primeiros poemas como unha poesía chea de radicalidade, dotada dunha visceralidade que parte xa non só do seu argumentario, senón tamén da súa conformación física.

De aí o intelixente emprego dunha linguaxe directa, chea de fereza, na que se empregan suxerentes expresións, mesmo noutros idiomas, e que xunto á colocación dos textos e das palabras ao longo das páxinas, nos falan dunha aposta moi arriscada por parte de Neves Rodríguez. A ela coñecémola máis polas súas participacións en diferentes programas televisivos da canle autonómica e polo seu recente labor de actriz, no que xa nos demostrou moito dese potencial expresivo que agora agroma noutro territorio, o da poesía, no que a acollemos non só dende a realidade dun primeiro traballo, senon tamén dende unha perspectiva de futuro ben vizosa.

"Canto pode aguantar un corpo?", é a pregunta coa que se nos presenta o poemario na súa contracapa. Esa resistencia física e mental está detrás desta proposta que evoluciona dende palabras como carga, caída, encontro, consolo ou morte, baixo as que se agochan eses diferentes poemas que non deixan de ser un itinerario visceral no que o ser e o estar da persoa defínense coa precisa contundencia empregada en cada unha das súas estacións de paso. "Ser é permanente; estar é transitorio", escribe Neves Rodríguez, na distinción desas dúas situacións que toda persona acolle na súa existencia, atendendo ao continuo, máis vencellado con nós mesmos; e ao temporal, a aquelas continxencias coas que ese devir polo camiño da existencia te vai sorprendendo, alegrando, defraudando, danando... en definitiva, convertendo cada unha das nosas relacións cos demais en pequenos e insospeitados vieiros enxeridos nese gran tránsito xeral.

Fala Neves Rodríguez de "eternidad baleirada", de "habitar en ti", da "linguaxe da banalidade", en definitiva, o emprego dunha serie de expresións que impactan no lector na procura dunha reflexión compartida, con ese axente, o tempo, que sen darnos conta vaise incorporando ao longo deses textos como o gran desencadeante de todo ese proceso con que dun xeito individual cada un de nós pode analizar a súa propia vida, dende ese ser e ese estar, e cómo os nosos fíos cos demais non poucas veces enrédanse dunha insospeitada maneira, sendo aos que se enfronta Neves Rodríguez nunha trincheira poética na que semella estar e sentirse chea de forza.

Comentarios