O humor nos tempos do cólera
EN GALICIA cando rimos, rimos, e cando pensamos tamén rimos. Fernández de la Vega (Friol, 1914; Lugo, 1986) escribe en O segredo do humor (1963) que o humor "é un esforzo por superarmos a propia debilidade e, mesmo por iso, algo verdadeiramente serio que se agacha baixo a aparente broma".
Celestino pensa canda Ramón Piñeiro (Láncara, 1915; Santiago, 1990). Ramón é un ano máis novo. Ambos se relacionan en Lugo. Pero hai un filósofo máis vello ca eles, Domingo Carvallo González (Lugo, 1897; Madrid, 1980), que foi discípulo de Ortega en Madrid, e de Husserl, Heidegger e Heisenberg en Alemaña.Será Carvallo quien abra a ambos o panorama do pensamento alemán.
Fixera carreira militar a contragusto.
—Carvallo, dedíquese á filosofía —aconselloulle o seu profesor Ortega i Gasset.
O alumno asentara xa na cidade natal como inspector de Abastecementos, pero aborrecía. Gasset non solta o comentario coa lixeireza coa que opinamos sobre o futuro dos fillos doutros pais. Fala coa Casa de Alba para que financie a marcha de Domingo Carvallo a Friburgo. Alí, aprenderá de Husserl entre 1928 e 1930, onde Hannah Arendt.
Con todo, non logra ser filósofo no sentido profesional. Volve a España como capitán de carabineiros. Na chegada é detido polos golpistas por ler "libros sospeitosos en alemán", por moito que eles non fosen quen de comprender os textos. Despois de ser liberado por un sacerdote con máis visión de campo, regresa a Friburgo, na Selva Negra. Martin Heiddeger acepta compartir departamento con Carvallo. Aprecia tanto o mecanismo lóxico que aplica o lucense ao ente como os embutidos que trae cando regresa á casa, en Lugo.
Posteriormente, o pensador galego combinaría a filosofía heideggeriana do ser coa nova visión da naturaleza que emerxía da física cuántica.
Carvallo, como Celestino e Piñeiro, lamentaba que o galego fose unha lingua doméstica e lírica. Demostraron que tamén é válida na abstracción. Confabúlanse para traducir Da esencia da verdade, inédita aínda en todo o Estado. Fernández de la Vega faille a proposta a Ramón Piñeiro paseando polo parque de Rosalía de Castro, en Lugo. O ensaio, de 1943, aparece en Galaxia doce anos máis tarde cunha presentación do seu autor, Martin Heidegger. A benemérita censura tivérao uns anos en corentena porque prohibía traducir a "lenguas regionales".
Celestino Fernández de la Vega , finado hai catro décadas, escoitaba todas as mañás e todas as noites emisoras alemás para practicar o idioma. Cando viaxa á Coruña buscaba mariñeiros para falar a lingua entre as tripulacións de barcos polacos e alemáns chegados a porto. Nos concertos tamén esperaba ata o final por se algún músico tiña orixe bávara. O seu derradeiro artigo trata sobre o seu compañeiro de departamento en Friburgo.
A colaboración apareceu en El Progreso no mesmo día en que o diario local publicaba a noticia do seu pasamento, o 25 de marzo de 1986, con 71 años de edad. Faleceu no río Miño, no medio que amaba.
Gustaba de percorrer a paisaxe para gozala en cada matiz. Rexeitaba conducir porque lle distraía de mirar fóra do coche. A súa muller tamén amaba a paisaxe, polo que determinaron que ela, María Luisa Maceda, tampouco conduciría. Os desprazamentos confiábanllos a un taxista de Friol, Ferreiría. "Un irmán meu casou en Mahón. Fomos ata Barcelona e dende alí en barco", lembraba moitos anos despois María Luisa.
Ese interese pola vida, ese Deus sive Natura, ese equiparar a divinidade coa superficie máis pura do mundo nun panteísmo, fai que Celestino me recorde a Baruch Spinoza. Pero o filósofo dos Países Baixos eleva a naturaleza ao espiritual, mentres que Fernández de la Vega liga a natureza coa saudade e o humor en 'Abrente e solpor da paisaxe' (1958). Escribe nesa obra que "o humor é o esforzo máis intelixente do home por se liberar da súa tediosa condición, e esa liberación móvese sempre nunha paisaxe concreta, aínda que non se nomee". Hei de recoñecer que Celestino atende máis á existencia que a unsistema racional, que o seu pensamento ten máis relación co home e a terra, co antropolóxico, que coa visión metafísica de Spinoza.
Malia ese arraigo no real, María Luisa Maceda lembraba de cando viaxaba co seu home. Chamaban ao taxista Ferreiría. "Pasada media hora dende a saída de Lugo, Celestino preguntábame: Levas cartos?". A viúva do filósofo lucense engadía: "Non se decataba de nada, nin do que comía; non cambiou unha bombilla na vida", sinala para remachar que "non facía ningún traballo manual. Escribía a man ou dictábame".
Celestino estaba a outras cousas, estaba a falar sobre Heidegger paseando sobre a muralla con Ramón Piñeiro, estaba a catalogar o humor galego. Cando neno, era coñecido coma Cerimonias: "Caneaba con arte todo canto lle saía ao paso", escribe o seu biógrafo Ramón López Vázquez.
O enxeño chegoulle por partilla hereditaria do pai, Higinio Fernández de la Vega. Era un notario coñecido como Pepe das Festas pola súa retranca e a capacidade para compoñer versos divertidos que poñían a rir aos concorrentes ás feiras de toda a Terra Chá, que el percorría continuamente para prestar atencións profesionais.