Lloréns no seu 150º aniversario
Este ano de celebración arredor da figura do pintor Francisco Lloréns (A Coruña, 1874-Madrid, 1948) celebrouse recentemente unha actividade en Betanzos, no Salón Azul do Edificio Liceo Arquivo do Antigo Reino de Galicia, ata onde o Consello da Cultura levou a organización dunha excelente xornada baixo a coordinación de Rosario Sarmiento, membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que, co título de Francisco Lloréns. Paisaxe e territorio, analizou a súa figura como artista así como a súa íntima relación cun territorio, o das Mariñas coruñesas, protagonista case único da súa obra e que tivo en Betanzos un espazo de referencia, de aí o atinado desa escolla para a súa celebración.
Os relatorios a cargo de nomes como os de Federico López Silvestre, baixo o título de Non é pintable a paisaxe de Galicia; Miguel Anxo Seixas Seoane, co seu Enmarcar Galicia; e a propia Rosario Sarmiento, coa conferencia Francisco Lloréns, pintor das Mariñas, permitiron unha reveladora achega a esa figura, como a de tantos outros nomes da nosa plástica, coa que os anos non foron excesivamente xenerosos en canto a súa consideración e valoración da súa relevancia artística por parte da sociedade.
Cunha sólida formación obtida na Escola de Belas Artes de San Fernando, onde tivo como profesor ao gran paisaxista do século XIX, Carlos de Haes, posteriormente viuse completada co contacto con outro gran pintor, Joaquín Sorolla, no seu propio taller, o que significou unha evolución na súa consideración da paisaxe e cómo reflectilo sobre o lenzo dende unha nova percepción da luz e da pincelada. Unha bolsa da Real Academia Española en Roma, permitiulle, ademais da xa de por si enriquecedora estancia italiana, percorrer diferentes contextos artísticos europeos como París ou os Países Baixos, que serían especialmente relevantes pola impresión que a paisaxe desa zona tivo no seu traballo aportando novas posibilidades e solucións a unha obra que tamén, como acontecera con Sorolla, mudou na incorporación dunha modernidade creativa que viña a discutir certas cuestións máis tradicionais da pintura de paisaxes, mesmo enfrontándose aos postulados do que fora o seu mestre na Academia de San Fernando, Carlos de Haes.
Cunha vida entre Galicia e Madrid, a segunda como espazo profesional e a primeira como irrenunciable ámbito de descanso nos veráns, a contemplación do natural converteuse sempre na primeira liña de traballo de Francisco Lloréns. A impresión no propio contexto, a obriga de enfrontarse á natureza co cabalete chantado na terra, ante unha paisaxe, escrutando as posibilidades dunha árbore, dunha ría ou dun cantil, converteron a Francisco Lloréns nun asiduo de toda esa contorna que se define arredor da propia cidade da Coruña dende concellos como os de Sada, Oleiros, Culleredo, Carral ou Betanzos onde moitos dos seus cadros se deixaron levar pola engaiolante visión obtida dende puntos moi determinados, e perfectamente recoñecibles hoxe, nos que o pintor sente a necesidade de converter esa visión nunha pintura que os inmortalizaba cara a eternidade.
Poucos pintores tiveron una relación tan intensa cun territorio concreto o que levou a que a súa figura sexa a protagonista da chamada Ruta do Impresionismo da Mariñas que leva dende o ano 2016 desenvolvendo un meritorio traballo de estudo, análise e divulgación da súa obra, sempre en relación ao seu contexto que mesmo forma parte dunha rede europea que pon en valor o traballo de pintores relevantes en espazos naturais determinantes na súa obra.
Membro das Academias Galega e Madrileña de Belas Artes, a súa relación con diferentes persoeiros importantes da cultura e sociedade do seu momento, como Ramón Cabanillas, Castelao, Antonio Palacios ou Enrique Peinador, sitúan a Francisco Lloréns nunha destacada posición no seu contexto histórico. Os tres relatores desa xornada subliñaron, dende diferentes puntos de vista, esa importancia, a da teorización dunha nova paisaxe, por parte de Federico López; como esa representación tamén responde á evolución histórica e física do noso territorio, no caso de Miguel Anxo Seixas, e a importancia de entender a pintura de paisaxes dende o propio ámbito da natureza, no caso de Rosario Sarmiento.
