Mulleres, traballo, memoria

Obra de Mar Caldas. EP
Obra de Mar Caldas. EP
Mar Caldas amosa no CGAC un traballo específico para este espazo no que reflicte o seu compromiso coa muller traballadora e o menosprezo que durante moitos anos tivo un labor que formaba parte dun sistema no que a violencia contra elas formaba parte da súa estrutura.

Ocupa a totalidade do andar baixo do CGAC unha obra que abre dende o primeiro momento en nós unha reflexión sobre o vivido por tantas mulleres. Primeiro dunha maneira máis estética, dunha sorprendente beleza que acada Mar Caldas cunhas fotografías excelentes de mulleres en diferentes ámbitos de traballo e que, a medida que progresamos na exposición, vaise escurecendo esa beleza na procura dun traballo máis documental e de rescate dunha memoria íntima que nunca deberiamos deixar caer no esquecemento, como un símbolo de respecto colectivo polo que somos e polo que sofriron tantas.

Contra ese esquecer é precisamente contra o que traballa Mar Caldas, dende a súa conciencia de clase como muller traballadora, xunto o labor de comisariado de Monse Cea, para fornecer ambas un relato cheo de forza, dunha extraordinaria visibilidade e contundencia formal, acadando mudar ese foco patriarcal no que a arte caeu e mesmo cae, unha e outra vez, para poñer a muller nese centro dunha nova actividade artística.

As fotografías, cheas de luz e vida con que se nos recibe na mostra, forman parte da serie Facedoras, con localizacións en Bueu e no Baixo Miño. Mulleres que en poses de coñecidas obras de arte de Maruja Mallo ou Luis Seoane, tamén de Velázquez ou Goya, converten o seu traballo nunha representación icónica dos seus diferentes labores, tan vencellados ao territorio, aos nosos produtos agrícolas e do mar. 

Un cambio de paradigma que funciona visualmente dun xeito extraordinario e que acompañan a unha das grandes pezas da exposición a Guía postal de Lugo (1936-1976), na que continúa de xeito simbólico a proposta de Maruja Mallo, pero que agora se converte nun reflexo do tempo ao que alude o conxunto da mostra, ao integrar diferentes postais de traballos e todo un ronsel de frases que aluden a ditos populares nos que o papel da muller na sociedade considera menor, obxecto de burla ou de abuso pola condición masculina.

Palabras e imaxes situadas dunha maneira moi especial, nunha mestura de cores como branco, negro, gris e vermello, e todo nunha disposición xeométrica que crea unha especie de gaiola na que se pechan a esas mulleres.

O seguinte dos espazos acolle unha videoinstalación, 100% contigo, na que tres proxeccións fotográficas de traballadoras do Rosal, mesturan o traballo máis profesional co traballo do cotiá, o dos labores da casa –evidentemente aínda más silenciados e nunca tidos en conta como parte desa semiescravitude na que se atopaban as mulleres–, fronte ás que nos temos que sentar como na observación dun espectáculo que se crea coa instalación das cadeiras e unha escenografía na que se incide dende a propia autora da exposición.

Abafante achega documental

Retrato de familia ocupa as salas finais da exposición, nunha abafante achega documental que precisamente transmite ese balbordo que ensombrece un tempo de deshumanización, de permanente violencia inxerida na sociedade, mesmo burocratizada, e que todo o engule. Ao fondo desta materialización dun tempo os feitos traumáticos dos que é herdeira Mar Caldas: o fusilamento do avó, José Caldas, sindicalista de UGT e concelleiro socialista en Vigo, en maio de 1937 e cómo esa pegada forma parte das persoas que integran esa familia, en maior medida, nas propias mulleres como herdeiras dunha violencia que se mantén acesa ao longo do tempo e arredor da que se reflexiona en toda esta instalación.

Unha interesante exposición na que a dialéctica feminista e da memoria teñen no traballo, na súa función na sociedade e mesmo de dominio das persoas, o elo axeitado para amosar cómo ambas formaban parte dunha mesma temática arredor da cal unhas xornadas nas vindeiras semanas virán a completar o que se recolle na exposición. Os días 19 e 26 de marzo, e 9 e 10 de abril, ofrecen unha serie de palestras arredor de temas vencellados á memoria, ás fotografías familiares, aos lugares da memoria, o mundo laboral das mulleres no franquismo ou a situación laboral das mulleres no rural galego.

Comentarios