Prestixioso crítico literario
O de prestixioso vai porque sae de primeiro en Google cando nos concellos teclean iso: crítico literario. Buscan alguén que lles presida o xurado do premio que convocan por facer algo de gasto, tampouco demasiado, niso da cultura; este nunca un problema deu, nunca mal de ninguén falou e sempre ve as cousas en positivo, que a cada novidade lle parece unha obra mestra. E a cantos máis xurados preside máis arriba no Google sae. Ás veces ten que mirar de esguello a ubicación no móbil para non dicir nada inadecuado, como louvar a vizosa e alicerzada narrativa social das terras de Valdeorras, cando alí a tal cousa a desprezan e nada gusta máis que a poesía épica de corte homérico.
Comprendémoslle o lapso. Cando levanta eses ollos azuis do monte de orixinais que ten diante e mira para os seus compañeiros, ben sexa na aséptica sala de reunións municipal ou nas pantallas saturadas do zoom, son sempre os mesmos: o técnico de cultura, barba cana e palestina, a coordinadora do club de lectura, que non se dá manexado co ordenador, a profe de galego, coa voz e a mirada apagadas pola medicación.
Desbotada con elegancia e profesionalidade a broza habitual (cousas escritas dende o interior de habitacións acolchadas, ocorrencias de xubilados, orixinais que non casan coas bases do certame pero as mandaron igual porque el no ya lo tienes) o noso protagonista adopta unha pose pantocrática e de corrido ilustra aos seus compañeiros.
—Benqueridas amigas, na miña humilde opinión todos estes seleccionados son merecedores de levar un premio á vibrante altura do concello de (e mira o móbil de esguello e di o nome con vehemencia) pois aquí están os mellores das nosas letras, sempre prestos á chamada da cultura. Pasemos, se vos parece, a analizar as que destaco como máis sobranceiras. Esta, Detective Ali, a policial e humorística historia dun señor pakistaní que resolve crimes mentres atende un kebab no centro de Ourense, seguro que se vos fixo coñecida. Claro, porque é da supervendas Camino J. Atorrante, a da inesquecible Comisaria Instinto Atormentádez (a coordinadora do club de lectura asinte coa cabeza enérxica como a nena que sabe a resposta nun exame sorpresa) Vese que quere cambiar de rexistro. Por outra banda atopei interese en Machote Machete, sobre a heroína feminista que baila reggaetón cas súas amigas, moi fresca e actual. Pode ter boa recepción nos institutos e se tal como adiviño está detrás dela Aloia Lajusticia (a profesora de galego sae do seu letargo e lembra como as quince copias de Vingadoras andan sempre ocupadas na biblioteca) pode dar moito xogo nas visitas escolares, engaiolante e moderna como é, que ata ten unha tatuaxe e di palabras como en plan. Este de aquí xa lle recoñezo o cheiro da súa copistería de toda a vida: un clásico, Afónso Belhouco.
As loitas do sector naval
Proponnos un gran collage histórico das loitas no sector naval (obvio que tiña que saltar o técnico de cultura, pouco habituado a falar libremente, nunha extensa diatriba sobre a conciencia de clase, que agora todo o mundo anda amariconado, e todos finxiron interese e que non miraban para o reloxo) contadas por varias xeracións. Hai que agradecerlle ao noso prezado Afónso esa chiscadela aos novos lectores incluíndo na trama un escuro segredo que ocultan por décadas as mulleres dos obreiros.
O señor da palestina e as barbas protestou, estimulado porque lle escoitaran antes, ante ese desvío ideolóxico, e o prestixioso crítico tivo que tirar de oficio para meter a deliberación polo rego.
Uns días máis tarde soa o móbil de Chano Fernández, escritor e funcionario, perdón pola redundancia. Xa tiña gardado o número, como fai cos dos 313 concellos galegos, as catro deputacións, a consellería de cultura, a de varios centros galegos no exterior e as dúas editoras que lle publican só cando gana un premio, que vén sendo case todas as semanas. Antes de contestar mira o excel que ten sempre a man para comparar o teléfono (este é do Concello de Montemerda, poboación 200, un instituto, un club de lectura) e a obra que mandou para o certame. Dinlle que parabéns, que por maioría do xurado Bágoas de buxo fíxose co Montemerda Cultura. Que tal día pode vir recoller a figura de Sargadelos e facer unha foto ca alcaldesa. Que en palabras do presidente do xurado a vizosa e sensible prosa do autor acompañan maxistralmente o emocionante relato de Carme, unha muller brava que loita contra as inxustizas que azoutaban o agro galego nos tempos de antes. Catro medios fanse eco do premio. Para dous ganou Charo Fernández, outro Salustiano Fernández, outro non cita o nome do galardoado pero si que foi mostra da viva que está a nosa cultura.
