Surrealismo compartido
FOI UN dos grandes ismos do periodo artístico de entreguerras, facendo do irracional e do valor do inconsciente fundamento dunha creatividade que procuraba enfrontarse a un contexto real que viña de comprobar a barbarie á que podía chegar o ser humano coas atrocidades da I Guerra Mundial. O primeiro Manifesto Surrealista de 1924 e o segundo, en 1929, viñan a darlle carta de natureza a un movemento que tivo moitas digresións nas súas opcións, e que da man dos seus protagonistas, dende Breton a Dalí, ou de Éluard a Magritte, pasando polos Man Ray ou Tzara, rexistra unha enorme diversidade de formas e teorizacións.
Dende o centro de Europa comezou a espallar as súas posiblidades en moitas outras xeografías artísticas e así aconteceu tanto en España como en Galicia, en absoluto desconectadas ou ignorantes do que acontecía no resto do orbe plástico. Iso era algo que xa sabiamos, pero o que ten de interese este tipo de mostras, que de xeito tan audaz propón Carlos L. Bernárdez, e cómo artistas de latitudes distantes, como pode ser o caso do de Silleda, Manuel Colmeiro, e o albaceteño, Benjamín Palencia, atopan xeitos de expresión moi próximos, respondendo a unha mesma identificación cos seus contextos, reflectido no título da propia exposición: 'A profundidade esencial da terra',
ecuperando unha frase empregada polo crítico de arte Enrique Azcoaga sobre diferentes relacións entre os artistas da Escola de Vallecas á que pertencía Benjamín Palencia. Xunto a esa identificación territorial a outra concomitancia vén dada por un similar xeito de expresión, con semellanzas formais que rapidamente podemos enguedellar con outras formas recoñecidas dese mesmo contexto surrealista nas que se entremezclan resonancias picassianas, con imaxes biomórficas ou esas trazas elásticas que non fan máis que visibilizar unha tentativa por deformar a realidade.
A sala do primeiro andar do centro artístico vigués contén un número de obras non moi amplo, pero dunha gran calidade e coa contundencia suficiente para amosar esa proximidade entre os dous xenios pictóricos. Nunha das paredes temos toda esa obra de Manuel Colmeiro, abofé que non moi coñecida en relación a outro tipo de pinturas máis representativas da súa traxectoria, pero que todas elas sorprenden, xa non só pola insistencia nese novo vieiro, senón pola súa calidade, e por cómo non lle teñen nada que envexar a outros surrealistas moito máis aplaudidos e recoñecidos. Todas esas formas orgánicas, ese deambular de sombras, de personaxes, en varios casos cun forte vencello coas terribles consecuencias da Guerra Civil española e a represión, con representacións de afogados que propoñen esceas nos que se recrea un ambiente líquido que mesmo semella onírico, enchendo de tensións e dramatismo ese momento. Ao rematar con esa parede cambiamos de creador, non sen antes deternos un instante nunha marabillosa peza en cor, cunha especie de observación dun estudio artístico, cunha cabeza de corte picassiana e unha escena ao fondo dunha pietá, xerando toda unha correlación de imaxes que se moven de xeito firme nese diálogo surreal de imaxes aparentemente inconexas entre elas.
Benjamín Palencia, membro da Escola de Vallecas, como xa dixemos, e que en varios dos seus integrantes tivo presente esa estética surrealista como maneira de representar a relación do ser humano coa terra, cun contexto biolóxico, case xeológico, conectado cos traballos agrarios. Toda unha sensorialidade dese contexto no cal a figura humana semella converterse en natureza, figuras humanas que solidifican en formacións pétreas e que de novo viñan a traballar nesa dialéctica con representacións de culturas primitivas ás que, de novo cos ecos das pegadas de Pablo Picasso, se tiñan moi presentes nestas novas teorizacións formais da plástica.
Benjamín Palencia e Manuel Colmeiro tiveron, polo tanto, nos ecos formais do surrealismo dos anos trinta, un desafío creativo ao que non renunciaron como parte activa, que ambos foron, dese contexto internacional que tan ben se reflicte aquí, nesta atinada escolla de tintas que amosan a calidade artística de ambos, e o seu interese por non sentirse afastados dun bulir creativo que tivo nese ismo unha das súas linguaxes máis representativas do momento.